O Goberno Municipal de O Porriño decidiu presentar hoxe, no último día do prazo, unha alegación contra a modificación do PXOM de Mos que pretende posibilitar o proxecto de cidade deportiva do R.C. Celta de Vigo en Tameiga. A alegación motívase en base “ós graves perxuizos que poden ocasionarse a este concello no abastecemento de auga”.
Argumentase que o proxecto de modificación do PXOM de Mos “conten inexactitudes e previsións que lesionan gravemente os intereses do Porriño” segundo a alcaldesa Eva García que firma a alegación no nome do Concello.
O Concello de Mos realiza unha previsión de caudal no que atinxe ó suministro de auga, contando cos aportes da ETAP de Os Valos (xestionada polo Consorcio de Augas do Louro) e cos aportes dos depósitos de San Antoniño, Veigadaña e Castro-Sanguiñeda, todes eles abastecidos polo encoro de Eiras.
Ó respecto alega Porriño que “a ETAP de Os Valos fora construída nos terrenos previamente adquiridos polo Concello porriñés” e que a captación de auga do embalse de Eiras por Porriño data dos anos 60 por autorización do Ministerio Obras Públicas, que logo asumiu a Xunta a través de Augas de Galicia”. “De feito é Porriño que ten o dereito de captar esa auga que facilita a Mos para o seu uso doméstico e no caso do polígono da Veigadaña para o seu uso industrial, non estando previsto nin aumentar o caudal suministrado nin outros usos”, argumenta a alegación de Porriño.
“Deberá terse en conta que Porriño segue a medrar en poboación cuns polígonos industriais de máxima actividade, de xeito que precisa o caudal que ten asignado”.
A alegación de Porriño acusa a Mos de “obviar totalmente a realidade, pretendendo apropiarse dun dereito sobre unhas instalacións que de xeito algún ten aseguradas e que non lle son propias. O feito de que na actualidade as competencias de xestión de abastecemento e saneamento derivaranse ó Consorcio de Augas do Louro non supón que este ente público sexa propietario de ningunha das instalacións titularidade de cada Concello”.
Por último, a alegación de Porriño subliña o feito de que “as captacións que se dicen do Eiras, sonlle de Porriño, ben polo depósito sito na Risca que capta do encoro de Eiras para o seu uso no termo municipal e do que deriva caudal para Mos e outros concellos; ben desde a ETAP de Os Valos que insistimos, construíse nuns terrenos previamente adquiridos polo Concello de O Porriño, para uso de Porriño e desde onde tamén abastecese a Mos e outros concellos, a través da facultade que Porriño ten directamente atribuída”.