Uxía Lorenzo gaña o concurso de debuxo do Consorcio do Louro no Porriño

Uxía Lorenzo Alonso, do CPR Hermanos Quiroga resultou gañadora no Porriño do concurso de debuxo infantil convocado polo Consorcio de Augas do Louro. Ao igual os outros tres gañadores (Sofía Campos en Mos, Arantxa Díaz en Salceda de Caselas e Eduardo Ríos en Tui) recibiu como premio unha tablet, que lle foi entregada polo presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo , a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro e o tenente de alcalde de Mos, Camilo Grandal, nun acto celebrado onte nas instalacións da EDAR de Guillarei, no cal agradeceron á cativada a súa participación neste concurso e o seu compromiso coa auga, o medio ambiente e o coidado do planeta.
 
Son amigos, aman a natureza e teñen unha misión: protexer a auga e mellorar o mundo. Eles son os integrantes da Cuadrilla Sostible, os personaxes da historia na que se sustenta este certame baixo o título “QUAL e ODS6, Acuaventura coa cuadrilla sostible”. Ademais dun gañador por cada municipio, establecéronse dous finalistas cuxo premio consistiu nun reloxo dixital. As agraciadas no Porriño foron Uxía Romo Otero e Carolina Estévez Rodríguez do CPR Hermanos Quiroga.
 
Nesta sexta edición recibíronse un total de 274 debuxos, procedentes de 16 colexios dos catro concellos que integran o Consorcio, no que debía quedar reflexado o coidado da auga e do medio para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
 
“Trátase dun xeito lúdico de concienciar á cativada no uso responsable da auga, dándolle a coñecer a importancia que este recurso ten nas nosas vidas e as claves para protexer a biodiversidade”, explica o presidente do Consorcio. Así, ao longo desta aventura danse exemplos de reciclar, de non malgastar a auga, de usar menos plásticos, non estragar a comida, de que cousas non se deben tirar no inodoro…todo dun xeito didáctico e divertido da man duns personaxes animados que , ao final da historia, invitan a poñer en práctica todos os bos consellos aprendidos.
 
Os debuxos gañadores e finalistas, os cales están colgados e se poden ver na páxina web do Consorcio (consorciodolouro.es), protagonizarán o calendario que a entidade edite para o 2024, ilustrando cada un dos meses do ano.

Charlot Bennet convértese na primeira “Drag Queen do Porriño Orgulloso”

 
O Porriño celebrou onte o día do Porriño Orgulloso co seu primeiro certame de Drag Queen e o espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”.
 
Nunha praza ateigada a porriñesa Charlot Bennet coronouse como Drag Queen do Porriño Orgulloso 2023 coa súa fantasía “Yea queso”, cunha alegoría no seu vestiario a un traxe de boda. Detrás de Charlot está Adrián Rodríguez que se impuxo pola súa presencia sobre o escenario, a súa valentía e a forza que transmitía o seu show.
 
O segundo premio foi para Electra-Tra (Samuel Fernández) coa súa fantasía “Y punch” e o terceiro para Ketty Pinn (Aitor Martínez) con “Prepárese que llegó la reina”. Os recoñecementos están dotado cun premio económico de 500 euros para a gañadora e 300 e 200 euros para a segunda e terceira clasificada.
En total foron seis as propostas que pisaron o escenario, con Kim Miller (Santiago Fernández), Marlen (Oliver Soto) e Conchita y sus almejas (Fátima Armada) completando a lista de participantes.
 
Unha vez rematado o certame deu comezo o espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”. Unha vez máis, o porriñés David Bugarín puxo en pé a praza co show.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo lanzar unha mensaxe de respecto e liberdade no día do Orgullo LGTBI+, “vivamos e amemos en liberdade e nunca, nunca, renunciemos a ser quen somos. Oxalá pronto non teñamos que seguir reivindicando algo tan esencial como o respecto”.

Arranca no Porriño o verán máis divertido

O vindeiro 3 de xullo dará comezo a primeira quenda do Campamento de Verán do Porriño e como ben sendo costume desenvolverase en instalacións municipais.

O lugar de entrega e recollida dos e das participantes será na porta principal do pavillón municipal do Porriño no horario indicado nas bases, de 8:45 h a 14 h.

