A concelleira de Igualdade e Benestar pecha os Campamentos de Verán, que este ano estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e nos que participaron 240 nenas e nenos do Porriño

A concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, entregou os diplomas ás nenas e nenos que participaron nos Campamentos de Verán do Concello, este ano. En total, sinala a concelleira, foron 240 participantes que puideron gozar durante 6 semanas de actividades coma xogos, deportes, excursións, ou saídas ao Museo do Mar de Galicia ou á Praia de Alcabre, en Vigo.

Este ano os campamentos, baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e tiveron coa obxectivo principal, subliña Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que se desenrolaron entre o 2 de xullo e o pasado 10 de agosto, estiveron a  abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade– nados entre 2006 e 2013-, que puideron elixir ata 6 quendas distintas: a 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

A Concellería de Emprego impulsa, por medio do ‘Plan Porriño Accede’, un ‘Curso de Loxística e carretilla elevadora’ para veciñas e veciños que estean en situación de demandantes de emprego

A Concellería de Formación e Emprego, que dirixe Soledad Girón, impulsa, por medio do ‘Plan Porriño Accede’, un ‘Curso de Loxística e carretilla elevadora’ que ten coma destinatarias a veciñas e veciños do Porriño que sexan demandantes de emprego.

Como sinala a concelleira, o prazo de inscrición para as interesadas e interesados en participar neste curso péchase nas vindeiras semanas, a formación, que será a cargo de especialistas de Maviva, empresa especializada en loxística de automoción que ten sedes en Vigo, Gondomar e O Porriño, abrangue preparación teórica e práctica nas instalacións da mesma.

‘Porriño Accede’

O programa “Porriño Accede” é un programa que pon en marcha o Concello do Porriño, con fondos propios, e que pretende formar e insertar no mercado laboral ás persoas veciñas inscritas como demandantes de emprego, tendo como punto de partida as necesidades de contratación nas empresas.

Os traballos de recuperación da antiga Escola Unitaria de Covelo, en Atios, a piques de rematar, logo da colocación das novas fiestras, portas e persianas

As obras de recuperación da antiga Escola Unitaria de Covelo, na parroquia de Atios, están chegando á súa finalización logo dun traballo levado a cabo polas concellerías de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, e de Emprego e Formación e Benestar, a fronte das cales está Soledad Girón.

Precisamente, a Concellería de Vías e Obras vén de rematar a colocación das fiestras, portas e persianas no inmoble, cun investimento total de 24.000€ con cargo ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra.

Manuel Carrera sinala que as novas fiestras son de PVC, de cor branca no interior e alumiño no exterior, “gardando a estética xeral deste edificio que finalmente podemos dicir que vaise a recuperar para as veciñas e veciños de Atios”.

Novo tellado

O alcalde accidental lembra que “xusto hai un ano”, substituímos o tellado que, daquela, estaba nun estado de total deterioro, polo que era “moi urxente” mudalo dada que as filtracións poderían causar o derrubo do mesmo.

Carrera subliña que, coma neste caso, aquela obra fíxose con cargo a dúas achegas da Deputación de Pontevedra, que abranguía a colocación dunha nova cuberta metálica de 3.800 quilos de peso, con tella cerámica sobre unha superficie total de 390 metros cadrados, para o cal dispúxose dun orzamento total de 60.080,71€.

A concelleira de Emprego e Formación, Soledad Girón, responde ao PP do Porriño sobre os empregos da Deputación

En relación coa nota publicada no xornal de onte, 9  de agosto de 2018, polo Partido Popular do Porriño, en boca do seu concelleiro e presidente local, Manuel Alejandro Lorenzo, sobre as políticas de emprego no Concello do Porriño, como concelleira responsable dese área, quero sinalar:

O señor Manuel Alejandro non di a verdade ao asegurar que “o Concello puido dar emprego a 27 persoas durante todo este ano” polo Plan da Deputación.

Resulta sorprendente ademais que o faga, quen foi concelleiro de Emprego no anterior goberno, pois, pola súa experiencia neste tema, sabe perfectamente que esa afirmación é falsa. Polo tanto, non cabe máis conclusión que entender que, nun asunto tan delicado como é o desemprego e a traxedia persoal para quen o padece, preferiu buscar un titular vistoso pero falso que lle axude na súa carreira política como candidato previsible do PP ás eleccións locais do vindeiro ano.

Invito ao PP local e ao seu presidente, a nomear un só concello da provincia que, coa convocatoria da Deputación Provincial, contratara, aínda que fora unha soa persoa, durante todo o ano. Non o hai, porque é imposible e a orde nin tan sequera contempla esa posibilidade, nin por fondos nin por prazos.

