O goberno local que preside Alejandro Lorenzo anunciou hoxe que prescindirá de cinco vehículos -os de máis luxo e cilindrada- do parque municipal para aforrar “gastos innecesarios”. Son o tres SEAT Ateca, o Mini Cooper e o Renault Megane que foron adscritos á Alcaldía, concelleiros do goberno municipal e á Policía Local.
Os cinco vehículos supoñen o 20% do custo, é dicir, 56.572 € de euros de aforro, da operación de renting por un importe total de 627.602 euros que realizou en 2019 o anterior equipo de goberno para renovar o parque municipal.
O alcalde Alejandro Lorenzo insistiu que esta decisión que xa se atopa en tramitación, “inscríbese na nosa defensa do interese público que nos obriga a priorizar gastos, pagar facturas e licitar servizos básicos. Temos máis de 5 millóns de euros en facturas pendentes de pago, á espera do que conclúa a auditoría”.
O alcalde manifestou que “aínda que a situación económica fora boa, non se xustificaba a asignación dun vehículo para cada concelleiro. Coido que ningún concello de España o poida permitir. Tratábase dun luxo innecesario e inxustificable”, concluíu Lorenzo.
A maiores, o goberno municipal dispón dun informe xurídico solicitado á Deputación de Pontevedra que conclúe que a resolución deste contrato de renting sería viable “por cuestións de interese público”.
Máis vantaxes que inconvenientes
“Aínda que a devolución destes cinco vehículos podería supor unha penalización da orde de 3.300 euros por parte da adxudicataria do renting, as vantaxes son evidentes porque xeraremos a longo prazo un aforro moitísimo maior, da orde de algo máis de 53.000 euros”, explicou o primeiro tenente de alcalde Abel Estévez.
Segundo indicou, “unha vez revisada a quilometraxe e o uso do parque de vehículos de ‘renting’, detectamos un exceso manifesto de turismos, polo que é necesario devolver os coches de gama máis alta e de maior cilindrada”, engadiu Estévez, e adiantou que “este goberno seguirá revisando se é posible prescindir dalgún máis”.