Os rapaces e rapazas deberán levar ropa cómoda, unha viseira, protección solar, calzado cómodo e outro de reposto para poder utilizar, no seu caso, as pistas do pavillón, unha mochila co calzado de reposto, merenda e auga.

No caso de precisar algunha vestimenta diferente, como pode ser a equipaxe propia da piscina, serán os monitores e monitoras as persoas encargadas de comunicalo.

Recordade que as únicas persoas autorizadas para entregar e recoller aos pequenos do Campamento serán as que instaron a solicitude. No caso de ser outra persoa quen se encargue, esta deberá ser maior de idade e levar xunto aos monitores e monitoras a autorización correspondente, asinada con copia dos DNI da persoa autorizante e autorizada

O Concello do Porriño duplicará a axuda anual a ACEESCA

O Concello do Porriño duplicará no 2024 a súa axuda anual á Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual ACEESCA. Así o anunciou hoxe o alcalde, Alejandro Lorenzo, no acto de presentación do proxecto da Escola Profesional Aceesca que se celebrou nas súas instalacións no polígono industrial de As Gándaras.
 
Así, a achega municipal a esta entidade social pasará de 10.000 euros anuais a 20.000, para facilitar o labor social que desempeñan no Porriño e en moitos concellos da contorna dende hai xa catro décadas.
“O traballo que realizan é imprescindible e permite que as veciñas e veciños do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión”, destacou o rexedor, “Por iso contarán sempre co respaldo do Concello no que precisen. Asegurar que se cumpran os dereitos das persoas con diversidade é tamén unha aposta de futuro, xa que todas e todos somos membros activos desta sociedade”.
 
A primeira escola profesional adaptada de Galicia está no Porriño: ESCOLA PROFESIONAL ACEESCA
 
Lorenzo puxo en valor a importancia do proxecto da Escola Profesional que hoxe se presentaba ao tecido empresarial do Porriño salientou que “permitirá romper moitas barreiras que separan ás persoas con diversidade do seu dereito a traballar”.
 
Cabe destacar neste sentido que a Formación Dual Adaptada, que se impartirá nestas instalacións, é a fórmula máis acaída para capacitar ás persoas con discapacidade para o seu acceso ao mercado e así o demostra a experiencia colleitada por Aceesca dende a posta en marcha do seu proxecto piloto en 2019.
Os alumnos/as combinan dende o primeiro día formación no posto de traballo cun contrato remunerado a media xornada, baseado na metodoloxía aprender-facendo.
 
Aceesca conta dende o ano 2006 cun centro especial de emprego, Aceesca Emprego, e agora preséntase a nova marca do mesmo, LUME, cuxas principais actividades productivas son a Xardinería e a Limpeza e que na actualidade da traballo a 60 persoas.
 
Ante a imposibilidade de espacio para levar a cabo a variedade de especialidades formativas que require o mercado laboral, o Concello do Porriño cedeu un terreo no polígono de As Gándaras de 9000 m2 para a construción da Escola Profesional Aceesca. As instalacións contan cunha superficie construída aproximada de 3.000 m2, ademais da zona destinada á agrocompostaxe.
 
A primeira fase estará finalizada a mediados de 2024, podendo trasladarse xa a actividade actual, e quedando tan só pendente a zona de Restauración para unha segunda fase. O obxectivo é que estea finalizado a principios do 2025.

O Goberno Municipal leva a pleno a súa proposta de orzamentos para o que resta de exercicio

O goberno municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, levará nas próximas semanas a pleno a súa proposta de orzamento para o que resta de ano.  

