O Concello do Porriño súmase un ano máis ao apagón máis comprometido coa natureza e o clima. O vindeiro 23 de marzo as luces da Casa Consistorial apagaranse de 20:30 a 21:30h para darlle unha hora máis ao planeta.
Dende o Concello convidan á veciñanza a unirse a esta iniciativa que promove WWF a nivel mundial para reivindicar a necesidade de tomar medidas contra o cambio climático. Miles de vilas e cidades apagarán nese momento as luces dos seus principais edificios e monumentos.
O ano pasado foi o máis cálido da historia desde que se teñen rexistros. Este aumento da temperatura global traduciuse en fenómenos meteorolóxicos extremos como inundacións, olas de calor e incendios devastadores cada vez máis frecuentes. Sobran evidencias da crise climática e neste contexto a Hora do Planeta brinda ás persoas de todo o mundo a oportunidade de demostrar a súa preocupación pola degradación ambiental do planeta (quecemento global, pérdida de natureza, contaminación) e resaltar a necesidade de actuar.