O Porriño difunde unha historia de compromiso real coa sociedade

  • O libro “Ramón González e Corona González Santos: Un matrimonio de filántropos”, de Celia Castro, presentouse hoxe no Concello porriñés como un vínculo profundo entre dúas vilas irmáns: O Porriño e Ribadeo
  • A obra homenaxea a estas dúas figuras xenerosas con ambos pobos, que contribuíron ao seu desenvolvemento, deixando neles un gran legado

O Porriño, 17 de setembro de 2025.- Ramón González e Corona González Santos: un matrimonio de filántropos”, é o título da obra que afonda na vida e legado de dúas figuras clave na historia recente do Porriño e de Ribadeo e que foi presentado hoxe na casa consistorial porriñesa. Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “non só presentamos un libro, senón que reivindicamos unha historia compartida, un vínculo profundo entre dúas vilas que xa son irmás. Ramón e Corona nunca buscaron protagonismo, pero hoxe, con este libro, devolvémoslles a visibilidade que merecen”. Pola súa banda, o seu homólogo ribadense, Daniel Vega subliñou a importancia de seguir fortalecendo os lazos institucionais e culturais que unen ambos concellos, promovendo actuacións para homenaxear a figuras como don Ramón e dona Corona que foron clave para o desenvolvemento das nosas vilas, destacando  o seu labor altruísta.

A obra, escrita por Celia Castro, recupera a memoria de Ramón González e da súa esposa, Corona González Santos, un matrimonio que destacou polo seu compromiso social e a súa xenerosidade tanto co pobo do Porriño como co de Ribadeo. A autora, que contou como se coñeceron, “na estación de tren do Porriño dun xeito fortuíto, foi un frechazo e casaron os poucos meses”, agradeceu a acollida e puxo en valor a importancia de conservar e transmitir exemplos de filantropía coma o de don Ramón e dona Corona. A escritora, que coñeceu persoalmente a dona Corona, lembrou que “ambos axudaron na época de fame, aos damnificados da gripe do 18, ás viúvas de náufragos… todo isto a maiores dos feitos materiais, de financiación para a construción de edificios, como este no que nos atopamos, deseñado polo seu amigo Antonio Palacios”.

Alejandro Lorenzo incidiu na gran pegada que deixou Ramón González e tamén a súa dona Corona, unha muller xenerosa e discreta. “A súa historia non é só memoria, é tamén exemplo, exemplo de filantropía verdadeira, de compromiso social, de amor ás raíces, de traballo polo ben común. O seu legado segue presente nas numerosas familias que axudaron, nas institucións que impulsaron e nas obras que hoxe forman parte do noso patrimonio”.

O evento contou tamén coa presenza de representantes da familia Fontán Domínguez, descendentes do matrimonio homenaxeado, así como doutras autoridades locais e veciñanza, que quixeron participar desta emotiva xornada de memoria e cultura.

Este libro é unha ponte entre o pasado e o presente. Por iso, dende o Concello, “celebramos con orgullo esta publicación e reafirmamos o noso desexo de seguir fortalecendo os lazos con Ribadeo, enaltecendo a figura deste matrimonio de filántropos, nun irmandamento que non é só simbólico, senón cheo de contido e de afectos reais”, concluía Lorenzo.

 

 

Música e compras nunha “Noite aberta” no Porriño

  • O Concello celebra o vindeiro venres, 19 de setembro, a primeira edición desta iniciativa na que 37 establecementos comerciais do centro da vila estarán abertos ata a medianoite
  • A festa flamenca e o concerto de Noemí amenizarán a xornada na que as compras darán a opción de premio, sorteándose tres carros da compra valorados en 100 euros

O Porriño, 16 de setembro de 2025.-  Concello do Porriño presenta a primeira edición da “Noite Aberta”, unha proposta novidosa que se celebrará o vindeiro venres 19 de setembro e coa que se pretende dinamizar a vida comercial e cultural da vila cunha noite chea de actividade, música e promocións especiais.

