O Concello entregou 250 “routers” e tarxetas de conexión para reducir a brecha dixital entre os escolares do Porriño

Hoxe a concelleira de Educación, Lourdes Moure convocou e fixo entrega aos directores dos centros docentes, dos routers e tarxetas para que os alumnos que carecen de conexión a Internet, poidan seguir as clases en igualdade de condicións co restos dos seus compañeiros.
Unha vez dimensionadas as necesidades por cada centro de ensino, o Concello tivo que adquirir 250 routers e outras tantas tarxetas de conexión (“pinchos” ou “pen drives”) de 60 GB.


A partir de mañá , serán citados os pais e nais de alumnos en cada centro docente. Co apoio da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, realizarase a entrega que será en depósito.
O reparto por centros e o seguinte: o martes corresponderá a Aceesca, 7; Fernández Lopez, 42; Hermanos Quiroga, 8; CEIP Atios, 23 e Cruz Budiño, 15.
O mércores entregaranse os 38 necesarios para lumnos do CEIP Antonio Palacios; 30 para o CEIP da Ribeira; no Santo Tomás, 11 e 60 routers e tarxetas para alumnos do IES Ribeira do Louro.
Finalmente, o xoves serán citados os pais e nais de 15 alumnos do IES Pino Manso que recibirán routers e tarxetas para conectarse ás clases por internet.


As tarxetas só terán vixencia durante tres meses. Os routers deberán ser devoltos ao Concello onde permanecerán en depósito en previsión de que por un rebrote fose necesario un novo préstamo.
O custe final desta actuación para reducir a brecha dixital é aproximadamente de 20.000 euros. A adquisición dos routers á empresa “TCR Datos Norte” importa 11.700 máis IVE namentres as tarxetas implicaron un gasto de 6.800 (IVE incluído) á operadora “Vodafone” que doa a metade das mesmas.

A Concellería de Deportes valora como “moi satisfactoria” a resposta que acadaron na súa estrea, os circuitos habilitados no paseo do río Louro


“Moi satisfactoria” considerou David Alonso, concelleiro de Deportes, a resposta acadada entre a veciñanza cos circuítos habilitados no paseo do río Louro para persoas que saíron a correr ou ben a camiñar. Decenas de veciños e veciñas acudiron dende as 6 ata as 10 da maña nesta primeira quenda, para facer deporte.

“A experiencia deste primeiro dia de poder sair a facer deporte despois de cincoenta días de confinamento, resultou moi positiva polo que observei entre os que acudiron a facer uso dos sendeiros sinalizados”, indicou o concelleiro. “Observamos que o comportamento que tiveron os usuarios foi moi responsable, con criterio e respeto, empregando a marxe dereita para circular e gardando as distancias de seguridade” rematou David Alonso.

Nos días previos, o Concello mediante o traballo conxunto das concellerías de Medio Ambiente e Deportes, desbrozaron, limparon, sinalizaron e difundiron os diferentes circuítos cara á desescalada que hoxe comezou.

A Concellería de Deportes difunde un gráfico e as normas para utilizar os circuítos habilitados no paseo do río Louro para corredores e camiñantes

Unha vez coñecidas as franxas horarias e as medidas ditadas polo Ministerio de Sanidade para poder correr ou pasear segundo tramos de idade a partir do sábado día 2, a Concellería de Deportes difunde un vídeo descritivo dos circuítos habilitados no paseo do río Louro, un gráfico informativo e as normas de utilización que deberán observar as persoas que o empreguen.

Cumpre lembrar que aqueles veciños e veciñas que acudan tan só a camiñar, deberán observar a restrición dun quilómetro de distancia respecto o seu lugar de residencia, polo que moitos non poderán acudir ao paseo do Louro, namentres os que corran non terán límite de distancia agás que non saian dos limites do termo municipal, segundo establece a orde ministerial. Tampouco poderán utilizar os circuítos habilitados no paseo do Louro ciclistas, bikers ou aqueles que utilicen patíns ou monopatíns.

