O porriñés Gabri Veiga apadriña a XXIX Festa dos Callos 2022

Tras un mes completo de festas o domingo 2 de outubro, no Recristo como é tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais.

A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa vixésimo novena edición e o fai cun padriño de luxo: o futbolista porriñés Gabri Veiga. O centrocampista do RC Celta de Vigo foi o encargado de presentar hoxe oficialmente o evento, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente da asociación de hostaleiros AHOSPOR, José Manuel Fernández, a presidenta da asociación de comerciantes ACIPOR, Juana Pérez, e concelleiros e concelleiras do goberno local.

Veiga animou agradeceu a toda a organización, Concello, hostaleiros e comerciantes do Porriño, “que fagan posible esta festa tan nosa e que seguro durará moitos anos máis” e animou a todo o mundo a “participar e degustar os callos este domingo no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente de AHOSPOR,  explicou que este ano “serán 30 os locais que participarán na festa ofrecendo racións de callos para todos os gustos, cada local ten a súa maneira de preparalos e haberá unha gran variedade de propostas”.

No mesmo sentido se manifestou a presidenta de ACIPOR, que destacou que “hai tantas propostas como locais” polo que animou “a todo o mundo a probalas para decidir cal é a súa favorita”.

O prezo da ración será de 7 euros e incluirá a tradicional cunca desta edición e pan do Porriño.

Antes de dar comezo a degustación que se ofreceu na praza e na que participaron moitos veciños e veciñas que se achegaron ao Concello e nenos e nenas do CEIP Antonio Palacios que acudiron á presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha festa “que ademais de ser unha tradición para todos nós supón un verdadeiro revulsivo para a economía local, atraendo a miles de persoas ás rúas do noso pobo”. Lorenzo destacou que “os callos son un prato de gran arraigo no Porriño e hai tantas formas de cociñalos como fogares hai na vila. Neste sentido temos a honra de ser pioneiros na posta en valor deste prato e fomos os primeiros en celebrar unha festa na súa honra”.

O rexedor concluíu convidando a” toda a veciñanza do Porriño e da contorna a ateigar as rúas do Porriño o vindeiro domingo e degustar o manxar que a hostalería porriñesa propón para nós”.

Coque Malla trae ao Porriño “El viaje del astronauta gigante”

O artista madrileño Coque Malla actuará mañá venres 23 de de setembro (22 h) no exterior do pavillón municipal do Porriño para ofrecer un dos últimos concertos de ‘El viaje del astronauta gigante’. Será unha noite moi especial e a última oportunidade de ver a este artista referente do rock e o indie deste país en directo, polo menos durante un tempo, xa que anuncia un descanso indefinido nas súas xiras.

“A presenza e o impulso dun concerto como o de Coque Malla nas festas do Cristo dá á nosa  vila un plus de interese dentro da ruta do Camiño Portugués, e unha excusa perfecta para achegarse á gastronomía, ao patrimonio e, sobre todo, á cultura loca, que esa noite tamén terá presenza no escenario da man do artista local Raúl Ben”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Coque Malla e a súa banda regresan coa súa nova xira ‘El viaje del astronauta gigante’ na que presentará as cancións do seu último disco. Un repaso a toda a súa traxectoria, desde o seu debut adolescente cos Ronaldos con cancións como ‘No puedo vivir sin ti’, ‘Adiós papá’ ou ‘Por las noches’, desde os grandes fitos da súa carreira en solitario, o camiño percorrido entre ‘Soy un Astronauta más’ e ‘La hora de los gigantes’ con grandes hits como ‘Me dejó marchar’”, ‘Berlín’ e ‘Un lazo rojo’, ata as súas colaboracións con outros artistas e, por suposto, os temas inéditos como ‘Una sola vez’, o seu último éxito.

Despois de tres anos moi intensos, cargados de concertos, esta xira é ademais unha última oportunidade para ver en directo a Coque Malla durante un tempo. Tras ‘El viaje del astronauta gigante’ Coque anuncia un descanso indefinido nas súas xiras, un punto de inflexión nos seus trinta e cinco anos de carreira, nos que o escenario foi sempre a súa gran paixón.