Dende as 21.00 horas e ata a medianoite, un total de 37 comercios locais, que abranguen dende o sector téxtil, calzado, deporte, xoiería, decoración e tamén alimentación manterán abertas as súas portas, ofrecendo coma sempre atención personalizada, os mellores prezos e sorpresas para as persoas que se acheguen a facer as súas compras.

A programación, enmarcada na Festas do Cristo 2025, arrancará xa ás 18.30 horas cunha festa flamenca na Praza Arquitecto Antonio Palacios e continuará co concerto de Noemí ás 21.00 horas no Parque do Cristo, coincidindo coa apertura nocturna dos establecementos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor esta primeira edición como un claro exemplo de colaboración entre administración e sector comercial. “A ‘Noite Aberta’ é unha oportunidade para redescubrir e apoiar o noso comercio local, que é diverso, de calidade e esencial para a vida do Porriño. Esta iniciativa nace do diálogo co sector e do compromiso do Concello por seguir impulsando a actividade económica e social da vila”, afirmou durante o acto de presentación desta iniciativa, no que estiveron as concelleiras de Comercio, Rosa Isabel Alonso, e Mercado, Antía Carrera e unha representacións dos comercios que abrirán as súas portas o vindeiro venres á noite. “O feito de que participen 37 establecementos de diferentes sectores é unha mostra clara da vitalidade e da unión do noso tecido comercial”, engadiu.

Sorteo de premios

As persoas que fagan compras durante a “Noite Aberta” poderán participar no sorteo de tres carros da compra valorados en 100 euros cada un. Para iso, deberán mercar en catro comercios participantes diferentes, cubrir un cupón cos seus datos e depositalo nalgún dos establecementos adheridos. O sorteo terá lugar o último día das Festas do Cristo, coincidindo tamén coa Festa dos Callos, o domingo 5 de outubro, ás 12.00 horas, no salón de plenos do Concello.

Esta iniciativa supón un novo apoio ao comercio de proximidade, un novo paso no camiño para facer do Porriño un referente comercial e cultural na comarca.

O Porriño pon en valor o seu lugar no Camiño de Santiago

  • O Concello celebra este sábado, 20 de setembro, a Festa do Peregrino e do Turista con visitas guiadas, obradoiro de cunchas, photocall e moita música
  • Deséñanse un mapa do Porriño para entregar aos establecementos de hospedaxe, para que estes á súa vez poidan entregar aos peregrinos, xunto cun código QR dispoñible tamén en todos os comercios con acceso á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello

O Porriño, 16 de setembro de 2025.- “O Porriño: Camiño e destino” é a xornada festiva que ten preparada o Concello porriñés para o vindeiro sábado, 20 de setembro. A Festa do Peregrino e do Turista celebrarase ao longo de toda a tarde, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o papel turístico, cultural e peregrino do municipio. A programación abrangue diversas actividades, dende visitas guiadas, a un obradoiro de cunchas, moita música e un punto de información turística e selado de credenciais.

“O paso da ruta xacobea pola nosa vila é un auténtico privilexio e unha grande oportunidade. Cada ano, milleiros de persoas de todo o mundo atravesan O Porriño facendo o Camiño de Santiago e iso convírtenos nun punto de encontro de culturas, idiomas e emocións. Para nós, o Camiño non é só unha ruta, senón unha parte esencial da nosa identidade e do noso dinamismo económico, social e cultural. Por iso dende o Concello traballamos para acoller aos peregrinos coa hospitalidade que nos caracteriza, ofrecéndolles un espazo acolledor e cheo de vida. Esta festa, enmarcada á súa vez nas Festas do Cristo, é unha homenaxe a eles e tamén unha oportunidade para que os porriñeses e porriñesas sintamos orgullo do noso papel no Camiño de Santiago”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación desta festa.

Así, o Concello do Porriño convida ademais de a peregrinos e turistas, a toda a veciñanza a participar desta xornada festiva. Haberá un photocall situado a pé de rúa no que os visitantes poderán selar a súa credencial de peregrino; organízanse dúas visitas guiadas, unha “Camiñando polo Porriño”, de 16.00 a 17.00 horas, a través da cal se percorrerán espazos emblemáticos da vila, achegando historia, arquitectura e urbanismo local, e outra “O Porriño con ollos de peregrino”, de 17.00 a 19.00 horas, combinada cun obradoiro de pintado de cunchas, que busca que quen pase por aquí descubra a dimensión espiritual, simbólica e cultural do Camiño. A xornada estará amenizada con música a cargo de artistas locais e como peche, sobre as 19.00 horas, concerto do grupo de pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas.

“Con todas estas iniciativas, O Porriño quere consolidarse non só como punto de paso, senón tamén como destino por dereito propio, capaz de mostrar as súas paisaxes, o seu patrimonio, a súa cultura viva e a súa hospitalidade”, sinalou a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.

Comercio e hostalería

De xeito paralelo, faise entrega aos establecementos de hostalería de novos mapas do Porriño, para que os distribúan entre quen se hospede, “pois eles son chave na acollida, orientación e información ao peregrino e ao visitante”.

Tamén se presenta un código QR que será facilitado a todo o comercio e hostalería da vila para que os visitantes teñan acceso dixital inmediato á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello.

Dende o Concello do Porriño subliñan a importancia crecente do Camiño de Santiago para o municipio. Segundo datos da Oficina do Peregrino de Santiago, no ano 2024 expedíronse 95.427 compostelas do Camiño Portugués, unha cifra superior á doutros exercicios e que este ano xa conta con 78.038, un incremento do 5% que confirma que o Camiño está máis vivo ca nunca. Este auxe reforza o compromiso do Porriño para estar á altura de quen percorre o Camiño, ofrecendo servizos, orientación, infraestrutura informativa e unha experiencia de calidade.

 

 

O Concello do Porriño inicia o acondicionamento do primeiro parque para animais no municipio

  • A parcela, de máis de 1.600 metros cadrados, situada na avenida de Galicia, contará cunha zona verde aberta ao público e outra exclusiva para animais, con mobiliario urbano, árbores e fonte

O Porriño, 15 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño está a realizar os traballos de acondicionamento do que será o primeiro parque para animais do municipio situado na Avenida de Galicia, unha localización privilexiada no centro da vila. Trátase dunha parcela de 1.614 metros cadrados, que será transformada nun espazo moderno, funcional e pensado tanto para o desfrute da cidadanía como dos animais de compañía.

“Queremos crear espazos que respondan ás demandas da nosa xente. Este parque é un paso máis cara a un Porriño máis verde, máis amable e máis inclusivo, tamén cos porriñeses de catro patas”, sinalou o alcalde durante unha visita ao parque acompañado do concelleiro Marcos Martínez.

O deseño do novo espazo contempla dúas áreas diferenciadas, por unha parte, a máis próxima á avenida principal, unha zona verde aberta ao público, con árbores, bancos, papeleiras e mobiliario urbano, que ofrecerá un lugar de descanso e encontro para a veciñanza e outra área anexa valada e pechada perimetralmente, destinada de xeito exclusivo ao lecer dos cans, gatos e demais animais onde poderán correr e xogar nunha contorna segura e controlada. Ademais, o parque contará cunha fonte de auga adaptada tanto para persoas como para animais, favorecendo así o benestar e a comodidade de todos os usuarios. Neste sentido, “faise un chamamento de concienciación e responsabilidade cidadá para que se recollan os excrementos dos animais e se utilicen botellas con desinfectante, co fin de manter o municipio limpo e agradable para todos”, puntualiza o concelleiro.

Esta actuación enmárcase na liña de traballo do goberno local na súa aposta polo acondicionamento de espazos e a súa adaptación ás novas necesidades da veciñanza, facendo especial fincapé nas persoas que conviven con animais no centro urbano.

O Concello prevé que esta nova área de recreo estea operativa o vindeiro mes e continúa traballando en novas actuacións para mellorar a calidade de vida no municipio.

O Porriño contará o vindeiro ano coa única sala de cine da comarca

  • Concello saca a licitación o proxecto de reforma da planta baixa do centro cultural a través do cal se acondicionará o antigo auditorio con tecnoloxía de última xeración para acoller as estreas da carteleira do país
  • Os traballos supoñen unha inversión de máis de 250.000 euros, subvencionados pola Deputación de Pontevedra, e previamente xa se adquiriu o equipamento de imaxe e son por importe de preto de 100.000 euros

O Porriño, 13 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño acollerá a única sala de cine municipal da comarca e das poucas que hai en toda Galicia. Para elo, saca a licitación o proxecto de reforma interior do auditorio do centro cultural, que se dotará de tecnoloxía de última xeración e contará cun capacidade para 170 butacas.

Esta intervención suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio, centrada nos espazos de auditorio, escenario e camerinos, que serán redistribuídos para dar lugar a unha sala versátil, adaptada tanto á proxección cinematográfica como á celebración de congresos, conferencias ou charlas.

 “Esta nova sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia audiovisual de primeiro nivel”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, indicando que se trata de algo moi demandado, “especialmente polos nenos e nenas do Porriño, é que son moitas as veces que me paran pola rúa para preguntarme cando vai haber cine no pobo, e por fin podemos dicir que ese soño se vai facer realidade. É unha alegría enorme poder cumprir cunha petición tan sentida pola veciñanza máis nova, que agora poderá gozar do cine sen ter que desprazarse fóra do concello”

O proxecto céntrase fundamentalmente en catro actuacións: proponse unha redistribución dos espazos eliminando a zona de escenario elevado e camerinos traseiros, de manque que o espazo dedicado a sala de avance ata o fondo do edificio; a mellora das características estéticas e acústicas a través da realización dun trasdosado en paredes onde se dispón illamento acústico e un acabado de madeira; renovación das butacas existentes, colocando tres modelos distintos para adaptar o auditorio a diferentes usos, de maneira que ademais de como sala de proxección de películas se poida empregar tamén para a celebración de conferencias e charlas e, por último, ao ser renovada a instalación de climatización e ventilación recentemente, o proxecto céntrase neste aspecto na colocación de novas luminarias adaptadas aos novos espazos e novas instalacións de son.

O proxecto conta cun orzamento 251.739,60 euros, financiado ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e cun prazo de execución de seis meses unha vez adxudicadas as obras.

 

Pantalla xigante de 5×3 metros

A contratación de subministro e instalación de equipamento audiovisual para a modernización do auditorio municipal xa se levou a cabo. Foron preto de 100.000 euros os investidos na adquisición deste equipo, adaptado aos requirimentos técnicos esixidos para a proxección de estreas de cine, e que contou cunha subvención por parte da AGDIC da Xunta de Galicia.

Neste equipamento inclúese un proxector dixital profesional de última xeración con tecnoloxía DLP (Digital Light Processing) Cinema e unha óptica zoom DLP Cinema, a mesma tecnoloxía empregada nas salas de cine convencionais; un servidor; un dispositivo de almacenamento  que incorpora catro discos duros cunha capacidade bruta total de 16TB; a pantalla eléctrica con proxección con sistema de tiro directo de medidas 5 x 3 metros e o equipamento de son que conta cun procesador para son cinematográfico Dolby 5.1 e 7.1 e outras particularidades técnicas de última xeración.

 

“Este proxecto non só é unha aposta pola cultura, senón tamén polo dinamismo económico e o atractivo do noso concello. O Porriño contará coa única sala de cine municipal da comarca, unha infraestrutura pública pioneira en Galicia que colocará á nosa vila no mapa cultural da nosa Comunidade. Será un espazo moderno, acolledor e tecnoloxicamente preparado para ofrecer programación de calidade durante todo o ano. É unha gran noticia para a veciñanza e tamén para atraer visitantes doutros municipios”, conclúe o alcalde.