O 3 de xaneiro, cando sae a orde, o que se inicia é o proceso regulamentado, transparente e público, para optar á concesión se subvencións e, unha vez concedida, ao proceso de preselección de candidatas  e candidatos que se fai polos servizos do Servizo Galego de Emprego (antigo INEM) e a elaboración dunhas bases e inicio do proceso de selección de candidatas e candidatos polos servizos de contratación do Concello. Trámites xustos, regulamentarios e fiscalizados que impiden que sexan contratos a partir da saída da orde.

O candidato do PP e o seu partido, que teñen experiencia de moitos anos de  goberno no Concello, saben que é así e que están, polo tanto falseando a realidade e creando expectativas falsas a un colectivo, a das persoas desempregadas, que merecen información real e contrastada.

Dende que estamos gobernando, cunha “nefasta xestión en materia de emprego” (según o señor Alejandro), as cifras contrastadas de paro no Porriño baixaron do 23,1 % que deixaron ao 15% . Sendo nos últimos sete meses, con datos oficiais da Xunta, onde se acadou un 3% desa baixada, a maior de toda a Área Metropolitana. Iso amosa que O Porriño ten poder de recuperación na crise e que o Concello, xunto con outras instancias, ten mellorado a capacidade de xerar emprego para as súas veciñas e veciños.

Ademais, polo que a nosa xestión respecta, se ten mellorado substancialmente a colaboración coas empresas radicadas no Porriño, con plans de formación e inserción conveniados, que teñen dado froito en mellores condicións de contratos e estabilidade. O ‘Plan Accede’, creado polo noso goberno, é a proba máis obxectiva desa mellora.

Nós confiamos nunha actuación rigorosa e transparente en materia de emprego, á que todos os cidadáns poidan acceder en igualdade de condicións, frente á política de “pásese pola Alcaldía e o alcalde chama para buscarlle algo e vostede queda a deber o favor” que vostedes non só practicaban senón que se gababan da mesma en declaracións a medios locais e nacionais.

Nós confiamos en por en valor o servicio de emprego e confiar no bo labor profesional das traballadoras e traballadores que pertencen a este servizo e darlle a calidade do que realmente é e debe ser un servizo público e non unha axencia clientelar de quen detenta o goberno.

Nós actuamos e adicamos os nosos esforzos a tentar que os grupos máis vulnerabeis dentro do colectivo de persoas sen emprego (mulleres en formación e parados de longa duración, principalmente) poidan acceder ao traballo e, como as cifras demostran, o labor está sendo exitoso. Mellorable pero exitoso. En nada melloraría, sen dúbida, en voltar á dirección que vostedes lle deron cando gobernaron.

Recuperamos a concesión de obradoiros de emprego pola Xunta de Galicia, voltamos a por en marcha o PIEM (adicado a fomentar o emprego para mulleres) que vostedes deixaron desactivado e, por imposibildade de prazos de tramitación, si tivemos que renunciar a algún curso de ADF, como vostede mesmo renunciou no ano 2014, sendo concelleiro de emprego.

 

A Policía Local do Porriño recupera un coche que fora roubado o pasado mes de novembro

Axentes da Policía Local do Porriño recuperaron o pasado martes, no casco urbano, un coche que figuraba coma roubado en Vigo en novembro do ano pasado.

O xefe da Policía Local sinala que estas actuacións forman parte do Plan de Seguridade e Prevención da Seguridade Cidadá posto en marcha dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure, e que ten coma obxectivos perseguir a comisión e prevención dos Delitos contra o patrimonio das persoas.

O coche, logo da súa recuperación, será entregado ao seu propietario, “logo da inspección ocular, co obxecto de localizar ao presunto autor ou autores do roubo do mesmo”.

Dende a Policía Local recomendase ás veciñas e veciños que, ante calquera tipo de incidencia, chamen ao número de teléfono  620404040, que é “inmediato e sen intermediarios”.

Os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo do Atios estarán rematados este mes

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando dende hai unha semana os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo de fútbol de Atios.

Carrera apunta que as obras contan cun orzamento total de 30.000€ e abranguen o ancheamento da estrada, dende a popularmente coñecida coma ‘chegada do Carballo’ ata a Travesía de Novás, un treito de máis de 200 metros, “o cal mellorará a entrada e saída de vehículos dende o campo de fútbol”.

Os fondos para acometer estes traballos, como subliña o alcalde accidental, corresponden ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra, e a previsión é que os mesmos estean rematados a finais deste mes de agosto.