 

Contar cunha programación musical do Xacobeo 21·22 na vila, significa tamén ofrecer unha oferta atractiva para os peregrinos que necesariamente paran no pobo, ao ser fin dunha etapa e comezo da seguinte, con todo o que isto supón.  Ofrecerlles experiencias coma esta, en forma de música de calidade, de desfrute e goce na parada intermedia, ademais da gastronomía ou o patrimonio.

O concerto está programado para as 22 h e a entrada será libre ata completar aforo. Lembramos que, a continuación, celebrarase o “Louro Valley Festival”.

Volve o “Louro Valley Festival” con Maikel Delacalle como cabeza de cartel

O Porriño acolle mañá o regreso dun dos eventos musicais máis demandado, o “Louro Valley Festival”. O evento volve tras sete anos e o fai cun cartel de luxo: Maikel Delacalle, Groove Amigos, Traffic House, Khris Guez, Pitty, Diego Mariño e Samu Pexe.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe a presentación oficial do evento nun acto que contou coa presencia da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, os concelleiros Bienvenido Estévez e Carolina González, e os DJs André Vázquez, de Groove Amigos, e Khris Guez.

“Retomar este evento despois de sete anos é algo que me emociona, xa que nace da ilusión e da iniciativa de artistas locais de primeiro nivel que apostan por facer no seu pobo un evento á altura dos mellores”, explicou o alcalde,  “A mocidade e a veciñanza en xeral do Porriño merecen alternativas de ocio de calidade”.

No mesmo sentido se expresou André Vázquez, de Groove Amigos e un dos impulsores do festival que agradeceu o “respaldo do Concello do Porriño, que sempre apoia con especial agarimo estas iniciativas para que a xuventude do Porriño teña no seu pobo actuacións deste nivel que normalmente só se organizan en grandes ciudades” e tamén a disposición da Xunta de Galicia, e en concreto da dirección xeral de Xuventude que patrocina o evento, por “promover festivais como o Louro Valley e tender a man sempre para ofrecer o mellor”. “É un verdadeiro pracer estar aquí hoxe tras sete anos”, concluíu André.

Pola súa banda, a Directora Xeral de Xuventude, agradeceu ao alcalde que “tivese a ben facernos esta proposta que está pensada de xeito moi directo para que a mocidade poida ter unha alternativa cultural e de ocio no marco das súas festas e que ademais permite establecer dinámicas de amizade e compañeirismo que compre retomar tras a pandemia”.

O rexedor, concluíu agradecendo á Xunta de Galicia a súa colaboración xa que “sen eles non sería posible” e aos representantes do evento a “súa profesionalidade e empuxe”. “Só resta convidarvos a todos e todas a disfrutar do regreso do festival e decir ben alto: Longa vida ao Louro Valley e Longa vida ás Festas do Cristo”.

O evento celebrarase este venres 23 de setembro no exterior do Pavillón Municipal e a entrada é gratuíta. As portas abriranse ás 23:30 horas.

Continúa en Xylazel a rolda de encontros coas empresas para responder ás necesidades do tecido industrial

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Antía Carrera, visitaron hoxe a fábrica de Xylazel no Porriño dentro da rolda de encontros que están a manter coas empresas do municipio.

A empresa, fundada en 1975 por Zeltia,  foi adquirida no ano 2018  pola compañía holandesa AkzoNobel, que consolidou deste modo a súa aposta polo liderado en tratamento e pintura de madeira e metal, non só en España, senón no mercado mundial.

Con 40 persoas no cadro de persoal, parte importante deles veciños e veciñas do Porriño e a súa zona de influencia, as súas instalacións acollen na actualidade a planta de producción de dúas marcas do grupo: Xylazel, especializada no tratamento e pintura de madeira,e Oxirite, adicada á protección e pintura no metal.

