A Concellería de Infraestruturas anuncia a mellora de firme do Camiño Veciñal de Casal de Vello (Torneiros)

 

O Concello do Porriño acomete a mellora do firme de rodadura no Camiño Veciñal de Casal de Vello, en Torneiros, segundo o proxecto en execución que desenvolve a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.
Está obra adxudicouse a COVSA e esta financiada ao amparo do PLAN MARCO da Consellería de Medio Rural. Dispón dun orzamento total de 58.729 euros (IVE incluído).
A empresa construtora realizou tarefas previas de limpeza e comezará a asfaltar a partires do 1 de setembro. Os traballos mellorarán unha lonxitude de preto de 850 metros do devandito camiño veciñal.

 

A Concelleira de Festexos presentou “Trivium”, un concurso de “trivial’ sobre coñecemento do Porriño que se desenvolverá durante as Festas do Cristo

“Trivium Porriño” será un xogo xigante similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Trátase dunha nova proposta de lecer que fai a Concellería que dirixe Cami Moreira, que se desenvolverá durante as Festas do Cristo e presentouse hoxe en roda de prensa na Biblioteca Municipal.

A concelleira explicou que se trata dunha réplica adaptada ao Porriño. “A infografía do xogo vai centrada no Pan do Porriño e na súa receita como referencia á nova meta acadada coa concesión da Marca Protexida  Pan do Porriño”, sinalou Cami Moreira.

Xogarase durante os días 19, 24 e 25 de setembro (datas de clasificación) e o 2 de outubro será a partida final. En todas as quendas, as partidas serán na Praza do Cristo onde se habilitará un escenario e cadeiras tamén para o público que queira asistir.

Os equipos estarán formados por dúas persoas. Os premios serán para consumir no comercio e na hostalería locais. 300 € para a parella gañadora; 200 € para segunda e 100 € para a terceira.

Competirán 16 parellas que serán elixidas mediante un vídeo pequeno de 30 segundos máximo contando o porque do seu interese en participar no “Trivium” e que deberán subir ás súas redes sociais de Facebook e Instagram etiquetando co  cancelo # TriviumPorriño e etiquetar á páxina de Facebook Trivium Porriño ou do perfil de Instagram @ triviumporriño.

A concelleira de Festexos e Cultura apelou a que esta convocatoria “é unha excelente oportunidade para formar parellas interxeneracionais entre avós e netos, por exemplo, que combinen os seus coñecementos da historia, cultura e demais eidos da vidas porriñesa coa habilidade para manexarse nas redes sociais”.

A idade mínima para participar é de 16 anos.

As parellas seleccionadas serán as que acaden máis me gustas nos seus vídeos cando se faga o reconto que será o 14 de setembro ás 15:00 horas. “A partires de hoxe mesmo, 20 de agosto, poden inscribirse subindo os vídeos ás súas redes sociais etiquetando cos cancelos devanditos para acadar o maior número posible de ‘likes’”, manifestou Joaquín Rodríguez, responsable de “Especialistas Hípica Celta”. Esta empresa colabora coa Concellería de Festexos o desenvolvemento desta nova iniciativa xunto coa Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño.

Segundo explicaron hai preparadas 1.500 preguntas sobre O Porriño relativas á historia, xeografía, ciencia e natureza, arte e literatura, deportes e entretemento.

 

 

Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura para máis información.

Concurso de preguntas Trivium

 

“Trivium Porriño” será un xogo xigante similar ao “Trivial” pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Trátase dunha nova proposta de lecer que fai a Concellería que dirixe Cami Moreira e que se desenvolverá durante as Festas do Cristo.

Xogarase durante os días 19, 24 e 25 de setembro ( datas de clasificación ) e o 2 de outubro será a partida final na Praza do Cristo.
Os equipos estarán formados por dúas persoas. Os premios serán para consumir no comercio e na hostalería locais. 300 € para a parella gañadora; 200 € para segunda e 100 € para a terceira.