Asimesmo lembrar que as franxas horarias establecidas pola orde ministerial, determina que os que vaian correr, de idades entre 14 e 69 anos, deberán facelo entre as 6 e as 10 da manan ou ben entre as 20 e as 23 horas da tarde-noite.

Rogamos a todos os veciños e veciñas do Porriño que observen as normas de uso que a Concellería de Deportes estableceu para garantir a seguridade de todos cantos acudan. 

No seguinte enlace pódese ver o gráfico do circuito, fotos e as normas de utilización.

https://es.wikiloc.com/rutas-carrera/circuito-rio-louro-covid-19-o-porrino-48725574

 

Vídeo 7 #Porriñodeportenacasa Pablo Sanromán, do Porriño Industrial, explica exercicios para o tren superior do corpo

Nesta séptima quenda do ciclo #Porriñodeportenacasa, hoxe ofrecemos o vídeo realizado por Pablo Sanromán, adestrador físico do club Porriño Industrial que nos propón exercicios para o tren superior do corpo.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes desarrolla dende o pasado venres 17, este ciclo baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa.

Coa inestimable participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, estamos a ofrecer diversas táboas e rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Nas seis entregas anteriores foron Ana Alonso, preparadora física do Balonmán Porriño , Xoel Souto, da U.D. Atios, Mary Artós e Ana Cristina Oya, do Club Patín e Pablo Alonso, colaborador do Porriño Baloncesto Base, os encargados de darnos diferentes pautas de mantemento físico.

O departamento de Cultura do Concello celebra o Día Internacional da Danza coa colaboración de Janet Novás, bailarina e coreógrafa porriñesa

Hoxe, 29 de abril, celebrase o Día Internacional da Danza, efeméride que o departamento de Cultura do Concello lembra dun xeito especial na súa web cunha programación que vencellamos nun enlace a pé de páxina.

Nesta ocasión, a Concellería de Cultura solicitou a colaboración da bailarina, coreógrafa e profesora de danza porriñesa, Janet Novás que gravou un vídeo cunha mensaxe especialmente dirixida á poboación que aínda debe manter a corentena nas súas vivendas.

Na web de Cultura tamén hai unha referencia a outro porriñés, Juan Antonio Carrera Figueroa que marchou en 2003 a Madrid onde completou a súa formación e desprega a súa carreira artística participando nos repartos de diversos musicais como actor, cantante, bailarín e coreógrafo.

En 1982, por iniciativa do Comité Internacional de Danza, foi proclamado pola UNESCO o 29 de abril como Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento do bailarín e coreógrafo Jean-Georges Noverre.

Día Internacional da Danza 2020

A OMIX participu nun encontro telemático de intercambio de ténicas de dinamización a través de espazos virtuais


O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), participou hoxe nun encontro telemático con técnicos municipais de 90 concellos de toda España, promovido por UNICEF. O Porriño estivo representado por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX.
Ao respecto deste encontro, Lourdes Moure, concelleira de Educación, indicou “somos conscientes que despois desta pandemia, a dinamización de espazos virtuais será un punto de referencia para os procesos de participación infantil e xuvenil”.
A reunión serviu para intercambiar experiencias e procesos de participación da poboación infantil e adolescente, nas circunstancias actuais, empregando técnicas de dinamización a través de espazos virtuais. A responsable da OMIX do Porriño explicou aos seus colegas as diversas iniciativas que teñen posto en marcha para infancia, mocidade e público en xeral durante o actual estado de alarma e que se poden consultar na web e redes sociais do Concello

Vídeo 6 #Porriñodeportenacasa Mary Artos, do Club Patín, ofrece rutinas de mantemento físico para embarazadas


