O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  iniciou hoxe a súa ronda de visitas aos centros educativos do municipio e o fixo na Escola de Educación Infantil de Mosende.

Son oito os cativos que están escolarizados nesta unitaria que da servizo ás parroquias de Mosende, Pontellas e Chenlo, e para o alcalde “é prioritario que o fagan en boas condicións”.

Trátase dun edificio que, aínda que depende da Xunta, é de titularidade municipal, e a falta de mantemento dos últimos anos fai que as condicións non sexan as adecuadas, máis se cabe cando falamos de nenos pequenos, de 3 a 6 anos.

“O edificio necesita melloras e reparacións que me comprometo a acometer”, explicou Alejandro Lorenzo, “Esta escola ten que manterse, é parte da nosa historia e un servizo que se presta ás familias destas parroquias. O edificio ten un especial encanto e dispón das instalacións precisas para impartir esta etapa educativa, pero ten que ser acondicionado”.

A escola necesita que se arranxen os aseos, o tendido eléctrico, a calefacción e a instalación dunha canaleta que evite os charcos que se forman á entrada. Esta mesma semana operarios municipais repararon a cuberta que estaba a provocar filtracións de auga e humidades e a continuación procederase ao pintado do centro.

Tras visitar a sala de xogos, que conta con piso de lousa, Lorenzo comprometeuse a cámbialo por tarima flotante, que garantirá que os alumnos e alumnas poidan xogar con máis comodidade e en mellores condicións.