Competirán 16 parellas que serán elixidas mediante un vídeo pequeno de 30 segundos máximo contando o porque do seu interese en participar no “Trivium” e que deberán subir ás súas redes sociais de Facebook e Instragram etiquetando co cancelo # TriviumPorriño e etiquetar á páxina de Facebook Trivium Porriño ou do perfil de Instagram @ triviumporriño.
As parellas seleccionadas serán as que acaden máis me gustas nos seus vídeos cando se faga o reconto que será o 14 de setembro ás 15:00 horas.
A idade mínima para participar é de 16 anos.

 

 

Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura para máis información.

Concurso de preguntas Trivium

A equipa feminina porriñesa “La Sal Cocinas Louriña” invitado a participar na vindeira Volta Ciclista a Portugal

A equipa feminina de ciclismo elite do club porriñés “La Sal Cocinas Louriña Cycling Team” vén de recibir a invitación dos organizadores da Volta Ciclista a Portugal para participar na ronda lusitana que comezará o vindeiro 1 de setembro coa presentación dos participantes en Lisboa. A equipa feminina porriñesa competirá xunto cos mellores clubs profesionais e de elite de España, Portugal e do resto de Europa.
“Recibir esta invitación ao club que preside Juan Alvarez Cerdeira, supón un recoñecemento á labor que están a realizar co apoio de patrocinadores privados e públicos, entre os que destaca o Concello do Porriño que é o principal sponsor institucional cun contrato de patrocinio de 15.000 € anuais máis outras achegas por organización de probas deportivas”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes.
Para o concelleiro “esta invitación á equipa feminina do ‘La Sal Cocinas Louriña’ evidencia que a política de apoio, particularmente ao deporte feminino que levamos a cabo dende o goberno municipal que preside Eva García acada resultados”, manifestou Alonso Bargiela.

Eva Garcia eloxiou o Festival de Cans como “distintivo da identidade do Porriño”

A alcaldesa Eva Garcia eloxiou ao Festival de Cans como “distintivo da identidade do Porriño, é de todos nós” e como sinal desa condición referiu o recente acordo unánime da corporación municipal que decidiu dobrar a achega que o Concello outorga para a organización deste evento. Concretamente de 20.000 a 40.000 euros que recibe neste ano.


A rexedora lembrou primeiramente na súa intervención que hai un ano “afrontamos unha situación inédita coa pandemia” e significou que o Festival de Cans “foi quen de ter a valentía de facer unha proposta moi responsable e levar a cabo a edición de 2020, co apoio de institucións e patrocinadores que estivemos ao voso lado”.
Eva Garcia sinalou que o Festival de Cans “é tan importante que nós que temos unha vida política tan azarosa e belixerante, especialmente no Porriño, fomos quen de poñernos de acordo de xeito unánime, para duplicar a achega que lle da o Concello ao Festival de Cans”, referiu a a alcaldesa.

Pola súa banda, Cami Moreira, concelleira de Cultura agradeceu a colaboración entre o Concello e a asociación “Arela”, organizadora do certame audiovisual, “polo seu bo dispor”. A concelleira reivindicou que o Festival de Cans “coma a canle que nos transmite coñecementos e ideas, tradicións e costumes que nos identifican como ‘jalpón’, como parroquia, que nos identifican como pobo, como país e como planeta”.

Pola súa banda, Alfonso Pato, director do certame manifestou que este ano o Festival de Cans afronta esta edición coa perspectiva das tres erres: ” Responsabilidade; Resistencia e Rebeldía”.
Pato explicou que o Festival de 2021 recuperar espazos tradicionais coma este Torreiro de Cans onde nos atopamos e que volverá reunir coloquios e encontros como o que protagonizará o historiador Ian Gibson, e todo con aforamentos reducidos como faremos cos chimpíns para axeitarnos aos protocolos Covid”, rematou o director do evento.
No acto de presentación do XVIII Festival de Cans asistiron Roman Rodríguez, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia que lembrou a importancia deste certame “para o desenvolvemento do audiovisual na nosa comunidade” e Vitoria Alonso, deputada delegada que reivindicou o apoio da Deputación de Pontevedra que “inclúe ao festival de Cans no abeiro do programa Rías Baixas Film Fest que patrocina o organismo provincial.

