Aproveitando a boa acollida que tiveron as xornadas `Acompañando na aventura de crecer´, impulsadas no 2022 pola Concellería de Cultura e Igualdade do Porriño a través da Biblioteca Municipal, ponse en marcha unha segunda edición deste ciclo de xornadas para familias e profesionais co obxectivo de seguir achegando información á sociedade adulta, a responsable de guiar e acompañar á nosa infancia.
Como na anterior edición, as diferentes perspectivas abordaranse desde a oportunidade e o desafío que supón entender mellor o desenvolvemento do cerebro infantil e cal é o noso papel como coidadores/as, ben sexamos as súas figuras referentes ou ben as persoas que atendemos as súas necesidades en momentos puntuais. Porque o noso modo de estar presentes, de crear oportunidades e acompañalos/as no seu camiño así como o modo no que nos comunicamos os condiciona.
Nesta ocasión, vólvese apostar por diferentes perfís profesionais para afondar no campo da comunicación, o procesamento sensorial e a aprendizaxe.
Como novidade, nesta edición desenvolverase antes de cada conferencia, un obradoiro práctico onde se darán e proporán ferramentas útiles para aplicar cada día coa conciencia e co propósito de favorecer un bo desenvolvemento infantil. Estes obradoiros levaranse a cabo en grupos reducidos e requirirán inscrición previa no seguinte correo electrónico: biblioteca@oporrino.org .
Os relatorios son abertos a todo o público sen necesidade de inscrición.
Obradoiro de comunicación infantil e conferencia `Por que lle doe a tripa?´
As xornadas arrancarán o venres 14 de abril co obradoiro `Comunicación no conflito´ e a conferencia `Por que lle doe a tripa´ a cargo de Gloria González.
O obradoiro práctico desenvolverase de 16 a 18:30 h. Está dirixido a nais, pais e profesionais do ámbito educativo e da saúde e nel poderán aprender as claves emocionais e comunicativas necesarias para manexar conflitos e convertelos nunha oportunidade.
Ás 19 h comezará a conferencia `Por que lle doe a tripa?´ que terá como relatora a Gloria González, psicóloga sanitaria, formadora e psicoterapeuta experta en desenvolvemento, apego e trauma.
Dirixida tamén a nais, pais e profesionais do ámbito da saúde e da educación. Nesta charla traballaranse as claves para entender o que nos están expresando os/as nenos/as co seu comportamento e como poder abordar, dunha maneira máis adecuada as necesidades que están a manifestar.