“Que grandes compañías como AkzoNobel aposten por firmas do Porriño é sinal do potencial que ten a nosa industria”, afirmou o alcalde, “Xylazel garda unha estreita consolidade relación co municipio, o 90% dos seus provedores son empresas locais e  o groso da súa plantilla é do Porriño. Contan coa nosa man tendida, tanto eles como o resto de empresas dos nosos polígonos industriais, para que a industria do Porriño siga a ser un referente”. 

O Porriño pon en marcha unha ludoteca municipal

O Concello do Porriño, a través da concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pon en marcha por primeira vez unha ludoteca municipal gratuíta.

“Dende o vindeiro 1 de outubro e ata o 30 de novembro ponse en funcionamento o servizo de ludoteca nas instalacións do Centro Cultural Municipal, cun horario que abranguerá dende as 16 h ata as 20 h”, explicou a concelleira, “Desenvolveranse actividades dirixidas a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos nun espacio común que lles permitirá relacionarse entre eles e compartir momentos de ocio, á vez que se traballan valores tales como o respecto e a solidariedade”.

O aforo será de 30 nenas e nenos cada día que as súas familias poderán deixar ao cargo das monitoras e monitores dentro do horario establecido. Non é necesaria inscrición previa, e os pequenos e pequenas serán admitidos ata completar as prazas diarias.

“Queremos contribuír a mellorar a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño e á vez fomentar nos máis pequenos valores como a cooperación, igualdade e corresponsabilidade”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Nese sentido traballamos e, dentro das nosas competencias, pretendemos impulsar medidas que poidan a curto/medio prazo consolidarse na vila”.

Cabe destacar que esta iniciativa forma parte do “Plan corresponsables 2022” da Secretaría Xeral de Igualdade.

 

A Aula CeMIT retoma a súa actividade formativa

A Aula CeMIT do Concello do Porriño volve a ofrecer cursos de formación presenciais desde este mes. As actividades desenvolveranse na aula, situada no Multiusos de Torneiros en horario  de mañá e tarde.

Entre a oferta formativa atópanse cursos competencias dixitais, ofimática e optimización e mantemento de equipos, en diferentes niveis.

Toda a información sobre os cursos, horarios e inscricións en  cemit.oporrino@gmail.com ou a través do 655 626 203.

A aula CeMIT está equipada coa última tecnoloxía , Internet e sistemas de videoconferencia a disposición da cidadanía, tanto para actividades formativas como para o acceso libre. Está xestionada por un axente TIC que imparte e planifica os cursos e ademais presta apoio aos usuarios e usuarias no seu achegamente ás TIC.

SOS Porriño adáptase ás necesidades para prestar un servizo máis xusto

O Goberno Municipal conseguiu onte o respaldo do pleno á proposta de modificación das bases que regulan o banco municipal de alimentos, SOS Porriño.

Tendo en conta que a actual situación socioeconómica agravou as condicións de precariedade e vulnerabilidade de moitas familias residentes no Porriño, a actividade do banco municipal de alimentos SOS Porriño debe adaptarse a este contexto.

“É necesario redefinir os requisitos e criterios económicos de acceso ao programa para poder prestar este servizo da maneira máis xusta e igualitaria posible. Trátase de que ninguén se quede atrás e sen respaldo na difícil situación económica que se presenta”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

A tal fin, impulsouse unha modificación das bases que permita un acceso máis acaído ao servizo. “Ata o de agora para acceder a esta axuda había un límite de ingresos de 579 euros para unha persoa que viva soa”, explicou o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, “Con esta modificación deduciranse neste importe o aluguer ou hipoteca ata un límite de 400 euros”.  En definitiva, tal e como indicou o edil, “o que queremos é que un incremento no aluguer ou hipoteca non impida o acceso á axuda”.

O programa municipal de alimentos, SOS Porriño, atende na actualidade a unhas 150 familias, que reciben unha vez ao mes alimentos , con carácter xeral, aínda que tamén hai achegas a maiores en ocasións destacadas dependendo da dispoñibilidade de recursos.

