Suspéndese o Gran Desfile de Comparsas

AVISO IMPORTANTE: ***Suspéndese (é decir, non se farán outro día) o Gran Desfile de Comparsas polas malas condicións climatolóxicas.
O Enterro da Sardiña pasa do mércores, día 1, ao sábado, día 4

O Gran Desfile de Comparsas, que debía celebrarse este martes, día 28, ás 6 da tarde no Porriño, con saída dende San Sebastián, queda suspendido a causa das malas condicións climatolóxicas.

Así mesmo, o Enterro da Sardiña, programado para este mércores, día 1 de marzo, ás 7 da tarde, pasa para o sábado, día 4, á mesma hora, co mesmo percorrido: Círculo Recreativo e Cultural, rúa Domigo Bueno, San Sebastián e Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Atios, escenario da III Marcha BTT ‘Virxe da Guía’

A proba de bicicleta da montaña máis atractiva do circuíto galego volve cunha nova edición chea de sorpresas. A parroquia de Atios, no Concello do Porriño, será o vindeiro 5 de marzo escenario da III Marcha BTT Virxe da Guía, que nesta ocasión presenta un trazado de 45 quilómetros con dificultade media-alta.

Para os menos arriscados hai un percorrido alternativo de 35 quilómetros de dificultade media. O 80% do trazado é novo con respecto a edicións anteriores, incluídos todos os descensos. A edición deste ano prevé un paso elevado sobre auga, de 27 metros, ademais dun treito completo sobre penedos.

Nesta ocasión a proba contará coa presenza de Desirée Duarte, campiona de España de ciclocross, Isabel Castro, campiona de Galicia, e Luis Oliveira, ex ciclista profesional, campión da Volta a Galicia. A saída está programada para ás 9 e media da mañá dende o campo de fútbol do Carballo. Haberá premios para os primeiros clasificados, en categoría masculina e feminina. Tamén se premiará ao corredor máis novo, ao máis vello e ao que proceda de máis lonxe.

Durante o percorrido un dron gravará o paso dos ciclistas polos lugares de máis interese. Estas imaxes poderán ser vistas nunha pantalla xigante instalada na meta, situada tamén no campo do Carballo. A organización ofrece un seguro individual, vestiarios con duchas, lavado de bicicletas, e un petisco para cada participante.

A inscrición está aberta ata o xoves 2 de marzo, cun custo de 8€ por participante. Para apuntarse hai varias posibilidades: no teléfono 609 037 469; nos seguintes establecementos colaboradores: cafetería do Centro Cultural de Atios, Qué Bici (Vigo), Tramo Libre (Cangas) e Xtrembike (Pontevedra); ou directamente na entidade Abanca cando se realice o ingreso da inscrición (enviando xustificante a virxendaguía@gmail.com). O número de conta é: ES55 2080 5452 6430 0020 6400. Toda a información está dispoñible en facebook/festavirxedaguía.

Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais

24 veciños do Porriño en busca de traballo mellora a súa empregabilidade completando o Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais impartido pola Fundación Labora da Construción

A concelleira de Emprego, Soledad Girón, entregou os diplomas concedidos pola Fundación Laboral da Construción aos vintecatro participantes no Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais, organizado por esta entidade en colaboración co Concello do Porriño.

O mesmo, cunha duración de 60 horas, 40 delas on line e 20 presenciais, permite ás persoas que o realizan ter máis posibilidades de acceder a un posto de traballo dentro da construción dado que en todas as obras ten que haber unha persoa que conte co coñecementos adquiridos neste curso.

Como lembrou o representante da Fundación Laboral da Construción, o obxectivo que se persigue no sector e reducir a sinestralidade algo que facilita o feito de que os profesionais teñan a maior preparación posible en prevención en riscos laborais, tal e coma se recolle, ademais no propio convenio.

Pola súa banda, a concelleira Soledad Girón subliñou que é “unha prioridade para o Goberno local contribuír á creación de emprego e poñer todas as facilidades para que sexa posible”. Girón tamén salientou que para facelo “é clave” a colaboración con entidades da importancia e experiencia da Fundación Laboral para a Construción e amosouse “absolutamente segura” de que esta cooperación seguirá adiante.

Campionato Galego de Grupos Show de Patinaxe

Este sábado no Pavillón de Deportes do Porriño Campionato Galego de Grupos Show de Patinaxe para Xuvenís e Cuartetos

O Club Patín Porriño organiza este sábado, 25 de febreiro, o Campionato Galego de Grupos Show de Patinaxe para Xuvenís e Cuartetos. O Pavillón Municipal será o escenario no que 11 clubs de A Coruña e 6 de Pontevedra, competirán polo trono desta especialidade.

Pola mañá realizáronse os adestramentos- de 10 a 12:45h. dos grupos xuvenís e de 12:45 a 14:45, os cuartetos-, iniciándose a competición ás 17:30 horas cos Xuvenís, cuxos combinados deben estar formados por ,cando menos, oito patinadores e patinadoras con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos.

Tras un pequeno descanso dun cuarto de hora, ás 19:15 está previsto comezar a categoría de Cuartetos, con grupos de catro deportistas e maiores de 16 anos.

A Biblioteca Municipal edita unha guia con ducias de documentos.

A Biblioteca Municipal do Porriño edita unha guñia con ducias de documentos, escritos e debuxos para promocionar e difundir a figura e a obra do arquitecto Antonio Palacios

A Biblioteca Municipal do Porriño, entendendo que Antonio Palacios é probablemente un dos porriñeses máis insignes da historia da vila, ven de xuntar a maior cantidade de documentos escritos sobre a súa figura a través da ‘Sección Local’, coa pretensión de promocionar e difundir a súa obra, conservar para o futuro esta importante información e asegurar a súa consulta para todas as porriñesas e porriñeses.

Monografías, ata folletos turísticos, comunicacións de congresos, catálogos de exposicións, memorias de investigación, que se conqueriron por medio de compra, doazón ou préstamo, integran esta escolma adicada ao arquitecto quen, ademais de deixar algunhas mostras do seu traballo no Porriño- o edificio do Concello a máis representativa delas- esta soterrado na vila, como foi o seu desexo.

Froito desta labor a Biblioteca Municipal publica a guía de lectura “Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño”, coa referencia das decenas de documentos que se foron xuntando ao longo de anos.
Parte deles están actualmente expostos nunha instalación da vitrina do ‘Recuncho’, localizada no vestíbulo da biblioteca, forrada con reproducións dos planos orixinais de construción do Concello do Porriño.

Dende a Concellería de Cultura animan ás veciñas e veciños e a todas as persoas interesadas na obra de Antonio Palacios, a consultar a guía, a introducirse na fascinante figura deste grande arquitecto e a aproveitar para visitar as súas obras arquitectónicas no Porriño.

A ‘Interrunning Concello do Porriño’ xa ten máis de 800 atletas inscritos

A ‘Interrunning Concello do Porriño’ xa ten máis de 800 atletas inscritos, o dobre que o ano pasado nestas mesmas datas

Segundo informa a organización, a falla dun mes para que se dispute a XI edición da Interrunning-Concello do Porriño, a proba está superando todas as marcas de atletas inscritos. Hoxe hai xa máis de 800, máis do dobre que nas mesmas datas da edición do pasado ano 2016.

Os organizadores salientan que “todo apunta a que o 12 de marzo O Porriño será a capital do atletismo popular en Galicia”, cunha homenaxe especial á muller corredora. Ademais do circuíto de 10 quilómetros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), este 2017 haberá a posibilidade de correr 5 quilómetros e, para os cativos, dende as 10 da mañá, percorridos adaptados a súa idade.

Un ano máis, a ‘Interrunning-Concello do Porriño’ lembra o seu compromiso con ‘SOS Porriño’ e o feito de que cada un dos participantes na proba deportiva debe traer para participar na mesma un quilo de comida non perecedoira que será entregada a esta ONG.

Este é o programa do ‘Entroido do Porriño 2017’

O programa definitivo do ‘Entroido 2017’, ven de pendurarse na Praza de Antonio Palacios e nos milleiros de cartaces impresos, que levan un Código QR para poder acceder ao mesmo dende o teléfono móbil.

As actividades, que este ano estarán precedidas dunha completa axenda cultural, que deu comezo a principios deste mes, arrancarán coa apertura da exposición fotográfica ‘O Entroido no Porriño’ o venres, 24 de febreiro, ás 8 da tarde, no Centro Cultural Municipal.

O Sábado de Entroido, día 25, empezará coa Animación na Rúa, ás 12 da mañá na Praza Antonio Palacios, para dar paso ao Pregón, a cargo de Xosé Antonio Touriñán, ás 12 e media. De seguido, ás 2 da tarde, na mesma praza, o Xantar do Entroido; ás 4 da tarde o 74º ‘Xogo da Ola’, na rúa do mesmo nome; ás 4 e media volva á Animación na rúa, entes do Grande Desfile de Comparsas, ás 5, e ás 8 da tarde dará comezo a ‘Grande Festa Rachada’ polas rúas da vila.

