A equipa feminina de ciclismo elite do club porriñés “La Sal Cocinas Louriña Cycling Team” vén de recibir a invitación dos organizadores da Volta Ciclista a Portugal para participar na ronda lusitana que comezará o vindeiro 1 de setembro coa presentación dos participantes en Lisboa. A equipa feminina porriñesa competirá xunto cos mellores clubs profesionais e de elite de España, Portugal e do resto de Europa.
“Recibir esta invitación ao club que preside Juan Alvarez Cerdeira, supón un recoñecemento á labor que están a realizar co apoio de patrocinadores privados e públicos, entre os que destaca o Concello do Porriño que é o principal sponsor institucional cun contrato de patrocinio de 15.000 € anuais máis outras achegas por organización de probas deportivas”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes.
Para o concelleiro “esta invitación á equipa feminina do ‘La Sal Cocinas Louriña’ evidencia que a política de apoio, particularmente ao deporte feminino que levamos a cabo dende o goberno municipal que preside Eva García acada resultados”, manifestou Alonso Bargiela.