A Alcaldesa Eva García de la Torre presidirá este mércores 23 de setembro o acto de entrega do premio literario “Roberto Vidal Bolaño” 2020 que terá lugar a mediodía no salón de plenos do Concello do Porriño.

A identidade do autor que resultou gañador desta terceira edición será desvelada durante unha comparecencia previa na que participarán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e Lourdes Moure, concelleira de Educación do Concello do Porriño que son as tres entidades que convocan este galardón.

O premio Roberto Vidal Bolaño pretende fomentar a escrita de textos teatrais en galego, dirixidos ao alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato e que poidan ser representados por eles.

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibirá un diploma acreditativo e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia.