O Concello do Porriño, súmase á celebración do Día do Orgullo LGTBI, “no seu compromiso coa igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns, sexa cal for a súa orientación afectiva e/ou sexual ou identidade de xénero”.

O Porriño engade o seu nome á campaña “Celebramos a diversidade” impulsada pola directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), da cal a alcaldesa, Eva García de la Torre, forma parte, e que hoxe volve a pedir “Respecto, Dignidade e Autoestima para todas as persoas”.

Ano a ano son máis os concellos galegos que contribúen coas súas políticas á non discriminación de calquera colectivo. “Nós sumámonos a este sentir común e animamos aos concellos a unirse á visibilización desta causa a través da celebración de actos de apoio ó Día do Orgullo LGTBI”.

Este 28 de xuño, as cores do arco da vella lucirán diante de moitas casas consistoriais e a alcaldesa do Porriño súmase á petición da Federación Galega de Municipios quen anima ás galegas e galegos a que participen nos actos programados nos seus concellos, nun chamado conxunto á igualdade e á diversidade.