As obras de reconstrución da Capela do Cristo darán comezo nos próximos meses. O Concello do Porriño concedeu onte a licencia de obra á Diócese de Tui-Vigo para o comezo dos traballos de reparación da cuberta do templo antes de seis meses.

As obras que executará e financiará a Diócese Tui-Vigo contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e un orzamento de 71.165 euros.

“É unha gran nova para O Porriño, algo moi demandado non só polo valor patrimonial e sentimental da Capela senón tamén pola perigosidade que implica o estado no que se atopa dende hai máis de dous anos”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Tal e como se comprometeron dende a Diócese Tui-Vigo unha vez finalizaron as periciais pendentes no mes de xullo solicitáronse os pertinentes permisos para acometer a reforma. Tanto dende o Concello do Porriño como dende a Diócese axilizáronse os trámites para que as obras poidan iniciarse o antes posible”.

Lembramos que o edificio está danado dende o 16 de marzo de 2020, cando unha grúa pluma de grandes dimensións caíu sobre el destrozando a cuberta e parte do seu interior.  A Diócese de Tui-Vigo, propietaria do recinto relixioso, presentou unha reclamación contra as seis empresas implicadas no sinistro e as súas respectivas aseguradoras que está pendente de resolver.