Obradoiros de Nadal

No auditorio exterior do Centro Cultural Municipal e baixo carpa, tiveron lugar onte á tarde os obradoiros infantís de Nadal.

Participaron nenos e nenas do municipio, de 3 a 12 anos de idade, que previamente inscribíronse para esta actividade que tiña aforo limitado.

Os obradoiros desenvolvidos eran de decoración de chapas, de tatuaxes, de modelaxe creativa con arxila e de elaboración de adornos de Nadal.

Servizos Sociais repartirá xoguetes educativos para nenos e nenas das familias máis desfavorecidas

 

 

 

Este mércores, nas instalacións de “Porremprego”, entre as 9 e as 12 do mediodía, terá lugar o reparto de regalos para nenos e nenas de ata 12 anos das familias máis desfavorecidas do concello.

Serán 70 regalos de xoguetes educativos e de mesa a outros tantos nenos e nenas pertencentes a 48 familias seleccionadas por Servizos Sociais.

Os xoguetes adquiríronse nas dúas xogueterías do casco urbano para axudar ao comercio local 

A entrega dos xoguetes realizarase exclusivamente aos pais, segundo avisou David Alonso, concelleiro titular de Servizos Sociais.

 

Esta tarde comezan os obradoiros infantís de Nadal

 

Esta tarde, entre as 17:00 e as 20:00 h. terán lugar os obradoiros de Nadal. Desenvolveranse no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal, baixo carpa.

Trátase dunha actividade organizada pola Concellería de Cultura e Festexos, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, co aforo limitado.
Para participar nesta actividade era necesaria inscrición previa.

Os obradoiros a desenvolver son:
“Obradoiro de chapas, decora a túa chapa dun xeito creativo.
Tatuaxes.
Modelaxe creativa con arxila, deixa voar a túa imaxinación cun pedazo de “pasta de modelar”.
Elaboración de adornos de Nadal, elixe, pinta e decora o teu adorno de Nadal”.

O Porriño continúa coas mesmas restricións

A Consellería de Sanidade comunicou ao Concello que O Porriño continúa coas mesmas restricións que tiña. Non hai cambios despois da reunión de avaliación que mantivo o comité clínico coa Xunta.

O Porriño mantense en nivel medio-alto de restricións o que significa aforos do 30% no interior dos establecementos de hostalaría e do 50% nas terrazas; catro persoas sexan ou non conviventes por mesa e peche ás 17 horas. Tamén continúa o peche perimetral aínda que a mobilidade está permitida con Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar.

Por outra banda, os porriñeses poderán beneficiarse dun axuste do Plan de Nadal da Xunta que anunciou esta mañá o conselleiro de Sanidade. O antedito Plan contempla unha ventá de mobilidade que permitirá as viaxes dos galegos entre concellos, aínda que haxa peches perimetrais. Esa ventá estará activa entre as 0 horas do 23 ata as 23 horas do 25.

Hoxe, a partir das 13 horas, haberá unha nova reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid na que se comentarán as últimas novidades. No que atinxe á evolución no Porriño, hoxe o SERGAS comunicou 65 novos casos diagnosticados no concello e unha incidencia acumulada superior a 250.

O Concello pavimenta o camiño municipal de Centeans

 

As obras acometidas polo Concello consisten no acondicionamento, mellora da drenaxe e pavimentación con aglomerado asfáltico do camiño municipal de Centeans. Fixéronse, ademais, as obras necesarias e complementarias de recollida de pluviais para garantir a conservación do camiño.

As obras contan cun orzamento final, licitación máis IVE, de 67.512 €, con cargo ao Plan Concellos 2020, da Deputación de Pontevedra.

Trátase doutra acción do Concello do Porriño ao abeiro desa achega da Deputación. Hai días, a Concellería de Infraestruturas que dirixe o concelleiro Pedro Pereira executou tamén a pavimentación do camiño municipal de Liboeira a Eidos, na parroquia de Atios. que está a piques de rematarse.

O luns 21 remata o prazo de inscricións para as distintas actividades de Nadal organizadas polo Concello

O departamento de Cultura lembra que segue aberto ata o luns 21 o prazo de inscrición nas distintas actividades da Programación de Nadal, organizada polo Concello do Porriño.
 
