O Concello do Porriño, a través da Concellería de Deportes que dirixe David Alonso quere amosar a súa felicitación a triatleta porriñesa Carla Guisande que ven de proclamarase subcampiona de España na modalidade Triatlón Sprint, nas probas celebradas en Pontevedra.

Carla acadou o segundo mellor tempo na proba, tan só por detrás de Helena Moragas. Ademais a prestación da triatleta porriñesa sumou para que o seu equipo, Cidade Fluvial de Lugo, proclamarase campión de España por clubs.

Este novo éxito de Carla Guisande no panorama nacional, cando puido reiniciarse a tempada 2020, despois do parón polo estado de alarma e cos novos protocolos anti-covid, resulta prometedor. Lembremos que a boa racha de resultados de 2019 valeulle para ser galardoada na recente Gala do Deporte da área de Vigo.