Primeiro día de loito oficial e concentración diante do Concello a mediodía


As bandeiras da casa consistorial do Concello do Porriño ondean a media hasta como sinal de loito oficial que decretouse en todo o país polo Goberno Central en homenaxe ás vítimas da pandemia. Este loito oficial durará dez días segundo decretou o presidente do Goberno.

Por outra banda, a alcaldesa do Porriño, Eva Garcia convocou hoxe mércores, ás 12 horas, una concentración silenciosa diante da casa consistorial, na que estarán os membros do goberno municipal e os voceiros dos grupos políticos da corporación así como cantos veciños e veciñas do Porriño queiran sumarse a amosar a súa condolencia coas vítimas e os seus familiares.

A UNED confirma a concesión dun aula delegada para O Porriño

O Centro Rexional da Universidade a Distancia de Pontevedra confirmou hoxe á alcaldesa Eva Garcia, a concesión ao Porriño dun aula delegada da UNED. A comunicación ratifica a concesión que xa databa de 2018 e elimina as dúbidas que xurdiron debido a un cambio de persoas ao fronte dese Centro Rexional da UNED.

Eva Garcia manifestou a súa “ledicia por esta boa nova que en realidade xa o era antes `pero que agora confirmase plenamente e sen xénero de dúbidas”. A alcaldesa lembrou que “deste xeito dáse cumprimento ao acordo plenario acadado por unanimidade pola Corporación Local en maio de 2018” cando Porriño solicitou a concesión desa aula da UNED.

A instalación da aula xa está decidida. Será no local adquirido polo Concello, en escritura do 16 de abril do ano pasado, cunha superficie de 260 metros cadrados na rúa Fernández López, nº 2, por un prezo de 276.342 euros.
O Concello afrontou ese desembolso a través dunha operación de tesourería despois de vender varias parcelas municipais. A opción do aluguer dese local desestimouse pola previsible permanencia no tempo das actividades educativas. A elección do local en rúa Fernández López responde a súa ubicación ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca.

As obras de axeitado do local para acoller as actividades educativas deberán acadar unha dotación económica no Orzamento Municipal deste ano, cunha previsión de gasto de 200.000 € aproximadamente.
Conforme ás xestións realizadas polo Concello coa dirección da UNED e cos presidentes dos Polígonos Industriais de Porriño, a futura aula comprenderá o curso de acceso a maiores de 25 anos á Universidade así como o establecemento de cursos de formación e capacitación para prácticas en empresas.

O mércores 27, pleno municipal telemático

O vindeiro mércores 27, a corporación local de O Porriño celebrará pleno municipal. Será por vídeo conferencia a través de medios telemáticas.

Trátase dunha sesión ordinaria e polo tanto terá lugar a partir das 18 horas.

A orde do día contempla 18 asuntos, ademais de rogos e preguntas.

Hai un importante continxente de asuntos vencellados ao estado de alarma, a crise socio-económica e a necesidade de que o Concello implemente axudas para reactivar a economía local, coas propostas do goberno municipal e as plantexadas polos respectivos grupos políticos da corporación.

Por outra banda, o pleno da corporación deberá adxudicar definitivamente o servizo de limpeza viaria á firma “Urbaser”; aprobar o novo convenio coa S.A do Plan Xacobeo para a explotación do albergue de peregrinos, e debaterá a nova ordenanza reguladora para a instalación de terrazas en espazos públicos.

Adxuntamos a orde do día

O Porriño en fase 2: medidas de control no acceso ao Concello e reincorporación do persoal nos departamentos municipais

Dende hoxe luns 25, coa entrada de Galicia na fase 2 do plan de desescalada, o Concello do Porriño comeza unha progresiva normalización da súa actividade e servizos.

Unha das novidades é un pórtico de control de temperatura e medidas de hixiene para as persoas que accedan ao interior do edificio consistorial. Un conserxe encargase de controlar o acceso que debe ser perante cita previa.

Dende hoxe restablecese a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:

-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621

-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861

-para a Policía Local, no 620 40 40 40

-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

 

Hoxe reincorporouse a meirande parte da plantilla. Están exceptuados o persoal pertencente aos colectivos considerados vulnerables e aqueles outros, suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.

Consorcio de Augas do Louro reabre as oficinas de atención presencial ao público


Dende o vindeiro luns 25 de Maio volverán a estar abertas as oficinas de atención ao público en cada un dos catro concellos que integran o Consorcio de Augas do Louro: O Porriño, Tui, Salceda de Caselas e Mos.
Lembramos que no Porriño, as oficinas de atención ao público do Consorcio, ubícanse na rúa Ramón Gónzalez, nº 44, 2º B.
Terán un aforo limitado a unha persoa no interior da oficina e porán a disposición do usuario xel hidroalcohólico para a desinfección das súas mans, lembrando ademáis a obrigatoriedade do uso da máscara de protección para o acceso.