Este prazo estará aberto para as seguintes actividades:
 
– Martes 22. Obradoiros de Nadal. Inscricións en: galopinocio@gmail.com
 
– Sábado 26. Concerto Banda Collón de Lola, pasa para o auditorio do Centro Cultural Municipal. Inscricións: cultura@oporrino.org
 
– Domingo 27. Concerto Amantes da Terra. Inscricións: cultura@oporrino.org
 
– Martes 29. Teatro “As pitas baixo a choiva”. Inscricións: cultura@oporrino.org
 
VÍDEO CHAMADAS DOS REIS MAGOS 
Tamén segue aberto o prazo, ata o 29 de decembro, para inscricións para que os nenos e nenas do Porriño reciban unha vídeo chamada dos Reis Magos. 
 
A inscrición realizase a través da web (www.nadal2020.es). Pódese solicitar información nó número de teléfono móbil 641 585 245.
 
Ata o venres 18, hai xa 337 nenos e nenas do Porriño inscritos para poder falar en primeira persoa con Reis Magos, segundo indicou o departamento de Cultura. 
 
 
Para máis información da programación de Nadal consultar a web 

“Chegou Papá Noel” aos colexios do Porriño

 

A actividade “Chegou Papá Noel” nos colexios de Primaria do Porriño está a desenvolverse dende hoxe e ata mañá venres 18, organizada pola OMIX do Porriño e a Concellería de Educación.

Debido as circunstancias actuais acordouse realizar esta actividade ante as dificultades que estamos a vivir coa Covid-19 e cumprindo cos protocolos de seguridade para garantir que as nenas e nenos poidan gozar dun Nadal como vimos facendo en anos anteriores e non perderse falar en primeira persoa con Papá Noel.

A actividade realizase nos seguintes centros: CEIP ANTONIO PALACIOS, CEIP DA RIBEIRA, CEIP MOSENDE, CEIP FERNÁNDEZ LÓPEZ,CEIP CRUZ BUDIÑO, CPR STO TOMÁS , CPR HERMANOS QUIROGA e CEIP DE ATIOS.

O Concello rematou hoxe o pagamento das axudas pola Covid aos autónomos e micro empresas do Porriño

O Concello rematou hoxe o pagamento mediante transferencia bancaria da segunda e última quenda de axudas económicas directas concedidas pola administración municipal pola Covid. Abonáronse en total 84.589 € entre autónomos e micro empresas do Porriño que se acolleron á convocatoria municipal.

Concedéronse 72 axudas entre o total de 78 solicitudes que se presentaron no prazo correspondente. Denegouse unha por incumprir as bases e 5 por non completar a documentación requirida.

As solicitudes procederon de bares, cafeterías, restaurantes, perruquerías e comercio téxtil, entre outros. A maioría recibiron o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.

A meirande parte deses cartos solicitáronse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.
O Concello do Porriño por acordo plenario da corporación habilitou esta liña de axudas cunha partida de 100.000 euros.

A alcaldesa Eva García sinalou que “aínda que non esgotamos a partida, iso non significa que non vaiamos a habilitar unha nova liña de axudas en 2021 enfocada aos sectores máis necesitados, especialmente comercio e sobre todo a hostalaría que é a gran damnificada polas medidas de restrición. Quero que saiban que este goberno municipal e esta alcaldesa está preocupada e empatiza cos problemas que teñen e estou a súa enteira disposición para seguir artellando as medidas de apoio que necesiten”, engadiu García de la Torre.

A alcaldesa pediu ao conselleiro de Sanidade un cribado masivo no Porriño ante o aumento dos contaxios

 

Eva García solicitou hoxe ao Conselleiro de Sanidade que o Sergas realice un cribado masivo no Porriño ante o incremento de contaxios que ven producíndose nos últimos días.

A alcaldesa propuxo a Julio García Comesaña que o Servizo Galego de Saúde “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo desestimouse pola melloría”, segundo manifestou Eva Garcia durante a reunión telemática por vídeo conferencia que hoxe mantivo co Conselleiro de Sanidade e os demais alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Vigo.

A rexedora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de contaxios “son preocupantes”. O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 nos últimos 7 e 66 casos activos nos últimos 14 días. E ademais a taxa de incidencia pasou de 180 a 307 o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.

A alcaldesa indicou de “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño que seguen a ser: aforos do 30% no interior e 50% nas terrazas dos establecementos da hostalaría que deberán pechar ás 17 horas; reunións limitadas a 4 persoas, sexan ou non conviventes; aforos de 250 persoas en recintos deportivos pechados e 500 en recintos abertos e observar todos os demais protocolos de hixiene e distancia.

A alcaldesa exhortou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e polo tanto seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”, manifestou García de la Torre.