Adxuntamos díptico coa programación do Festival de Cans 2021 

Diptico_Cans2021

 

 

Un milleiro de persoas foron atendidas no punto de información habilitado polo Concello para consultas sobre a actualización de parcelas

 

Preto dun milleiro de persoas foron atendidas no punto de información habilitado polo Concello en colaboración co ORAL e o Catastro para atender as consultas da veciñanza sobre a actualización de parcelas. A atención ao público centralizouse no salón de sesións da casa consistorial e funcionou mediante cita previa. Abriu o luns 19 de xullo e rematou onte martes 17 de agosto.
Segundo informa o persoal que atendeu á veciñanza, do total de persoas atendidas, 76 interpuxeron recurso. A meirande parte por non ser titulares das fincas ou por non figurar correctamente a configuración. Agás 4 veciños que recorreron por considerar excesivo o incremento da valoración catastral.
A Xerencia do Catastro notificou unha actualización da cualificación de parcelas feita en aplicación da lexislación vixente que afecta a 17.400 propiedades no concello do Porriño. Trátase dunha revisión de valores que renova o anterior padrón que databa de 1985. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.
Ante o gran número de afectados , a alcaldesa Eva García xestionou coa Xerencia do Catastro e do Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para que dispuxeran este punto de información para aclarar dúbidas é consultas que se prolongou por cinco semanas pola demanda de aclaracións.

A partires de agora, as consultas deben realizarse na oficina do ORAL no Porriño, sita na rúa Pinar, 5 baixo, con solicitude de cita previa, a través da páxina web da  Deputación. Ou nas oficinas do Catastro en Pontevedra e Vigo. 

Presentada a segunda edición do Festival “Sons da Canteira” que repetirá en Vilafría

A alcaldesa do Porriño, Eva García e a concelleira de Cultura, Cami Moreira presentaron hoxe a segunda edición do Festival “Sons da Canteira” que terá lugar o sábado 28 de agosto. A canteira en restauración de Vilafría, en Atios volverá ser o anfiteatro natural onde se celebrará este evento promovido polo Concello do Porriño e organizado pola productora “Doppler Xestión Cultural”.

Eva García de la Torre animou a “non perder un espectáculo como éste que é impresionante polo escenario e polo son e constitúe un xeito de gozar dun evento diferente e de conservación do propio”, manifestou a alcaldesa do Porriño.

O director do festival, Adrián Fragueiro explicou na presentación do certame aos medios que se realizou hoxe na Biblioteca Municipal, que este ano “facemos unha proposta cun cartel ateigado de talento galego que abre pontes co máis efervescente da lusofonía. A nosa proposta está comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada”, manifestou.

Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios son as seis bandas que sobirán ao escenario da canteira en reconstrucción de Vilafría nesta segunda edición do festival Sons da Canteira. “Todas elas achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Este é o selo do festival”, que destaca tamén “pola presenza de mulleres que encabezan a innovación e a fusión”.

Talento galego e unha ponte coa lusofonía

Estará o ritmo de baile poderoso de Pongo, a raíña do kuduro. Será o único concerto en España desta música e cantante lisboeta de orixe angoleña. Soará a música da francogalega Mounqup, que estrea disco e espectáculo, cun pop electrónico moi enerxético e bailable. Escoitaranse os sets da DJ compostelana Teresa Ferreiro, unha artista visual e investigadora musical que ten misturado para radios e eventos de todo o mundo. E o persoalísimo trap galego de Boyanka Kostova, unha das bandas máis desexadas e viralizadas do momento. Igual que Verto, outros compostelanos que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como no Spotify. Esta será unha das últimas oportunidades para velos antes do parón que anunciaron para outubro. Tamén haberá talento da zona, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na edición pasada acompañaron a Baiuca no escenario.

A idea do festival foi concibida pola concelleira de Cultura do Porriño, Cami Moreira, que gardaba na memoria a única e impactante edición do Festival Son da Pedra, en 1995. “O escenario vai cambiando porque a restauración avanza”, explica. “A nivel de escenario musical a canteira é camaleónica. Como recurso económico é moi importante para O Porriño, pero finalizado o proceso hai que devolverlla ao monte”.

 

Cear durante o festival “como nunha terraza”

As entradas para gozar do espectáculo continúan dispoñibles en sonsdacanteira.gal e tamén os tickets de bus gratuítos (ás 17h00, 17h30 e 18h00), que se adquiren de xeito simultáneo e serán o único modo de acceder á canteira.

