A alcaldesa, Eva García ven de solicitar ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, unha reunión de traballo para “abordar os asuntos pendentes de resolución no termo municipal que dirixo”, segundo expresa a rexedora porriñesa nunha carta.

Esta mañá o Concello enviou a petición de audiencia á sede da presidencia da Xunta.

A alcaldesa argumenta o encontro co titular do goberno galego como “de especial interese”. “O Concello do Porriño é, hoxe, un dos poucos de Galicia que medra en poboación, xera postos de traballo estables e constitue unha referencia industrial sólida para a proxección de Galicia”, segundo reivindica a rexedora no seu escrito ao titular do goberno autonómico.

Eva García manifesta finalmente na súa carta que “estou segura que chegaremos a acordos que beneficiarán aos veciños e veciñas do Porriño”.