IV Challenge Rías Baixas de ciclismo presentase este xoves no CEIP Fernández López

A cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Master da Louriña” co apoio da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, será presentada este xoves 27, ás 11,30 horas. A diferencia de anos anteriores, o club e o concelleiro de Deportes, David Alonso decidiron sacar o acto fora da casa consistorial e elixiron o CEIP Fernández López e na hora do recreo para facer a presentación.

A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre o sábado 29 de febreiro e o domingo 1 de marzo. A primeira etapa será unha contrareloxo individual de 8 kilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa será unha etapa en liña de 81 kilómetros, ó longo do concello de Mos. E a terceira e última etapa, “Gran Premio do Porriño” consistirá noutra etapa en liña, de preto de 78 kilómetros.

A Challenge Rias Baixas está reservada para corredores Master 30, Master 40, Master 50 e Master 60, así como para Féminas Master. Tamén hai unha categoría junior para a que se reservan 30 prazas mentres que as 170 restantes son para as categorías master masculina e feminina.

Entroido 2020: Os actos do Mércores de Cinza rematarán cun espectáculo de pirotecnia fría

O entroido do Porriño rematará este serán con actos do Mércores de Cinza que xiran en torno ó Velorio e Enterro da Sardiña.

O Velorio coemzará ás 17 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios. Posteriormente, dende as 19 horas coa compañía “Troula Animación” que trae o espectáculo pasarrúas “Errantes” terá lugar o cortexo fúnebre que contará ademais coa participación das comparsas inscritas este ano.

O percorrido será polas rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, San Sebastián, Manuel Rodriguez, Ramón Gónzalez e remate na praza do Concello.

A continuación seguirá a lectura do testamento e despois o acompañamento da Sardiña ata o río Louro, na Ponte do Valo onde terá lugar a incineración.

O acto concluirá cun espectáculo de pirotecnia fría. Tratase dun formato que non implica nin ruido nin outras emisións conforme o acordo que adoptou o Goberno Municipal do Porriño e ratificou o pleno da Corporación Local no pasado mes de xaneiro.

A proposta da Concelleira de Festexos, Cami Moreira nas festas que organiza o Concello do Porriño empregarase exclusivamente pirotecnia fría ou insonora a fin de eliminar a contaminación acústica por espectáculos de lucería e fogos artificiais.
Deste xeito, O Porriño é o primeiro concello da área metropolitana de Vigo que establece semellante veto.

Enterro da Sardiña. Espectáculo “Errantes”

Programación do Martes de Entroido: mantense os actos previstos

A Concellería de Cultura e Festexos informa que, de momento, mantense a programación prevista para hoxe, Martes de Entroido, á vista das previsións meteorolóxicas que sinalan que a partir de mediodía, deixará de chover.

De xeito que, a partir das 16,30 horas, comezará na praza Arquitecto Antonio Palacios, unha nova quenda do Obradoiro de Máscaras para nenos e nenas maiores de 5 anos., a cargo do grupo Tanxarina.
Engadimos unha galería de imaxes de onte.

Ademais, a partir das 18 horas, haberá animación de rúa coas Charanga do Dr. Anchoa, Charanga Noroeste e Xigantes e Cabezudos.

E dende as 18,30 horas, terá lugar o Desfile de Comparsas, coas dezaseis agrupacións que participan este ano, en percorrido dende o barrio de San Sebastián ata a praza Arquitecto Antonio Palacios.

Obradoiros de máscaras para a infancia

 
A Concellería de Cultura e Festextos lembra que tanto hoxe luns como mañá martes haberá obradoiros de máscaras para a infancia.
Unha actividad incluída na programación do Entroido do Porriño 20202.
Os obradoiros están a cargo do grupo Tanxarina, para nenos e nenas a partir de 5 anos.
En horario de 16,30 a 18,30 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios.
No caso de mañá martes, a actividade quedará supeditada ás condicións meteorolóxicas xa que hai previsión de choiva.
 

Os Xogadores da Ola deron a benvida ó Entroido

Os Xogadores da Ola foron os encargados de dar a benvida ó Entroido do Porriño como pregoeiros. Un recoñecemento a súa contribución á animación das rúas nestas datas. 

Fixeron o pregón en verso e animaron a toda a veciñanza a participar do Entroido. E logo protagonizaron o tradicional Xogo que se celebra dende hai 77 anos.

Deixamos algunhas imaxes do pregón e do Xogo da Ola. 

 

 

 

 

 

Dezaseis comparsas participan no Entroido do Porriño

Un total de dezaseis comparsas concorren no Entroido 2020 do Porriño. Cinco delas son infantís e as restantes, de adultos.
Todas elas participaron no desfile de comparsas do sábado, repetirán mañá Martes de Entroido e o Mércores de Cinza, no cortexo fúnebre e posterior acompañamento da Sardiña ata o río Louro.
Das dezaseis, só dúas concorren fora de concurso, segundo estableceu a acta do xurado.