Para cear durante o festival haberá foodtrucks no recinto, con opcións veganas e sen glute. Será necesario recargar a pulseira de acceso, que funcionará con tecnoloxía cashless para facer os pagamentos. Como novidade, o festival implanta un servizo de atención en mesa “cunha equipa de camareiros e camareiras, como nunha terraza”, para evitar aglomeracións.

Sustentibilidade

“Sons da Canteira” é un evento que ten sentido no seu territorio polo que ten un compromiso co territorio e coa sustentabilidade para contribuír a que a contorna da canteira de Atios sexa un lugar mellor.

Neste sentido, a responsable de sustentabilidade do festival, María Baqueiro, explicou que se traballou para producir unha pegada de carbono cero. “A sostibilidade non é unha competición, temos que traballar todos os festivais na mesma liña, a da Axenda 2030, ser inclusivos, facer un esforzo de accesibilidade e achegar o máximo valor social e cultural á contorna”.

 

 

Presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”, manifestou Eva Garcia que reivindicou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.

O evento reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal.
A competición terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal.

A alcaldesa critica que a Xunta volva penalizar á hostalería do Porriño que tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais

O Porriño é un dos concellos da área de Vigo que se atopa en nivel alto de restricións e como consecuencia a hostalería do municipio tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais a partires das 00:00 deste martes 17.

A decisión da Xunta de Galicia é consecuencia da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorizar que se esixa o certificado de vacinación “Covid” aos clientes para acceder ao interior de cafeterías, bares, restaurantes e outros locais de hostalería. A raíz do fallo do Tribunal, a Consellería de Sanidade decidiu responder reducindo o aforamento no interior dos locais, baixando de 50 ao 30%. No que atinxe ás terrazas, seguirá no 50%.  E os establecementos de ocio nocturno continuarán pechados.

A alcaldesa do Porriño considera que “estas medidas non son de recibo e volven penalizar o sector da hostalería que xa foi castigado dabondo alongo destes meses”, valorou hoxe Eva García de la Torre. Segundo a rexedora que “o TSXG non lles dera a razón, non pode levar como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia”.

García de la Torre interpelou á Xunta de Galicia a que “vacine masivamente, especialmente á xente nova, por que as vacinas son o verdadeiro remedio e, polo tanto, que deixen de prexudicar sempre aos mesmos”, rematou a alcaldesa.

O martes 17, presentación do II Festival Sons da Canteira na Biblioteca Municipal

O vindeiro martes 17, ás 11 horas, terá lugar a presentación da segunda edición do Festival “Sons da Canteira”, organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura e Festexos. 

O festival previsto para o sábado 28 de agosto, volverá celebrarse na canteira en reconstrucción de Vilafría.

Todos os detalles sobre o Festival, protocolos de seguridade, transporte, actuacións previstas e demais loxística serán explicados o martes 17 de agosto na roda de prensa que terá lugar na Biblioteca Municipal, coa asistencia de Eva García de la Torre, alcaldesa do Porriño; Cami Moreira, concelleira de Cultura; Adrián Fragueiro, director de “Sons da Canteira” e Maria Baqueiro responsable de sustentabilidade do evento. 

Festival Sons da Canteira 2021

A Concellería de Deportes patrocina o “I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

 

A vindeira semana será presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño” que terá lugar os días 21 e 22 de agosto no Polideportivo Municipal , segundo anuncia a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso.
Neste evento internacional agardase a participación de 240 deportistas de clubs de tenis de mesa de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal.

A competición vaise desenvolver nos dous pavillóns do Polideportivo Municipal. Coas actuais restricións poderán asistir 300 espectadores por pavillón, aínda que descontando a reserva de espazo para técnicos, familiares e acompañantes dos deportistas, o aforamento real de público será de 130 espectadores por pavillón.

O torneo que abrangue todas as categorías é organizado polo Club de Tenis de Mesa CRC Porriño. Conta co Concello como patrocinador principal e coas colaboracións do Círculo Recreativo Cultural, Federación Galega de Tenis de Mesa, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia.