Dende 2008 non se coñecía no Porriño unha taxa de desemprego semellante á do pasado mes de xullo no que o paro volveu a baixar na vila situándose en 1.420 persoas, o que representa o 15%.
Dacordo cos datos difundidos este xoves polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o desemprego está 8 puntos por debaixo do que había cando o actual Goberno local empezara a súa xestión logo de herdar do anterior un porcentaxe de desemprego do 23,1%, con 2.139 porriñesas e porriñeses sen traballo, 713 máis que na actualidade.
En relación co mes de xullo de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego baixou de 1.663 a 1.420, o que supón que hai 243 traballadoras e traballadores máis no Porriño.
En relación co inicio deste ano 2018, o desemprego baixou en 269 persoas, o que representa un descenso, de 3 puntos en so 7 meses, máis que ningún outro concello da Área Metropolitana.
‘Porriño Accede’ e ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, programas impulsados polo Goberno local, teñen unha porcentaxe de éxito de preto do 75%, o que representa que 2 de cada 3 participantes nos mesmos están traballando.
Os dous, xunto coa colaboración con outras administracións, en especial a Deputación de Pontevedra, lograron que preto de 150 porriñesas e porriñesas teñan hoxe un emprego.
Esta colaboración abranguerá nas vindeiras semanas, á Zona Franca de Vigo que, coma se comprometeu coa alcaldesa, este mércores o seu delegado, David Regades, durante unha visita ao Polígono de A Granxa, incrementará a súa actuación no Porriño co aumento do chan industrial e as axudas a emprendedores e novas empresas, o cal redundará no aumento do emprego “fixo e de calidade”.