As contas que se presentan para rematar o exercicio 2023 ascenden á cantidade de 19 M de euros, incluíndo de forma equilibrada a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respectando o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

“É unha planificación económica ambiciosa, cun marcado carácter expansivo, xa que experimenta un crecemento dun 36,23% respecto do orzamento vixente, prorrogado de 2018, sendo o máis elevado da historia deste concello ao superar en 5 M de euros ao anterior”, explicou o rexedor, “Pero, sobre todo, trátase dun orzamento real froito dunha análise exhaustiva das necesidades primordiais do Concello, da xestión eficiente dos recursos públicos e elaborado con prudencia, rigor e pensando nun achegamento á cidadanía para dar unha resposta áxil e inmediata ás súas demandas máis urxentes”

O rexedor apuntou que a proposta que se levará a pleno está feita a medida para regularizar no que resta de exercicio a situación económica na que se atopaba o Concello, unha situación orzamentaria insostible que provocou ter que iniciar o ano con expedientes de modificación orzamentaria. “É un orzamento de transición, que nos vai permitir poder encarar os seguintes partindo dunha situación administrativa regulada e dunhas contas saneadas. Por iso, lonxe de rematar a tarefa con este documento, estamos a traballar xa no do 2024, no que poder dar cabida a cada unha das demandas da sociedade porriñesa”.

Eixos fundamentais de actuación: servizos básicos e programas de contido social

O novo orzamento céntrase en garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos, así como dos programas de contido social: promoción e benestar social, axuda no fogar, gasto en educación, fomento de emprego, carencia enerxética, promoción do deporte de base, desenvolvemento cultural, etc., aumentando con carácter xeral todas políticas de gasto.

A liña principal de traballo marcada polo executivo para a planificación dos ingresos foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno e necesario aforro para os petos da veciñanza. Para facelo posible, destinarase remanente para levar a cabo as inversións necesarias. No tocante aos gastos céntrase na dotación necesaria par atender aos compromisos adquiridos co persoal, proveedores e novas contratacións, destacando o incremento substancial da prestación de servizos a toda a comunidade, de maneira regulada e legal.

Hai que resaltar o compromiso do goberno por manter e reforzar os servizos sociais e a mellora dos servizos municipais consignando no orzamento a tal fin a maior porcentaxe de gasto, con 2 M de euros destinados a asistencia social.

Novas áreas de goberno reforzarán a atención ás persoas e a prestación de servizos

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou hoxe a nova estrutura do goberno local e delegacións de competencias.  O rexedor aposta polo proxecto iniciado dende que preside a corporación dando continuidade ao labor que levaron a cabo os concelleiros e concelleiras no último ano , un labor apoiado na experiencia e a xestión que se reforzará coa creación de novas áreas que ampliarán a calidade do servizo que se presta á veciñanza.

“O Porriño afronta grandes retos nos próximos catro anos e para facelo contará cun equipo comprometido, eficaz e cohesionado que traballará de forma transversal para atender as necesidades dos veciños”, explicou o rexedor, “Centraremos a nosa liña de traballo na atención ás persoas e na correcta prestación dos servizos públicos, e para iso creamos novas áreas que reforzan as actuais como a de Participación cidadá e asociacións, Consumo, Migración, Infancia e Promoción e xestión da vivenda”.

Estas novas concellerías traballarán de maneira coordinada coas xa existentes, permitindo ao equipo de goberno dar unha maior resposta ás necesidades que se detectan no eido dos servizos e do social, os dous piares nos que Lorenzo sustenta o seu proxecto para O Porriño.

Asemade, designaranse catro tenencias de alcaldía que corresponderán a Carlos Martínez, Carolina González, Abel Estévez e Antía Carrera.

O rexedor convocou xa o pleno de organización, que se celebrará o luns 26 de xuño ás 9h.

Reparto de áreas

  • Alejandro Lorenzo: Facenda e Persoal
  • Carlos Martínez: Industria, Contratación e Patrimonio
  • Carolina González: Educación, Igualdade e Normalización Lingüística
  • Antía Carrera: Urbanismo, Promoción e xestión da vivenda, Medio Ambiente e Mercados
  • Abel Estévez: Deportes, Servizos Sociais, Seguridade, Policía Local e Protección Civil
  • Ramón Porto: Vías, Obras e Servizos
  • Rosa Isabel Alonso: Comercio, Transparencia, Infancia, UNED e Programas Europeos
  • José Carlos González: Parques e xardíns, Limpeza e Cemiterio
  • Bienvenido Estévez: Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías
  • Rosario Costas: Emprego e formación
  • Marcos Martínez: Parroquias, Comunidades de augas e montes e Parques infantís
  • Vanessa Ucha: Turismo, Migración e Mobilidade
  • Antonio Barros: Xuventude, Terceira idade e Participación cidadá
  • Teresa Veloso: Sanidade e Política social
  • Bárbara Troncoso: Atención cidadá e Protocolo
  • Ricarlo Losada: Consumo e Parque móbil