O Domingo de Entroido, día 26, Festa Infantil, ás 5 da tarde, no Centro Recreativo e Cultural; o luns, día 27, será o Baile de Disfraces, coa Orquestra Dúo Amanecer, ás 5 da tarde no Centro Socio-comunitario do Porriño. O martes, día 28, ás 12 e ás 5 da tarde, na Praza de Antonio Palacios, Animación de Rúa e ás 6 o Grande Desfile de Comparsas, dende San Sebastián.

A programación rematará o Mércores de Cinza, día 1 de marzo co ‘Velorio da Sardiña’, ás 5 da tarde no Círculo Recreativo e Cultural; o Enterro da Sardiña, ás 7 da tarde, dende o Círculo Recreativo e Cultural, rúa Domingo Bueno, San Sebastián e Praza de Antonio Palacios e, finalmente, a ‘Lectura das Derradeiras Vontades’ na Ponte do Valo.

Aprendizaxe da Linguaxe Canina co can ‘Choupa’

Nenos e nenas de 2º de primaria dos colexios do Porriño participan dende esta semana nun obradoiro de Aprendizaxe da Linguaxe Canina. O mesmo xira ao redor do can ‘Choupa’ que, coa dirección dunha especialista amosa ás rapazas e rapaces menores de 14 anos cómo achegarse aos cans, recoñecer o intre no que é posible acariñalo, coma actuar diante del, que deben facer cando se atopan de fronte cun can ou que teñen que facer cando os tira ao chan.

As cativas e cativos aprenden a distinguir entre un can enfadado, asustado ou ledo, que facer antes de tocarlle ou cales son os sinais que deben atopar para lograr que estea tranquilo.

O obradoiro, que ten coma obxectivo evitar que o can os trabe, te unha duración de 45 minutos en el participan, a un tempo, un máximo de 20 alumnas e alumnos dos centros porriñeses de ensino infantil e de primaria.

Segundo un estudo realizado polo Complexo Hospitalario Júan Canalejo de A Coruña, o 75% das trabadas de cans sucédenlle a nenos e nenas menores de 14 anos, con predilección polos nenos a respecto das nenas. O 65% das lesións localízanse na cabeza e pescozo.

Os especialistas recomendan que se informe acerca de esta problemática, para lograr una conciencia social e conseguir establecer unas normas de prevención, tanto no ámbito familiar como social, para axudar así a evitar, ou cando menos reducir,a ampla frecuencia de estas lesións.

Rreformas do inmoble do Centro Cultura A Forna

A alcaldesa estudará cómo iniciar as reformas do inmoble do Centro Cultura A Forna, de Budiño, a humanización do seu exterior e a posibilidade de que teña unha conexión a Internet “rápida e segura”

A alcaldesa mantivo unha xuntanza cos integrantes da nova xunta directiva do Centro Cultural A Forna, de Budiño, para coñecer, polo miúdo, os problemas que afrontan os novos representantes da mesma.

Eva García de la Torre sinalou que estudará o xeito de que o Concello contribúa a sufragar as reformas que precisa o inmoble no que está o Centro Cultural, de modo que as mesmas se poidan acometer en varias treitos.

Asimesmo, indicou que os orzamentos municipais recollen unha partida para que a Concellería de Vías e Obras, dirixida polo tenente de alcalde, Manuel Carrera, poida iniciar os traballos de mellora e urbanización do exterior do Centro, no que se organiza a Festa de San Blas, e que como indicaron os novos directivos precisa xa que se fagan traballos de recuperación e adecentamento.

García de la Torre informou, ademais, dos contactos que mantén con Telefónica para que os centros culturais e asociacións veciñais, dispoñan de wi-fi gratis que “permita unha conexión a Internet rápida e segura” como “medio imprescindible de dinamización social e cultural e un servizo ás veciñas e veciños, en xeral, e aos máis novos, en particular”.

Do mesmo xeito, a alcaldesa amosou a súa intención de artellar un medio que permita que o material informático que xa non se empregue no Concello se ceda ás asociacións do Porriño, “por suposto, garantindo o seu bo funcionamento”, para aproveitar o mesmo e, ao tempo, evitar gastos a estas entidades.