O Concello do Porriño informa do comezo dun novo obradoiro de emprego que leva o nome de “Porriño Labora”. O Concelleiro de Emprego e Formación David Alonso, deu a benvida ao equipo directivo e docente e aos 20 alumnos que se formarán nas especialidades de Carpintería e Construción.

No mes de setembro a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia concedíalle unha axuda de 346.096 € ao Concello do Porriño para a posta en funcionamento deste obradoiro “Porriño Labora”.

O plan de formación é o seguinte:
-Na especialidade de CARPINTERÍA: traballarán no acondicionamento funcional e estético do Paseo do Río Louro. Realizaranse reparacións no valado de madeira existente no paseo, nos tramos das pontes en mal estado, recuperaranse os bancos existentes deteriorados polo paso de tempo e o vandalismo; e nos tramos existentes con pavimento de madeira.

-Na especialidade de CONSTRUCIÓN: realizarán a súa formación traballando na reforma da antiga escola de Covelo na parroquia de Atios, que está a realizarse en tres fases, debido á complexidade da obra. Nesta fase, os alumnos de “Porriño Labora” van desenvolver traballos de instalación do saneamento e os aparatos sanitarios, a instalación de toda a fontanería, a instalación de ventilación e dun sistema de climatización, incluíndo os condutos de aire. Tamén van rematar os traballos pendentes no interior do edificio consistentes na instalación do falso teito e pintado das zonas necesarias, así como o revestimento e pintado no exterior do inmoble.