Publicadas as bases de funcionamento dos postos de venda para asociacións en Porrigalia

A concellería de Festexos do Concello do Porriño vén de publicar as bases que establecen os requisitos, pautas e condicionantes que se deberán cumprir para a instalación de postos de venda ou casetas en Porrigalia 23. Poderán optar aos postos de venda ou casetas as ANPAS dos centros educacionais do Porriño, as asociacións veciñais e culturais do municipio, asociacións deportivas do Porriño e asociacións protectoras de animais. 

BASES DE FUNCIONAMENTO DOS POSTOS DE VENDA OU CASETAS POLAS
ASOCIACIÓNS CULTURAIS E VECIÑAIS SEN ANIMO DE LUCRO, ANPAS E ASOCIACIÓNS
PROTECTORAS DE ANIMAIS

A 15ª promoción de Policía Local da Agasp realiza prácticas no Porriño

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe no Porriño xunto co alcalde Alejandro Lorenzo aos 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Desde onte e ata mañá, o alumnado está a coñecer de primeira man como traballan os axentes da patrulla de Policía Local do municipio.
 
Trátase dun primeiro contacto coa actividade ordinaria dos axentes deste corpo de seguridade, antes de que comecen as súas prácticas este verán nos seus concellos de orixe. De feito, este mesmo venres remata a primeira parte da formación teórica na Academia, durante a época estival realizarán a parte práctica e en setembro volverán ás aulas a rematar a parte teórica e graduarse antes de tomar posesión.
Santiago Villanueva reafirmou o compromiso de colaboración da Xunta cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local e puxo en valor que a AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade no que xa se formaron máis de 3.000 alumnos nas promocións de Policía Local e das distintas promocións de categorías de mandos.
 
Cada semana pasan tamén polas instalacións centos de forzas e corpos de seguridade e efectivos de servizos de emerxencias para actualizar os seus coñecementos nos cursos do plan de formación continua da Academia.
 
O rexedor, pola súa banda, deulles a benvida ao Porriño e animounos a aproveitar estes días que pasarán cos axentes da Policía Local para aprender deles e empezar a disfrutar dunha profesión que de seguro lles traerá moitas satisfaccións e boas experiencias. Lorenzo destacou tamén a responsabilidade e profesionalidade da Policía Local do Porriño.

As nenas e nenos do Porriño dan o pistoletazo de saída a Porrigalia 23

O pavillón municipal acolleu a segunda edición de “Pre-Porrigalia”, un evento co que preto de 200 nenos e nenas de sete centros educativos do Porriño iniciaron a conta atrás para Porrigalia 2023, que este ano se celebrará os días 7, 8 e 9 de xullo.

Os pequenos e pequenas disfrutaron do espectáculo de animación A BAILAR, da compañía Animar-T, unha festa interactiva con cancións en directo, xogos, divertidos bailes, un monicreque xigante, maxia, grandes bonecos, explosións de confeti, batalla de globos xigantes e moitas máis actividades que fixeron as delicias dos cativos.

Desta maneira, deron o disparo de saída á troula das civilizacións que este ano anegará de novo o Porriño. O fixeron acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, e os seus mestres. O rexedor convidou aos nenos e nenas a “disfrazarvos todos este ano e disfrutar a tope dunha festa da que sodes moi protagonistas e que está pensada por e para vós”.

O Porriño celebra este xoves o sorteo das mesas electorais

O pleno da corporación local do Porriño reúnese este xoves 22 de xuño, ás 13 h, en sesión extraordinaria para celebrar o sorteo das mesas electorais para as eleccións que se celebrarán o 23 de xuño. 

Conforme ao criterio establecido pola Xunta Electoral Central no seu Acordo 34/2023, de 2 de marzo de 2023, na medida na que a data prevista legalmente vai a coincidir coa constitución das corporacións locais elexidas no recente proceso celebrado do 28 de maio de 2023, se autoriza ao que os concellos poidan realizar o sorteo dos vocais das mesas electorais entre os días 22 e 28 de xuño de 2023.