Presentada a segunda edición do Festival “Sons da Canteira” que repetirá en Vilafría

A alcaldesa do Porriño, Eva García e a concelleira de Cultura, Cami Moreira presentaron hoxe a segunda edición do Festival “Sons da Canteira” que terá lugar o sábado 28 de agosto. A canteira en restauración de Vilafría, en Atios volverá ser o anfiteatro natural onde se celebrará este evento promovido polo Concello do Porriño e organizado pola productora “Doppler Xestión Cultural”.

Eva García de la Torre animou a “non perder un espectáculo como éste que é impresionante polo escenario e polo son e constitúe un xeito de gozar dun evento diferente e de conservación do propio”, manifestou a alcaldesa do Porriño.

O director do festival, Adrián Fragueiro explicou na presentación do certame aos medios que se realizou hoxe na Biblioteca Municipal, que este ano “facemos unha proposta cun cartel ateigado de talento galego que abre pontes co máis efervescente da lusofonía. A nosa proposta está comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada”, manifestou.

Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios son as seis bandas que sobirán ao escenario da canteira en reconstrucción de Vilafría nesta segunda edición do festival Sons da Canteira. “Todas elas achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Este é o selo do festival”, que destaca tamén “pola presenza de mulleres que encabezan a innovación e a fusión”.

Talento galego e unha ponte coa lusofonía

Estará o ritmo de baile poderoso de Pongo, a raíña do kuduro. Será o único concerto en España desta música e cantante lisboeta de orixe angoleña. Soará a música da francogalega Mounqup, que estrea disco e espectáculo, cun pop electrónico moi enerxético e bailable. Escoitaranse os sets da DJ compostelana Teresa Ferreiro, unha artista visual e investigadora musical que ten misturado para radios e eventos de todo o mundo. E o persoalísimo trap galego de Boyanka Kostova, unha das bandas máis desexadas e viralizadas do momento. Igual que Verto, outros compostelanos que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como no Spotify. Esta será unha das últimas oportunidades para velos antes do parón que anunciaron para outubro. Tamén haberá talento da zona, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na edición pasada acompañaron a Baiuca no escenario.

A idea do festival foi concibida pola concelleira de Cultura do Porriño, Cami Moreira, que gardaba na memoria a única e impactante edición do Festival Son da Pedra, en 1995. “O escenario vai cambiando porque a restauración avanza”, explica. “A nivel de escenario musical a canteira é camaleónica. Como recurso económico é moi importante para O Porriño, pero finalizado o proceso hai que devolverlla ao monte”.

 

Cear durante o festival “como nunha terraza”

As entradas para gozar do espectáculo continúan dispoñibles en sonsdacanteira.gal e tamén os tickets de bus gratuítos (ás 17h00, 17h30 e 18h00), que se adquiren de xeito simultáneo e serán o único modo de acceder á canteira.

Para cear durante o festival haberá foodtrucks no recinto, con opcións veganas e sen glute. Será necesario recargar a pulseira de acceso, que funcionará con tecnoloxía cashless para facer os pagamentos. Como novidade, o festival implanta un servizo de atención en mesa “cunha equipa de camareiros e camareiras, como nunha terraza”, para evitar aglomeracións.

Sustentibilidade

“Sons da Canteira” é un evento que ten sentido no seu territorio polo que ten un compromiso co territorio e coa sustentabilidade para contribuír a que a contorna da canteira de Atios sexa un lugar mellor.

Neste sentido, a responsable de sustentabilidade do festival, María Baqueiro, explicou que se traballou para producir unha pegada de carbono cero. “A sostibilidade non é unha competición, temos que traballar todos os festivais na mesma liña, a da Axenda 2030, ser inclusivos, facer un esforzo de accesibilidade e achegar o máximo valor social e cultural á contorna”.

 

 

Presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”, manifestou Eva Garcia que reivindicou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.

O evento reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal.
A competición terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal.

A alcaldesa critica que a Xunta volva penalizar á hostalería do Porriño que tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais

O Porriño é un dos concellos da área de Vigo que se atopa en nivel alto de restricións e como consecuencia a hostalería do municipio tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais a partires das 00:00 deste martes 17.

A decisión da Xunta de Galicia é consecuencia da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorizar que se esixa o certificado de vacinación “Covid” aos clientes para acceder ao interior de cafeterías, bares, restaurantes e outros locais de hostalería. A raíz do fallo do Tribunal, a Consellería de Sanidade decidiu responder reducindo o aforamento no interior dos locais, baixando de 50 ao 30%. No que atinxe ás terrazas, seguirá no 50%.  E os establecementos de ocio nocturno continuarán pechados.

A alcaldesa do Porriño considera que “estas medidas non son de recibo e volven penalizar o sector da hostalería que xa foi castigado dabondo alongo destes meses”, valorou hoxe Eva García de la Torre. Segundo a rexedora que “o TSXG non lles dera a razón, non pode levar como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia”.

García de la Torre interpelou á Xunta de Galicia a que “vacine masivamente, especialmente á xente nova, por que as vacinas son o verdadeiro remedio e, polo tanto, que deixen de prexudicar sempre aos mesmos”, rematou a alcaldesa.

O martes 17, presentación do II Festival Sons da Canteira na Biblioteca Municipal

O vindeiro martes 17, ás 11 horas, terá lugar a presentación da segunda edición do Festival “Sons da Canteira”, organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura e Festexos. 

O festival previsto para o sábado 28 de agosto, volverá celebrarse na canteira en reconstrucción de Vilafría.

Todos os detalles sobre o Festival, protocolos de seguridade, transporte, actuacións previstas e demais loxística serán explicados o martes 17 de agosto na roda de prensa que terá lugar na Biblioteca Municipal, coa asistencia de Eva García de la Torre, alcaldesa do Porriño; Cami Moreira, concelleira de Cultura; Adrián Fragueiro, director de “Sons da Canteira” e Maria Baqueiro responsable de sustentabilidade do evento. 

Festival Sons da Canteira 2021

A Concellería de Deportes patrocina o “I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

 

A vindeira semana será presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño” que terá lugar os días 21 e 22 de agosto no Polideportivo Municipal , segundo anuncia a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso.
Neste evento internacional agardase a participación de 240 deportistas de clubs de tenis de mesa de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal.

A competición vaise desenvolver nos dous pavillóns do Polideportivo Municipal. Coas actuais restricións poderán asistir 300 espectadores por pavillón, aínda que descontando a reserva de espazo para técnicos, familiares e acompañantes dos deportistas, o aforamento real de público será de 130 espectadores por pavillón.

O torneo que abrangue todas as categorías é organizado polo Club de Tenis de Mesa CRC Porriño. Conta co Concello como patrocinador principal e coas colaboracións do Círculo Recreativo Cultural, Federación Galega de Tenis de Mesa, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia.

O Concello colabora co Sergas para dispoñer un punto de tramitación e recollida de acreditacións de vacinación, no Centro Cívico Municipal

 

Desde esta mañá, no primeiro andar do edificio do Centro Cívico Municipal, está a funcionar un punto de tramitación e recollida de acreditacións de vacinación para a veciñanza de O Porriño. Trátase dunha colaboración que presta o Concello, a petición da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, que solicitou a cooperación municipal cedendo un local onde establecer esta oficina.
É atendida por persoal contratado polo Sergas (Servizo Galego de Saúde). Non é precisa cita previa e atenden desde as 8:00 ata as 15:00. A oficina estará operativa, en principio, ata o martes 31 de agosto.
Os veciños e veciñas do Porriño que acudan a esta oficina deben levar a tarxeta sanitaria e o DNI para solicitar a acreditación de estar vacinados contra a Covid, documento ben impreso, ben en código QR, que se lles esixe actualmente para acceder ao interior dos locais de hostalería. O Porriño permanece desde a semana pasada en nivel de restricións alto e continuará unha semana máis, segundo anunciou onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Neste punto de atención no Centro Cívico, ademais de obter o certificado de vacinación, a veciñanza tamén poderá acadar outras prestacións como darse de alta nas aplicacións “Chave 365” e “E-Saúde” que dependen do Sergas.

A concelleira de Vías e Obras inspecciona a execución de traballos no Polígono da Granxa e no lugar de Carreira, en Cans

 

Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras inspeccionou este mediodía a execución de diversos traballos de arranxo de beirarrúas no Polígono Industrial de A Granxa que está a realizar o departamento que dirixe con medios propios e persoal contratado coa colaboración do Plan Concellos da Deputación.
Os traballos de arranxo desenvólvense en dous tramos da Avenida Principal do Polígono atendendo ao compromiso acadado pola concelleira Moure Varela coa asociación empresarial “Entidade Urbanística de Conservación A Granxa”. Despois de levantar as beirarrúas en mal estado, aplícase unha capa de formigón co resultado que se pode apreciar en algunha das imaxes.

