O Porriño comeza a vestir as súas rúas con nomes de muller. No marco da programación do Día Internacional da Muller colocáronse por primeira vez varias placas en espacios públicos que lles darán nome de mulleres que polas súas ideas e acción se convertiron en referente para moitas outras, impulsando cambios e deixando a súa pegada na nosa sociedade ata o día de hoxe.
A primeira en descubrirse foi a da Praza “Oito de marzo”, no parque da urbanización Alameda. Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “reflexará no día a día a loita polos dereitos das mulleres que se reivindica este día. Deste xeito, esta reivindicación estará presente os 365 días do ano lembrando que foi moito o que se conquistou e moito o que queda aínda por conquistar para acadar unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”.
“Outra das rúas é para unha precursora do feminismo, Concepción Arenal,”, continuou o rexedor. Neste caso trátase da rúa de acceso ao colexio Hermanos Quiroga.
Por último, a antiga Travesía Antonio Palacios A chamarase dende hoxe rúa “Rosalía de Castro”, en homenaxe á gran mestra das letras galegas e referente na defensa da liberdade e dos dereitos da mulleres “Rosalía foi unha pioneira do pensamento feminista e unha loitadora incansable contra o a exclusión das mulleres nunha sociedade abertamente clasista e machista”, incidiu Lorenzo.
Cabe destacar que todas estas rúas estaban incluídas xa no rueiro municipal, tratándose por tanto das primeiras de moitas.
“Queremos que a importancia que teñen as mulleres na nosa sociedade se vexa reflexada no rueiro, ata o de agora inxustamente non era así, pero hai que seguir dando pasos neste sentido e así o faremos”, conluíu o rexedor.
Os actos conmemorativos do #8M continuarán esta tarde, a partir das 18 h no parque do Cristo co espectáculo infantil “A igualdade non ten idade”, seguido da lectura da Declaración Institucional, a proxección dun vídeo conmemorativo que da voz a mulleres do Porriño e, para finalizar a xornada, o concerto de Law.