Lembramos que o Desfile do Martes partirá ás 18 horas da praza San Sebastián e rematará na praza Arquitecto Antonio Palacios.

O Mércores as comparsas participarán no acompañamento da Sardiña co seguinte percorrido: Saída dende praza A. Antonio Palacios, continuando pola rúa Antonio Palacios, Domingo Bueno, baixando pola fonte de San Sebastián seguindo por Manuel Rodríguez ata a praza Arquitecto Antonio Palacios de novo, onde se procederá á lectura do testamento. De seguido sairá o cortexo fúnebre que rematará preto do albergue de peregrinos (Paseo do Louro) onde se procederá á incineración.

Os Xogadores da Ola serán os pregoeiros que darán a benvida ao Entroido 2020

Este sábado, ás 12 do mediodía, os Xogadores da Ola serán os pregoeiros encargados de dar a benvida ao Entroido 2020 do Porriño.
A cita será no Concello, na praza Arquitecto Antonio Palacios. A continuación haberá animación de rúa a cargo de “Os Festicultores Troupe”, a “Charanga do Dr. Anchoa”, a charanga “Fanfarria Furruxa” e “The Turre´s Band”.

A animación manterase ata as dúas da tarde, hora na que comezará o xantar na rúa con caldo de balde e pulpeiro, tamén na praza do Concello.
A partir das 16 horas terá lugar o tradicional Xogo da Ola amenizado pola “The Turre´s Band que durará ata as 18,30 h.


Paralelamente para os cativos haberá un “Obradoiro de Máscaras” a cargo do grupo “Tanxarina” para nenos e nenas a partir de 5 anos.
Dende as 18 horas, celebrarse o desfile de Comparsas que percorrerá as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, San Sebastián, Manuel Rodríguez, Ramón Gónzalez e rematará na praza do Concello.
E ademais o sábado continuarán as Xornadas Gastronómicas do Entroido. Dende as sete da tarde, os 20 establecementos participantes ofrecerán elaboracións culinarias do Entroido como orella, lacón, cacheira ou filloas a un prezo de 1 € o pincho.


O domingo 23 será a xornada adicada ós nenos. Haberá Festa Infantil no Círculo Recreativo Cultural, a partir das 18 horas, con entrada libre ata completar aforo.

Este venres 21 e sábado 22, segunda quenda das Xornadas Gastronómicas de Entroido

Este venres 21 e o sábado 22 terá lugar a segunda quenda das Xornadas Gastronómicas do Entroido nas que participan vinte establecementos de hostalaría da vila.

Ata o 14 de marzo, cada venres e sábado, a partires das 19 horas, os bares e cafeterías participantes ofrecerán un pincho polo prezo de 1 € con eñaboracións propias do Entroido como orella, lacón, cacheira ou filloas.

Nas Xornadas participan os establecementos: “Tapería La de Evi”, “Saspi”, “Paso a Nivel”, “Argentino 2”, “Adéle”, “Segredos”, “Millenium 33”, “Cólleo con pinzas”, “La de Chato”, “A Francachela”, “El Patio”, “Pantera Rosa”, “Maloserá”, “Sol”, “Adega de Montero”, “Maracaibo”, “Mesón Mondariz”, “La Cueva” y “Cafetería O Porriño”.

Constituída a Comision Especial do Líndano que volverá a reunirse despois das eleccións galegas

Baixo a presidencia da alcaldesa Eva García de la Torre e, finalmente coa presenza de dous vogais en representación da Xunta de Galicia, quedou constituída a Comisión Especial para a Descontaminación por Líndano. A sesión constitutiva realizouse no Concello do Porriño onte mércores á tarde.

Por parte municipal participaron ademais da alcaldesa, os concelleiros Lourdes Moure (PSOE), Pedro Pereira (BNG), Alejandro Lorenzo e Abel Estévez (PP); Manuel Carrera (UDDL) e Pedro Ocampo (EU Son). Foi precisamente EU Son o grupo político que propiciou o acordo plenario unánime para a creación desta Comisión Especial.
En representación da Xunta de Galicia acudiron José Manuel Gónzalez Gónzalez, xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra, e Natalia Botana Rey, xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra.

Ademais forman parte da Comisión Especial, Patricia Sío, voceira da Plataforma de Afectados; representantes veciñais de Relva, Alba e San Salvador; e un vogal de cada un dos tres principais sindicatos (CCOO, UXT e CIG).

Nesta sesión constitutiva acordouse que a Comisión Especial manteña reunións trimestrais o primeiro luns do mes que corresponda polo que a vindeira reunión debería ser no mes de maio, despois das eleccións galegas.

Eva García repetiu a súa valoración “positiva” de que a Xunta de Galicia “estea representada porque sen eles esta Comisión Especial nacería moi coxa”. A alcaldesa sostén que nesta Comisión Especial “a Xunta terá que comprometerse, non só con palabras senón tamén cunha partida orzamentaria”.