O Concello do Porriño, a través da concellería de Cultura que dirixe Bienvenido Estévez, está a xestionar a reorganización de horarios e espazos da sala de estudos para atender á demanda do colectivo de estudantes.

O departamento de cultura iniciará os trámites para a contratación de persoal que permita que as instalacións estean abertas as fins de semana e horarios especiais para épocas de exames para que os mozos e mozas do Porriño dispoñan dun lugar propicio para o estudo no seu municipio. “Tamén estamos a valorar fórmulas para reubicala e coordinar o servizo coa Biblioteca Municipal”, afirmou o edil, Bienvenido Estévez.  

Mentres tanto, e atendendo á petición dos usuarios, ampliaranse os horarios da sala de estudio habilitada no centro cívico, que permanecerá aberta de luns a venres de 8:30h a 22 h de maneira continuada.

“Os horarios deben ser acordes aos horarios lectivos dos estudantes para poder responder ás súas necesidades”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos que a sala de estudo estea aberta os sete días da semana e xa iniciamos as xestións necesarias para que así sexa. Os estudantes do Porriño teñen que disponer dese servizo no seu concello”.