@depo_es abre este mércores no Concello un servizo de atención á veciñanza sobre o proceso de regulación castastral

A Deputación de Pontevedra colabora co Concello do Porriño para habilitar, a partir deste mércores, día 8 e agosto, un servizo provisional de atención ao público para que veciños e veciñas poidan tramitar máis facilmente as súas consultas sobre o procedemento de regularización catastral que se está realizando na actualidade.

Durante dúas ou tres semanas, haberá na Casa Consistorial do Porriño persoal disposto polo Goberno provincial para atender todas as demandas da veciñanza sobre este proceso. O servizo poderá ampliarse durante máis tempo no caso de estimarse necesario. O horario de atención ao público será en horario de mañá, entre as 8:30 e as 14:30 h.

A Deputación de Pontevedra habilita este servizo despois de que o Concello do Porriño lle solicitase colaboración para atender á cidadanía que se está vendo afectada polo procedemento de regularización catastral.

Estímase que por este proceso no Porriño están afectadas unhas 3.000 persoas. Delas, unhas 2.000 xa recibiron as notificacións derivadas de dito procedemento, mentres que outras 1.000 o coñecerán en próximas datas. 

O Goberno local cumpre co seu compromiso e acomete a reparación, mellora e reforma da Gardería da Galiña Azul, en Torneiros, que estará rematada a finais deste mes de agosto

O Goberno local do Porriño vén de iniciar as obra de mellora e reforma da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, con cargo á liquidación do Consorcio Galego de Benestar, cun orzamento de 37.577,53€.

Os traballos, que comezaron a semana pasada, estarán rematados a finais deste mes de agosto e abranguen a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor, coa demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo de muro de contención do xardín de xogos, substitución do pavimento; reconstrución do cadro eléctrico; colocación dun novo pechamento metálico na entrada ou  arranxo xeral do mobiliario, xogos, elementos e bambáns.

A reforma, recuperación e reparación da Galiña Azul en Torneiros, non só era unha demanda longamente solicitada polas veciñas e veciños e responsábeis do centro, senón un dos compromisos da alcaldesa, Eva García de la Torre que, de novo, pide á Xunta a creación dunha nova gardería no Porriño, considerando que “somos o concello no que máis nenos nacen na provincia e o segundo en crecemento vexetativo de toda Galicia”.

Este luns, día 6, na Praza de Antonio Palacios, dobre sesión dentro da programación cultural de agosto: o contacontos Anxo Moure e o concerto de Najla Shami e Sérgio Tannus

O programa de artes escénicas ‘Vive o Camiño’ inclúe a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea, a cargo do lucense Anxo Moure, que estará este luns, día 6 de agosto, ás 8 da tarde, na Praza de Antonio Palacios.
De seguido, ás 9 da noite, no mesmo lugar e dentro da Programación Cultural Municipal deste mes,: concerto de voz e guitarra ‘Camiños de culturas’, con Najla Shami e Sérgio Tannus.

O vindeiro domingo, 5 de agosto, a Entidade Local Menor de Chenlo celebrará a X Festa do Cabrito ao Espeto.

Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira será escenario desta festa gastronómica que, grazas ao esforzo e implicación dos veciños e veciñas de Chenlo, xa se ten consolidado como evento de referencia na comarca e en toda a provincia.

Chenlo conta con repetir o éxito acadado nas anteriores edicións e recibir a unhas 2.000 persoas, tal e como explicaron os organizadores do evento durante o acto de presentación na Casa Cultural de Chenlo.

Manuel Alejandro Lorenzo, alcalde pedáneo, invitou  a todo o mundo a achegarse este domingo a Chenlo e compartir eles esta festa “que xa é patrimonio cultural de todos os veciños e veciñas”.

A festa comezará ás 11 da mañá coa degustación de pinchos e a actuación dun grupo de gaitas,  mentres empezan a asarse os cabritos que se degustarán na comida popular que terá lugar á 1 e media da tarde. A organización ten disposto un tobogán acuático para combater a vaga de calor e gozar da actuación do grupo Os Cabritos de Chenlo.

Outro dos pratos fortes fortes deste ano chega da man de Víctor Fábrega, “Tucho”, cos seus monólogos facendo as veces de pregoeiro. Xa pola tarde haberá moitos agasallos e sorpresas, ademais do tradicional sorteo cabrito dos Cabreiros, nunha tarde que estará amenizada polo grupo 3.COM.

Está previsto que se asen uns 100 cabritos, ademais de 200 quilos de churrasco.  Os precios das racións non variarán dos pasados anos: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ por ración de churrasco, 3€ o pincho, 180 un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito…por suposto, todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e rosca.