- A iniciativa, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, ofrece formación práctica en internet, banca dixital e seguridade en liña, con especial atención ás persoas maiores
O Porriño, 16 de abril de 2026.– O Concello do Porriño continúa a apostar pola inclusión dixital e a formación tecnolóxica da súa veciñanza coa posta en marcha dunha nova edición do programa “YoConecto”, unha iniciativa que ofrece cursos presenciais gratuítos orientados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía.
O primeiro, titulado “O teu currículo dixital”, celebrarase do 11 ao 14 de maio en horario de 10.00 a 13.00 horas, e permitirá ás persoas participantes mellorar as súas habilidades para a busca de emprego no ámbito dixital. O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de abril.
O segundo curso, “A túa banca dixital. Compras seguras en liña”, terá lugar do 18 ao 21 de maio, tamén en horario de 10.00 a 13.00 horas, e está especialmente dirixido a persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de fomentar un uso seguro e autónomo dos servizos financeiros dixitais. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de abril.
O programa abrangue diferentes ámbitos clave do uso das novas tecnoloxías, como a iniciación ao acceso e xestión da administración electrónica e a banca dixital a través de internet, así como o uso de aplicacións de videoconferencias e redes sociais. Ademais, inclúe formación específica en internet seguro, centrada na privacidade, a protección de datos e a seguridade dixital, así como no benestar dixital e no uso responsable da rede. Tamén se abordarán aplicacións orientadas á saúde e ao lecer.
Baixo o lema “Conecta co teu mundo dixital”, esta proposta formativa permitirá ás persoas participantes descubrir como a tecnoloxía pode contribuír a mellorar a súa vida cotiá, a través de contidos prácticos adaptados a todos os niveis e con certificación final.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico administracion@porremprego.org ou no teléfono 986 338 217.
Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e enmárcase nos esforzos do Concello do Porriño por reducir a fenda dixital e garantir que toda a cidadanía, independentemente da súa idade ou nivel de coñecementos, poida acceder ás oportunidades que ofrece o entorno dixital.