Aberta a inscrición para as Escolas Infantís da Xunta de Galicia no Porriño

O prazo de presentación de solicitudes de inscrición para as escolas infantís públicas do Porriño, adscritas á rede “Galiña Azul” da Xunta de Galicia, está aberto dende o pasado sábado 16 de maio e finalizará o ventes 29 de maio. 

Debido ao actual estado de alarma, as direccións destas escolas infantís sospeitan que a apertura deste prazo pasou desapercibida para moitos porriñeses xa que recibiron moi poucas solicitudes. Polo que veñen de pedir á Concellería de Educación que dirixe Lourdes Moure que incluiramos un recordatorio nas redes sociais do Concello.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Deixamos enlace coa convocatoria publicada no DOG 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200515/AnuncioG0425-270420-0001_gl.html

 

Alíviase o estado de alarma no Porriño coas disposicións publicadas hoxe no BOE

O Boletín Oficial do Estado publica este venres a orde ministerial pola que as saídas para paseos e deportes non teñen que realizarse dentro dunhas franxas horarias concretas naqueles concellos ou núcleos de poboación que non superen os 10.000 habitantes. Esta dispensa da que viñan beneficiándose os veciños de Torneiros, Atios, Pontellas, Mosende, Budiño, Chenlo, Cans e Carracido (dende o pasado 8 de maio), beneficia agora tamén ao centro da vila que ten unha poboación de 9.075 habitantes.

Deste xeito, a orde ministerial faculta que todos os porriñeses non teñan limitacións por franxas horarias para a súa mobilidade, paseos e para facer deporte aficionado. Tamén resolvese que os cativos poidan saír acompañados de toda a unidade familiar nos seus paseos, non só dun adulto como ata de agora.

Outro dato moi importante para a economía local: na orde, dise que se poderá proceder á reapertura ao público dos establecementos de hostalaría e restauración para consumo no interior do local, salvo discotecas e bares de ocio nocturno. Aínda que os establecementos deberán observar as limitacións de aforo actualmente existentes.

Os veciños que aínda carezan de máscaras de protección, poden acudir á sede da Policía Local para recollelas


A Alcaldía do Porriño informa que ante as peticións nas redes sociais do Concello de veciños e veciñas que aínda non recibiron máscaras de protección, poden acudir a partires de mañá venres 22 á sede da Policía Local para recollelas. En horario matinal.
Entregaranse un máximo de 4 por familia.

Tratase do derradeiro lote de 3.000 máscaras de protección, de tela, que restan da partida de 23.000 que 29 mulleres de Porriño confeccionaron de xeito altruísta grazas ás doazóns de material realizadas ao Concello por particulares e empresas.

Dado que a plena mobilidade no Porriño xa está restaurada e os repartos de máscaras polos voluntarios nas parroquias xa remataron, optase por esta solución para poder atender a aqueles que quedaron sen elas.

O Concello pechará por tramos horarios a rúa Pío XII para fomentar a mobilidade peonil e a reactivación económica

Un decreto da Alcaldía do Porriño establecerá, a partir do vindeiro venres 22, un peche ao tráfico rodado, por tramos horarios, da rúa Pío XII para fomentar a mobilidade peonil e ao tempo, a reactivación económicos de sectores coma hostalaría e comercio de proximidade.

O decreto da alcaldesa Eva Garcia establece que a medida que incrementará o espazo peonil no centro da vila, será efectiva a partir do mesmo venres e manterase ata o 1 de novembro.


Aplicarase, segundo os seguintes tramos horarios e días:
– de luns a venres, dende as 19 horas ata a 1,30 da madrugada
– sábados, de 16 horas ata as 2 da madrugada
– domingos, dende as 8 horas da mañá ata as 2 da madrugada.

Novas portas anti-pánico para o acceso á Piscina Municipal


David Alonso, concelleiro de Deportes comprobou hoxe as novas portas anti-pánico que serán instaladas para o acceso á Piscina no Polideportivo Municipal.
Na memoria do proxecto, o Servizo de Deportes do Concello fai constar que a Piscina Municipal inaugurouse en 1.997 e que cunha media de máis de 70.000 usos anuais necesita actuacións que palien as deficiencias que se acumulan ao longo do tempo.


Entre elas, as portas de acceso á instalación deportiva estaban moi deterioradas e tiñan estropeado o mecanismo anti-pánico. As novas que se instalarán, con marco de aluminio e bisagras de alta resistencia en aceiro inoxidable, están dotadas do sistema de desbloqueo antipánico, absolutamente necesario dada a elevada afluencia de usuarios.
A compra e montaxe destas portas (3.900€) está integrada na partida orzamentaria total de 30.736 euros de inversión en melloras para a Piscina Municipal que están a implementarse ao longo do presente ano.