Arranca o XXXII Merca na rúa con grandes descontos e actividades para toda a familia

  • A tradicional feira de oportunidades do comercio local celébrase dende hoxe e continuará mañá sábado en horario ininterrompido, de dez da mañá ata as nove da noite, cunha vintena de postos
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o director Xeral de Comercio e Consumo, Grabiel Alén, estiveron na zona peonil esta tarde visitando a feira

O Porriño, 12 de setembro de 2025.- Desde hoxe venres e ata mañá sábado, ás nove da noite, a zona peonil do Concello do Porriño acolle a tradicional feira de oportunidades, Merca na rúa, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor) coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia. Durante estes dous días, un total de 21 establecementos comerciais ofrecen importantes descontos que parten do 50%, en produtos de sectores como o téxtil, calzado, complementos, deportes e incluso viaxes, así como unha ampla programación de actividades dirixida a tódolos públicos.

A iniciativa, que chega xa a súa trixésimo segunda edición, está tendo unha boa acollida, esperándose que durante esta tarde e mañá, cadrando en fin de semana e acompañando a boa climatoloxía, aumente aínda máis o público asistente. Precisamente, o director Xeral de Comercio e Consumo, Grabiel Alén, visitou esta tarde a feira acompañado do alcalde Alejandro Lorenzo, quen incidiu na importancia que ten este evento “para o noso comercio de proximidade, un dos motores económicos da vila. Esta feira non só ofrece descontos atractivos, senón que tamén enche as rúas de dinamismo e alegría, promovendo a participación da veciñanza e visitantes. Desde o Concello continuaremos traballando para apoiar iniciativas como esta, que fortalecen a economía local e manteñen viva a esencia do noso municipio”. Ambos destacaron a importancia de apoiar ao comercio local e animaron á veciñanza a aproveitar as oportunidades que se ofrecen nesta feira.

De xeito paralelo ás compras, os asistentes poden desfrutar das actividades programadas. Así hoxe, de 16.00 a 19.00 horas, haberá inchables para os máis pequenos e mañá volverá habelos pola tarde e tamén en horario de mañá, de 11.00 a 14.00. Para a cativada organízanse ademais obradoiros, os dous días entre as 18.00 a 20.00 horas. O público adulto ten unha cita hoxe, ás 20.00 horas, co humor de marcos Pereiro e Federico Pérez co seu espectáculo “Os tristes” e mañá, ás 18.00 horas, taller creativo de moda que permitirá aos participantes aprender a actualizar looks e combinar prendas adquiridas na propia feira, rematando cunha mini pasarela divertida.

 

 

O Concello do Porriño informa sobre a reubicación da parada na liña de autobús Chenlo-O Porriño

  • A parada volverá a situarse no Paso a Nivel, restablecendo así a súa localización habitual

O Porriño, 12 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño informa ás persoas usuarias da liña de transporte que conecta Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño, que a partir do luns 15 de setembro, a parada volverá a situarse no Paso a Nivel, restablecendo así a súa localización habitual.

Esta modificación responde á mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade para as persoas usuarias, logo das intervencións realizadas na zona.

Os horarios da liña manteranse como ata o de agora, de luns a venres, con saída desde Chenlo cara ao Porriño ás 9:30 horas, e con saídas desde o Porriño con destino a Chenlo ás 9:50 horas e ás 12:30 horas.

Este cambio prodúcese despois das obras de restauración da estrada, que dificultaron durante un tempo o paso de vehículos pesados como camións e autobuses. Tras varias xestións e negociacións entre o Concello, a Xunta de Galicia e a empresa concesionaria, conseguiuse que se habilitase un microbús específico para este servizo, o que permite restablecer a parada no seu emprazamento orixinal e mellorar as condicións de mobilidade e accesibilidade da veciñanza.