Volven as clases de defensa persoal para mulleres

As clases de autodefensa para mulleres, impulsadas pola concellería de Igualdade, volven este sábado tras o parón estival. Impartiranse no ximnasio “Jovhen Sport” , de 10 h  12 h.

Dende o Concello do Porriño convidamos a todas as mulleres interesadas en recibir esta formación a acudir a estas clases, que son totalmente gratuítas e para as que non se require inscrición previa. Tan só é necesario acudir á hora sinalada anteriormente con roupa deportiva e ganas de aprender.

 O curso, organizado polo Concello coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e á Policía Local, conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

O Goberno Municipal propón a declaración de ERRP nos polígonos residenciais de Torneiros

O Goberno Municipal leva mañá a pleno a declaración dos polígonos residenciais de Torneiros como “Entorno Residencial de Rehabilitación Programada” , o que permitiría á veciñanza o acceso ao programa de axudas para actuacións de rehabilitación a nivel de barrio financiadas con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU.

O ERRP abranguería unha superficie total de 124.560 m2 que inclúe 50 bloques de edificios ( 15 na Fase I, 7 na Fase II, 23 na Fase III, 4 na Fase IV e 1 na Fase V) e os viais e zonas libres que os rodean.

“A proposta que poñemos sobre a mesa permitiría á veciñanza dos polígonos residenciais optar a axudas para a mellora e rehabilitación de inmobles, edificios ou vivendas unifamiliares, sobre todo envolventes –fachadas, cuberta…- cambio de ventás ou para a retirada de elementos con amianto, algo que urxe nos polígonos de Torneiros”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Falamos dunha contía de 22,9 M de euros para barrios, 22,9 M de euros total para edificios e 13,5 M para vivenda as que á que a veciñanza da zona declarada  como ERRP podería optar.

No caso das vivendas as axudas poden acadar o 40% do investimento, cun máximo de 3.000 euros. As actuacións subvencionables inclúen a mellora ou rehabilitación do inmoble que deberá obter un aforro enerxético polo menos do 7% , unha reducción no consumo de Enerxía primaria non renovable do 30% ou adecuar aos requisitos do CTE os elementos da envolvente.

Neste caso Se se trata de edificios, os beneficiarios serán particulares ou comunidades de propietarios, e as axudas poden acadar o 80% do custo, cun máximo de 18.800 euros por edificio , contía que se incrementa en 12.000 euros máis en caso de retirada de elementos con amianto.  As actuacións están dirixidas á mellora ou rehabilitación (do edificio ou de vivenda dentro do mesmo), sobre todo as tocantes á cuberta ou fachada, e en calquera caso, deberán conseguir unha reducción do consumo d eenrxía primaria non renovable do 30% e ademais unha reducción da demanda enerxética anual glopbal da calefacción e refrixeración da vivenda ou edificio do 25% ou 35%.

Destacar que no caso de persoas en situación de vulnerabilidade económica a axuda pode acadar o 100%.

“Trátase dun dos principais núcleos de poboación do Porriño e hai que acondicionalos, non só para adecualos á normativa vixente, senón tamén para mellorar a calidade de vida da veciñanza que reside neles”, concluíu o alcalde, “Dende as asociacións veciñais e particulares veñen reclamando que se actúe nestes bloques de vivendas sen ser escoitados. Esta financiación é vital para eles”.

A Policía Local informa de cortes de tráfico no paso a nivel

A Policía Local do Porriño informou hoxe de cortes de tráfico na contorna do paso a nivel polas obras que o ADIF acometerá na liña férrea.

Os cortes estenderanse dende a tarde de hoxe ata o venres, cando está previsto que finalicen os traballos. Os vehículos que circulen pola rúa Cando xirarán cara a praza Central.

Os residentes na rúa Peña poderán acceder pola Rúa Ramirás e os que circulen pola Avda. de Buenos Aires xirarán cara a rúa Progreso. Os peóns poderán cruzar a pé o paso a nivel.