A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño.

Así o acordaron o titular deste departamento, José González, e o alcalde, Alejandro Lorenzo , nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.

Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa.