Preto de 400 escolares do Porriño aprenden a importancia de ter unha boca sa da man do Centro de Saúde e o Concello do Porriño.

A concellería de Sanidade, que dirixe Teresa Veloso, colabora co centro médico na organización dunha serie de obradoiros sobre hixiene oral, impartidos por facultativos, que se están a desenvolver este mes de marzo nos centros educativos do Porriño.

Participa desta iniciativa o alumnado de 1º e 2º curso de educación primaria do CEIPP Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CPR Santo Tomás, CPR Hnos. Quiroga, CEIP Fernández López, CEIPP de Atios, CEIP da Cruz-Budiño e Aceesca.

Os obradoiros teñen unha primeira parte teórica na que se explican conceptos básicos sobre o cepillado e a alimentación e unha segunda parte práctica na que se reforza o contido explicado previamente. Cada un ten unha duración aproximada de 30-45 minutos.

“Establecer bos hábitos de hixiene bucal dende unha idade temperá é esencial para gozar de boa saúde”, sinala a concelleira Teresa Veloso, “Por iso é importante que os nenos e nenas aprendan desde pequenos hábitos saudables para os seus dentes, que o normalicen e o apliquen diariamente para evitar complicacións nun futuro”.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, destacando a importancia do coidado da boca desde ben pequenos e convidounos a estar moi atentos e “sobre todo, a poñer en práctica cada día todo o que estades a aprender hoxe”. O rexedor quixo agradecer a iniciativa do persoal do Centro de Saúde do Porriño e a súa man tendida sempre para impulsar “actividades como esta tan necesarias para os nosos pequenos e pequenas”.