O persoal do Concello do Porriño aprendeu hoxe a salvar vidas da man de profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Con motivo da celebración do “Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar”, que este ano se desenvolve baixo o lema “Aumentar a supervivencia da parada cardíaca é posible”, o servizo de Medicina Intensiva deste centro hospitalario organizou unha actividade informativa dirixida aos traballadores municipais, co obxectivo de sensibilizalos da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e formalos nas técnicas básicas de RCP (Reanimación Cardiopulmonar).

O persoal de todos os departamentos municipais, incluído o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou hoxe nos talleres impartidos nas dependencias da Policía Local. “Saber dar unha resposta rápida e eficaz ante unha parada cardíaca é vital e pode chegar a duplicar a supervivencia”, explicou o rexedor, “Facelo correctamente é doado se sabes recoñecelos signos da parada cardiorespiratoria e proceder da maneira correcta”.

O alcalde quixo agradecer ao persoal sanitario a súa disposición e explicou “conseguir que os espazos públicos sexan espacios cardioprotexidos non pasa só por dotalos de desfibriladores, tamén hai que formar ao persoal que diariamente os frecuenta para que poidan actuar. Por iso esta actividade formativa extenderase, da man do Concello,  a todos os centros culturais das parroquias, clubes deportivos e centros educativos”.

Importancia das técnicas de RCP e desfibriladores

A Fundación Española do Corazón recoñece que preto de 130.000 persoas morren anualmente no noso país debido a enfermidades cardiovasculares, o que as confirman como a principal causa de mortalidade. A maioría das mortes evitables causadas por factores cardiovasculares acontecen fora dos centros hospitalarios, por iso a inclusión de desfibriladores nos centros e espacios laborais resultan fundamentais para garantizar unha intervención rápida e eficaz. De aí a importancia de recoñecer os sinais dunha parada cardiorespiratoria e as técnicas de reanimación cardiopulmonar básica, xa que a realización de manobras de soporte vital básico logran duplicar as posiblidades de supervivencia.

Estas manobras constitúen unha parte fundamental da cadea de supervivencia, da que ademais forman parte a activación inmediata do sistema de emerxencias , a través das urxencias sanitarias Galicia-061, a masaxe cardíaca de calidade e a desfibrilación precoz.