Este domingo, día 11 de xuño, O Porriño será o escenario, por quinto ano consecutivo, dunha nova edición do Mercado Saudable, como lembra o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto quen, xunto coa presidenta da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, ‘Mensa’ Rodríguez, o membro desta asociación, Demetrio Calvo, e organizador, Carlos Rodríguez, presentou o mesmo o pasado mércores.

O mercado, que empezará ás 11 a mañá na rúa Manuel Rodríguez, moi preto da Capela de San Sebastián, estará aberto ao público ata as 9 da noite e no mesmo os asistentes poderán achegarse, coñecer, e preguntar sobre “todo canto está relacionado coa alimentación saudable”, como subliña Marcelino Coto.

Haberá talleres para rapaces, como o de cabazas –que logo pódense empregar no Samaín, repostería, cervexa ecolóxica, gastronomía do mar, “con polbo, ameixas, mexillóns, ou longueiróns, cociñados con auga mariña”, eco-tendas, comercio xusto, artesanía, cosmética natural, lamberetadas ou produtos da horta, ademais de actividades saudábeis, coma unha andaina, que comezará ás 11 e media da mañá.

Dentro das propostas hai unha que, coma salientou Carlos Rodríguez, ten especial importancia: o primeiro Mercado da Moringa que se celebra en Galicia. A Moringa é unha árbore que ten numerosos nutrientes e do que se aproveita dende as follas, ata a flor, pasando polos froitos, dado que ten un altísimo contido en calcio, ferro ou fósforo.

Tomando coma base a Moringa, haberá unha degustación de cervexa, pan, queixo ou batidos, que teñen o mesmo coma base, membros da Asociación de Veciños elaborarán unha torta de Moringa, porase á venda plantas e sementes da mesma e unha bióloga e especialista e nutrición falará, de 12:15 a 13:15 horas, das vantaxes e propiedades desta árbore que “a OMS e a FAO recomendan cultivar en países en desenrolo”.