Por outra banda, a concelleira de Vías e Obras tamén comprobou o desenvolvemento dos traballos para levantar un muro de contención de 47 metros de perímetro no lugar de Carreira, en Cans que se está a executar polo seu departamento. “Trátase de resolver o perigo que existía para o acceso ás vivendas pola caída dunha parede, atendendo a unha petición da veciñanza”, manifestou Lourdes Moure.

Reunión de traballo para establecer os protocolos de seguridade para o II Festival “Sons da Canteira”

A concelleira de Festas, Cami Moreira presidiu esta mañá unha reunión de traballo para establecer os protocolos de seguridade para o II Festival “Sons da Canteira”, evento organizado polo Concello do Porriño, que volverá o próximo 28 de agosto á canteira en proceso de restauración de Vilafría.
Xunto coa concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, asistiron por parte do Concello, el oficial xefe en funcións da Policía Local e o responsable da agrupación de Protección Civil. Tamén participaron mandos da Garda Civil e os responsables da empresa promotora do espectáculo, “Doppler Gestión Cultural”.
“Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade e distanciamento social para un aforo reducido de persoas ao aire libre. O festival ten, ademais, persoal dedicado en exclusiva á limpeza e xestión de residuos.
Os protocolos de seguridade, coa experiencia acadada na edición de 2020, son basicamente os mesmos cos engadidos que require o aumento de aforo que haberá este ano. En 2020 houbo 500 espectadores e para este ano haberá 600.

Para facilitar o acceso á Canteira de Vilafría, a organización porá a disposición autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (ás 17h00, 17h30 e 18h00). Á hora de facer a compra, cada persoa poderá escoller o horario de autobús que mellor se lle axuste, xa que este será o único xeito de acceder cun vehículo ao recinto do festival. Unha vez no recinto, a pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos pertinentes durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Do mesmo xeito, o festival implanta nesta edición un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións e desprazamentos durante os concertos.

As entradas para esta edición de Sons da Canteira aínda seguen á venda. Poden mercarse na web sonsdacanteira.gal.
O prezo das entradas é de 24 €/persoa a entrada individual e en parellas, e de 22 €/persoa para grupos de catro e seis asistentes.

O cartel desta edición estará formado polo trap galego, flow costumista o twerking rural de Boyanka Kostova; o pop, disco e trap de Verto; o folklore africano, a electrónica e o dancehall da lisboeta Pongo que ofrecerá en Sons da Canteira o seu único concerto en España; os sons eclécticos de Mounqup, que estreará no festival o seu novo espectáculo de gran formato, “Akelarre AVS Extended Show”; polos sets variados e transversais da DJ Teresa Ferreiro; e polo grupo local de danza e música tradicional Os Penediños de Atios.

A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e futuros convenios coas comunidades de montes

 

O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local e a negociación de convenios coas comunidades de montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre que destino darlle aos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que as solicitaron. A partida era de 140.000 € dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 € polo que a cantidade nos disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”.
Por outra banda, Pedro Pereira, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal informou aos voceiros dos grupos da corporación que está a negociar coas comunidades de montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme. Pereira Fernández informoulles que tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios.

 

Iniciáronse hoxe a limpeza das fachadas e posterior arranxo da cuberta do Concello

 

Operarios da empresa “Naturgalia” comezaron hoxe a hidro limpeza das fachadas do Concello, iniciando os traballos polo lateral do edificio consistorial que cara á rúa Antonio Palacios. A previsión é que en sete días laborais a hidro limpeza estea rematada.

Cando seque a pedra, realizarase unha imprimación das fachadas para preservar o edificio, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios.

A concelleira responsable de Vías e Obras, Lourdes Moure explicou que elixira estas datas porque “o mes de agosto tradicionalmente hai menos veciñanza en Porriño polas vacacións e deste xeito teremos o edificio do Concello limpo e arranxado para as festas do Cristo, na quincena final de setembro.

A ocupación de vía pública na contorna do Concello deberá terse rematada para o venres que ven, segundo as previsións da adxudicataria dos traballos.

Os traballos de conservación da casa consistorial continuarán ao longo do mes de agosto co arranxo da cuberta para resolver as filtracións que cando chove afectan ao departamento de Servizos Sociais. Na última fase, acometerase a impermeabilización da cuberta e o selado das fiestras, que remataran na primeira quincena de setembro.