Limitadas a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios, segundo a normativa da Xunta


O Concello do Porriño informa á veciñanza da normativa decidida pola Xunta de Galicia que será de aplicación ás visitas aos cemiterios coa ocasión da festividade de Todos os Santos e Defuntos.


A normativa autonómica limita a catro persoas “do mesmo grupo familiar ou conviventes” as que poden acudir. E establece que a duración das visitas aos cemiterios “deberá ser o máis breve posible e, en ningún caso, debe ser superior aos 30 minutos”.


Engadimos ligazón co documento en “pdf” coa normativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.

Prevencion_cemiterios_Galicia

Non hai cambios, O Porriño segue en alerta vermella no mapa do Sergas

O Porriño é un dos dezaoito concellos da provincia de Pontevedra e preto de 40 de Galicia que se atopan no nivel 3 ou alerta vermella por número de infectados por Covid en relación a súa poboación. Por cuarto día consecutivo, O Porriño aparece no mapa de alertas do coronavirus que publica o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web.


O Sergas informa dos datos actualizados ata as 18 horas do día anterior, neste caso ata onte martes 27. Sen detallar cantos infectados hai, o Sergas atribúe ao Porriño alerta vermella por máis de 21 casos diagnosticados nos últimos sete días.


En consecuencia, o goberno municipal mantén as restricións acordadas dende o pasado xoves 22. Lembramos:
– Suspensión do mercado ambulante dos martes
– Precinto dos parques infantís
– Circuítos de entrada e saída na Praza de Abastos.
– Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
– Peche da Sala de Estudo Municipal
– Competicións deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Tamén como consecuencia dos protocolos, o pleno ordinario da Corporación Municipal celebrarase esta tarde en en sesión telemática, a partir das 18 horas.

A sesión plenaria ordinaria deste mes será telemática

A sesión plenaria ordinaria que celebrará este mércores a corporación porriñesa será telemática, en aplicación dos protocolos anti-covid, segundo decidiron a alcaldesa e os voceiros dos grupos políticos municipais.

A sesión comezará ás 18 horas e será retransmitida a través desta mesma páxina web, na mediateca municipal.

Deixamos ligazón coa orde do día en “pdf”. 

PLENO OCTUBRE 2020

 

Renovados os postes das bandeiras no balcón principal do Concello

 

Hoxe instaláronse os novos postes das bandeiras no balcón principal do Concello do Porriño. Retiráronse os anteriores, de madeira, que databan da época de Xosé Manuel Barros como alcalde, que estaban moi deteriorados. Substituíronse por outros de aceiro inoxidable que dignifican o aspecto da casa consistorial,  obra de Antonio Palacios, precisamente no día no que se conmemora o 75 aniversario. da morte do arquitecto porriñés.

 

Cunha ofrenda floral comezaron hoxe os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios”

 

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal, o Concello do Porriño comezou os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento que se cumpre hoxe o 27 de outubro. 

Trátase dunha iniciativa das Concellerías de Cultura e Turismo que dirixen Cami Moreira e David Alonso, respectivamente que hoxe acudiron ao cemiterio a realizar a ofrenda ante a tumba de Palacios.

O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

Algúns deses actos terían que comezar hoxe pero adiáronse debido ás medidas restritivas anti-Covid. Entre elas, unha serie de visitas guiadas teatralizadas a obras de Antonio Palacios, así como un encontro de arquitectos sobre o significado do seu legado.

 

O Porriño segue por terceiro día consecutivo en alerta vermella


O Porriño segue hoxe martes 27 na relación de concellos de Galicia en alerta vermella ou nivel 3 por número de contaxios en función da súa poboación, segundo publica hoxe o mapa de situación do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os datos están actualizados ata as 18 horas de onte luns.

Aínda que a autoridade sanitaria segue sen informar directamente aos concellos do número exactos de casos positivos, na web subliñase que O Porriño está en alerta vermella por ter máis de 21 casos diagnosticados.

Precisamente hoxe non se celebrou o mercado ambulante por decisión do goberno municipal. Foi unha das restricións que se decidiron dende o pasado xoves 22 e que se manteñen.

O Banco de Alimentos “SOS Porriño” entrega a domicilio para evitar aglomeracións

 

O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso con voluntarios e persoal de Protección Civil iniciou esta mañá a distribución de caixas de alimentos entre as familias en emerxencia social do concello que reciben axuda a través de “SOS Porriño”.
Na actualidade 430 familias, practicamente 1.300 persoas, precisan da axuda mensual prestada polo Concello a través de “SOS Porriño”.

A gran novidade é que a partir deste mes lévase a cabo na casa para evitar as aglomeracións que se produciron diante da sede do Banco de Alimentos.

Ao longo de hoxe os 50 primeiros lotes repartiranse entre familias de Torneiros, Chenlo, Atios, Mosende, Budiño e na zona urbana de Porriño.

 

O Porriño segue en alerta vermella

Por segundo día consecutivo, o concello do Porriño mantense no nivel 3 ou alerta vermella por un aumento das infeccións por Covid.

O mapa de alertas actualizado diariamente na páxina web do Sergas volve situar hoxe ao noso municipio en vermello ao superar as 21 infeccións nos últimos sete días.

O goberno municipal mantén as restricións que decidiu o pasado xoves 22. Entre elas a supresión do mercado ambulante semanal que, polo tanto, non se celebrará mañá martes.

O Concello celebrará esta tarde tres comisións municipais telemáticas


O Concello do Porriño celebrará esta tarde tres comisións municipais informativas como preparación para o próximo pleno ordinario corporativo que terá lugar o mércores 28.
As tres comisións que se desenvolverán a partir das 19:00 horas serán telemáticas, a través da sede electrónica.
A primeira comisión será a de Economía e Facenda, que abordará a modificación do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).
Seguiralle a comisión de Urbanismo e Medio Ambiente que informará sobre a aprobación definitiva da nova ordenanza que regula as terrazas, entre outros asuntos. Tamén tratará da actualización da ordenanza medioambiental reguladora de ruidos.
A última comisión da tarde será a de Servizos Sociais e Igualdade, que tratará a proposta dun manifesto e concentración institucional que se celebrará o 25 de novembro para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

Concello e COGAMI debaten sobre a creación dunha comisión municipal de accesibilidade

Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade valoraron a creación dunha Comisión Municipal de Accesibilidade.  Sería un órgano participado polos grupos políticos da corporación e COGAMI.  Foi un dos asuntos tratados, na reunión celebrada hoxe no Concello, presidida pola alcaldesa Eva García, coa asistencia do concelleiro de Asuntos Sociais, David Alonso, así como de Anxo Queiruga, presidente de COGAMI que asistiu acompañado de Celso Álvarez e Isra Mercader.

COGAMI solicitou ao Concello unha posible subvención nominativa, a cambio da súa participación en cursos de formación e inserción laboral e de contar co asesoramento da Confederación de Persoas con Discapacidade en obras públicas e proxectos de mobilidade co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas.

A subvención a COGAMI a cambio destas consideracións incluiríase no orzamento municipal para 2021, que está actualmente en preparación.