Dende o Concello do Porriño rogamos a máxima colaboración na difusión desta información para que chegue a todos os usuarios e usuarias. 

O Concello do Porriño aposta por un modelo dual de emprego e formación con traballo remunerado e obras de interese social

  • Os 20 participantes no obradoiro “O Porriño Humaniza” formáronse en albanelería e realizaron labores de mellora de espazos e edificios públicos cun contrato de traballo
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira Rosario Costas fixeron hoxe entrega dos certificados de profesionalidade

O Porriño, 11 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño celebrou hoxe o acto de clausura do obradoiro de emprego “O Porriño Humaniza”, no que participaron un total de 20 persoas desempregadas das especialidades de albanelaría (urbanización) e albanelaría (traballos de pintura). No transcurso do acto fíxose entrega dos certificados de profesionalidade acreditativos da formación recibida ao longo dos últimos nove meses, que avalan oficialmente as competencias adquiridas nas diferentes especialidades.

“Este obradoiro representa perfectamente o que queremos para O Porriño: formación de calidade, oportunidades reais de inserción laboral e, ao mesmo tempo, unha mellora visible dos nosos espazos públicos. Hoxe non só entregamos certificados, senón que recoñecemos o esforzo, o compromiso e a capacidade de superación destas 20 persoas e é por iso que desde o Concello continuaremos apostando por iniciativas que xeren emprego e futuro para a nosa veciñanza”, sinalou durante o acto o alcalde Alejandro Lorenzo, acompañado da concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

O obradoiro supuxo unha inversión de 456.978 euros, dos cales 411.982 euros foron aportados pola Xunta de Galicia e a parte restante con fondos municipais. No programa combinouse teoría e práctica, así houbo unha primeira etapa formativa de iniciación, que o alumnado traballador recibiu formación profesional adecuada á ocupación xunto cunha remuneración e, unha segunda na que se complementou a súa formación en alternancia co traballo e a práctica profesional. “Trátase dun proxecto no que os participantes adquiren a formación profesional e a práctica laboral necesaria a través dun contrato de traballo, realizando á vez obras e servizos de utilidade pública ou interese social”, explica a concelleira. Neste caso concreto, levaron a cabo a renovación de beirarrúas, nun tramo de 600 metros, na avenida principal do Polígono da Granxa traballos de pintura en edificios municipais e marcado de 35 prazas de mobilidade reducida.

Foron un total de 1.440 horas logo das cales os 20 participantes puideron recolles os seus certificados de profesionalidade, dez deles recibiron os de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, operacións de formigón e pavimentos e albanelería de urbanización, e os outros dez o de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e pintura decorativa en construción.

O alcalde destacou “a importancia deste tipo de programas para facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas, ofrecéndolles unha formación certificada e experiencia laboral real” e felicitou ao alumnado polo esforzo e compromiso demostrado ao longo de todo o proxecto.

“As persoas participantes non só adquiriron unha cualificación profesional recoñecida oficialmente, senón que tamén tiveron a oportunidade de demostrar o seu talento e compromiso mellorando servizos e espazos do Porriño. Para nós, desde a área de emprego, é unha prioridade seguir promovendo programas que combinen formación, dignidade e oportunidades reais de futuro”, puntualizou a concelleira.

O obradoiro “O Porriño Humaniza” contribuíu non só a mellorar a empregabilidade dos seus participantes, senón tamén a mellorar espazos públicos do municipio, reforzando o compromiso do Concello coa formación, o emprego e a mellora continua da vila.