Nesta sexta quenda do ciclo “Porriñodeportenacasa, hoxe ofrecemos o vídeo realizado por Mary Artos, primeira adestradora co Club Patín Porriño, que se ocupa de dar rutinas de mantemento físico para embarazadas.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, este ciclo baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa.
Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas táboas e rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Nas cinco entregas anteriores foron Ana Alonso, preparadora física do Balonmán Porriño , Xoel Souto, da U.D. Atios, Mary Artós e Ana Cristina Oya, do Club Patín e Pablo Alonso, colaborador do Porriño Baloncesto Base, os encargados de darnos diferentes pautas de mantemento físico.

 https://youtu.be/ljzro4yY05M

A Alcaldesa celebra o consenso e colaboración amosadas por todos os grupos para afrontar a crise


O goberno municipal de O Porriño poñerá en común cos grupos políticos do consistorio unha proposta de orde do día para un vindeiro pleno da corporación, a fin de acordar as liñas de actuación que o Concello vai despregar na desescalada para axudar aos sectores máis sensibles da economía local.
Este acordo adoptouse hoxe na reunión de Comité Municipal de Seguimento do “Covid-19” que presidiu a alcaldesa e no que participaron todos os membros do goberno municipal coligado PSOE/BNG e os voceiros dos grupos políticos PP, EUSON e UDDL.

Eva García de la Torre manifestou ao remate da reunión “síntome honrada de presidir esta corporación e comprobar que todos os grupos políticos deron hoxe a medida da súa responsabilidade e capacidade que se agarda de nós nunha situación desta gravidade”. “Con independencia das críticas que son obxectivas, o ton común foi construtivo e de apoiar todas as medidas que sexamos quen de aprobar todas as medidas que adoptemos para apoiar aos sectores máis golpeados por esta crise, conscientes de que temos que evitar que logo veña unha pandemia económica que prexudique o que tiñamos acadado polo crecemento do municipio”.

A proposta que elaborará o goberno porriñés será levada a comisión informativa municipal para conseguirse con todos os grupos e definir a orde do día dun vindeiro pleno da Corporación “no que acordaríamos medidas para afrontar a desescalada”, engadiu García de la Torre.

A alcaldesa apela á importancia de “crear un fondo económico mediante modificacións orzamentarias para facer fronte as axudas que deberemos prestar aos sectores máis endebles”, rematou Eva García.

Vídeo 5 #Porriñodeportenacasa Pablo Alonso, do PBB, preséntanos exercicios para persoas con mobilidade reducida

Pablo Alonso “Karpin”, colaborador de los campus do “Porriño Baloncesto Base” (PBB) encargase nesta quinta quenda do ciclo #Porriñodeportenacasa de presentarnos exercicios adaptados para persoas con mobilidade reducida en cadeira de rodas.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, este ciclo baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Nas catro entregas anteriores foron Ana Alonso, preparadora física do Balonmán Porriño , Xoel Souto, da U.D. Atios, Mary Artós e Ana Cristina Oya, do Club Patín Porriño, os encargados de darnos diferentes pautas de mantemento físico.
 https://youtu.be/yl2Axh3AQO8

O Concello repartirá mañá 1.500 máscaras de protección infantís


O Concello do Porriño anuncia que mañá domingo 26, co motivo de ser o primeiro día que se autoriza saír aos nenos de ata 14 anos acompañados dun adulto, vai repartir 1.500 máscaras de protección de tela. Trátase doutra partida das máscaras feitas por mulleres da vila, que de xeito voluntario e altruísta, están a confecciona-las. Hai de dous tipos: unhas estampadas con motivos infantís e outros de cor negra coas cintas elásticas doutras cores. Son reutilizables e lavables a 60 graos.

Despois da súa esterilización foron envasadas hoxe por un grupo de voluntarios no Concello. Eses voluntarios axudarán aos axentes da Policía Local e de Protección Civil a facer o reparto, tanto polo centro urbano de Porriño como tamén en Torneiros e noutras parroquias do concello.

Por outra banda, esta tarde continuará o reparto de máscaras de protección para adultos. Concretamente, un milleiro máis, segundo informa a Policía Local.