 

 

 

Máis de 500 nenos participan no III Torneo Jonathan Vila no Porriño

  • O Complexo Deportivo do Lourambal acollerá o sábado 13 e domingo 14 esta competición de fútbol base con 46 equipos chegados de toda a provincia e norte de Portugal

O Porriño, 11 de setembro de 2025.- Volve o Torneo Jonathan Vila de Fútbol Base ao Porriño. A terceira edición desta cita deportiva,  organizada polo Porriño Industrial CF en colaboración co Concello do Porriño, celebrase este sábado 13 e domingo 14 de setembro ao longo de todo o día no Complexo Deportivo do Lourambal, en Torneiros.

Serán uns 550 nenos e nenas das categorías de prebenxamín, benxamín e alevín os que salten ao céspede esta fin de semana. Un total de 46 equipos procedentes de toda a provincia e do norte de Portugal que competirán ao longo das dúas xornadas. O sábado será a quenda dos 20 equipos alevín, con partidos que se iniciarán ás 10.00 horas ata ás 20.00 horas cando teña lugar a final; e o domingo xogarán (sen competición) os 10 prebenxamíns en horario de mañá e, de xeito paralelo, os 16 de categoría benxamín que prolongarán ata ás 18.30 horas cando se celebre a gran final.

No acto de presentación do torneo ao que asistiron membros da directiva do Porriño Industrial, e contando tamén coa presenza do padriño que dá nome á competición, Jonathan Vila, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que este evento é un claro exemplo do compromiso do Concello coa promoción do deporte base. “É unha alegría ver a tanta xente implicada e estamos orgullosos de acoller unha actividade que fomenta os valores do deporte e a convivencia”, e lembrou que este torneo “é unha das moitas citas deportivas que enchen de vida ao Porriño durante o mes festivo do ano”.

O Concello do Porriño recibe aos gañadores do Campionato Ibérico de Kung Fu

  • O alcalde Alejandro Lorenzo felicitou aos deportistas do Club León&Fam-Carrera que gañaron na categoría infantil de cinto verde, subíndose tamén ao podio noutras modalidades e categorías

O Porriño, 10 de setembro de 2025.- Félix Mosquera Rodríguez, Sabela Mosquera Rodríguez, Ian Ríos Rodríguez, Irene Fernández Gómez, My Ngoc Rodríguez Álvarez, Daniela Campo Jorge, Nerea Bouzós Refojos, Marco Furlaneto Avendaño e Bruno Silva Martínez, xunto co seu adestrador Enrique Carrera, foron recibidos esta tarde no Concello do Porriño polo alcalde Alejandro Lorenzo en recoñecemento dos éxitos acadados na última tempada.

Este grupo de deportistas do Club León&Fam-Carrera colleitou grandes resultados no XI Campionato Ibérico de Kung Fu Moderno e Tradicional. O equipo formado por Félix, Sabela e Ian gañou a categoría de cinto verde infantil; en parellas, Marco e Irene acadaron a prata en junior cinto marrón e My Ngoc e Daniela o bronce en senior cinto negro; e en individual, Irene e Marco lograron tamén ser subcampións

A todo isto engádense outros primeiros e terceiros postos conseguidos na III Copa de Galicia de Kung Fu por Sabela, Bruno, Irene, Nerea, My Ngoc e Daniela e tamén no XIX Campionato Galego Escolar Individual de Kung Fu, logrando o ouro Sabela e o bronce My Ngoc.

“É unha enorme satisfacción para min, como alcalde do Porriño, recibir a estes mozos e mozas que, con tanto esforzo e dedicación, están levando o nome do noso concello ao máis alto no mundo do Kung Fu. Sodes un exemplo de superación, constancia e compromiso, e este recoñecemento é máis que merecido. Desde o Concello seguiremos apoiando ao deporte base e aos clubs locais, porque cremos no talento que temos na nosa vila”, sinalou Lorenzo.

Estes resultados non só reflicten o alto nivel deportivo do Club León&Fam-Carrera, senón tamén o compromiso do Porriño co apoio ao deporte local e á formación de novos talentos. O éxito destes deportistas é motivo de orgullo para todo o Concello e un estímulo para continuar fomentando valores como o compañeirismo, a disciplina e a superación a través do deporte.