O Porriño ofreceu terreos para acoller a futura plataforma loxística da automoción

O Concello do Porriño ven de ofrecer terreos para albergar a futura plataforma loxística do sector da automoción que promove Zona Franca de Vigo, segundo confirmou David Regades, delegado do Estado nesta entidade. A alcaldesa Eva García defendeu a candidatura do Porriño para acoller esa plataforma loxística durante a reunión que mantivo con Regades o pasado mércores 2.


O ofrecemento do Concello do Porriño para ese asentamento conta con terreos en chan industrial, preto da liña ferroviaria e con acceso á Autovía e polo tanto con conexión coa Autoestrada do Atlántico. Ambas son dúas das esixencias da oferta pública para a adquisición dunha parcela que fixo a Zona Franca de Vigo e que está piques de rematar o prazo de presentación de ofertas.


Ademais a oferta porriñesa suma como valor engadido a presenza do CTAG -Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia-.
David Regades manifestou que “O Porriño é o lugar idóneo, porque reúne todas as condicións”, segundo a información que hoxe publica o xornal “Faro de Vigo”.
Deixamos ligazón con esa información.

https://www.farodevigo.es/comarcas/2020/12/06/porrino-aspira-albergar-futura-plataforma-25988890.html

Excepcional resultado da recollida solidaria polo #GivingTuesday entre os centros de primaria do Porriño

Esta mañá operarios do Concello e o concelleiro delegado de Servizos Sociais recolleron nos colexios do Porriño os donativos de alimentos e produtos de hixiene infantil que centos de nenos e nenas entregaron nos seus respectivos centros docentes coa ocasión do “#GivingTuesday” (“Martes de dar”).

Na recollida solidaria que se efectuou ao longo desta semana, os centros educativos de Primaria do Porriño centralizaron a recollida. Este ano 2020, por iniciativa dos nenos e nenas do Porriño e segundo acordouse no último pleno infantil celebrado o pasado 20 de novembro, realizouse unha recollida específica de alimentos, leite e produtos de hixiene para bebés.

Os quilos de comida e produtos de hixiene recadados trasladáronse ao almacén de “SOS PORRIÑO” que canalizará a entrega e a súa posterior distribución entre as familias do concello con menores recursos.

Resposta desigual da hostalaría porriñesa ante a posibilidade de abrir dende hoxe só terrazas e cun aforo do 50%

 

O sector da hostalaría local tivo unha resposta desigual ante a posibilidade de abrir dende hoxe os seus establecementos segundo o establecido no plan de desescalada promulgado pola Xunta de Galicia.
O Porriño está no nivel máis restritivo de xeito que os establecementos tan só poden servir nas terrazas, cun aforo reducido ao 50%, cun máximo de 4 persoas por mesa, sexan ou non conviventes. E deberán pechar ás 17 horas.

Continúa a tendencia á baixa no número de contaxios no Porriño como acreditou hoxe a actualización diaria de datos do SERGAS. Segundo informou o número de novos casos diagnosticados nos últimos catorce días son 47. E a incidencia acumulada no concello é maior de 150 e menor de 250, é outro indicador que reflicte a melloría.

Estes datos así como o tratado onte pola alcaldesa Eva Garcia co conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña na reunión telemática semanal que mantén cos rexedores dos concellos da área de Vigo, serán trasladados e comentados cos representantes de todos os grupos da corporación na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid convocada para o vindeiro luns 7.

Por outra banda, o Concello do Porriño lembra que o vindeiro martes 8, festivo, volverá o mercado ambulante despois de seis semanas de suspensión. Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou esta decisión para aliviar economicamente a moitos dese vendedores que son tamén veciños do concello.
A decisión foi trasladada e participada polos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na última reunión da comisión de seguimento.

Este martes tan só instalarán os seus postos a metade dos vendedores autorizados, é dicir, uns 70 . O postos con número impar asignado, montarán o 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia.

A alcaldesa congratulase de que “por fin” a Xunta responda á presión do Concello e solicite licenza de obras para ampliar o Centro de Saúde

 

A alcaldesa do Porriño, Eva García congratulase de que a presión do goberno municipal obrigase á Consellería de Sanidade “por fin a mover ficha en relación co proxecto de ampliación do Centro de Saúde”.

Tan só horas despois da comparecencia da alcaldesa xunto coa deputada Leticia Gallego para denunciar o reiterado incumprimento do compromiso adquirido por esa Consellería, trasladado ao Parlamento de Galicia, esta mañá chegou por rexistro unha solicitude de licenza de obras presentada por ese departamento autonómico.

A solicitude sinala que a licenza é para a ampliación e reforma do Centro de Saúde e apunta como orzamento estimado da obra, 2.916.716 €.

Para xustificar a solicitude, a Consellería de Sanidad indica que estaría prevista “para data próxima o anuncio para a contratación da obra”, segundo a petición.

 

O Porriño conmemorou o Día das Persoas con Discapacidade

 
A casa consistorial do Concello do Porriño luce esta noite en verde coa iluminación artística realizada coa ocasión de conmemorarse o 3 de decembro o Día das Persoas con Discapacidade. Con este motivo, a consistorio tamén lucía desde onte, no balcón principal unha lona realizada polas persoas usuarias de ACEESCA
 
Neste ano, 2020, o lema do Día das Persoas con Discapacidade, é “Un día para todos” porque, segundo preconiza unha declaración institucional do Concello, “a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente; e a sociedade ten que estar preparada para iso”.
 
 
 
 
 
 

Concentración silenciosa ante o Concello polo crime machista en Gondomar

 

A alcaldesa, concelleiros do goberno municipal e de todos os grupos políticos da corporación porriñesa participaron hoxe a mediodía nunha concentración silenciosa en repulsa polo crime machista de onte en Gondomar.
Os representantes municipais do Porriño expresaron deste xeito a súa condena polo asasinato de Soledad Rey Valverde, acoitelada polo seu marido no domicilio familiar.

O Porriño conmemora o 3 de decembro, Día das Persoas con Discapacidade

A casa consistorial do Concello do Porriño, luce desde hoxe  unha lona realizada polas persoas usuarias de ACEESCA coa ocasión de conmemorarse o 3 de decembro o Día das Persoas con Discapacidade. Con este motivo, mañá iluminaremos a fachada do concello en verde.

Neste ano, 2020, o lema do Día das Persoas con Discapacidade, é “Un día para todos” porque, segundo preconiza unha declaración institucional do Concello, “a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente;  e a sociedade ten que estar preparada para iso”.

“As persoas con discapacidade son a minoría máis grande do mundo e adoitan ter máis dificultades que outros grupos a todos os niveis, especialmente no acceso á educación, ao mercado laboral e ás dificultades económicas”, engade a declaración municipal.

“E isto débese á falta de recursos que lles faciliten a vida, como o acceso ao transporte ou o acceso á información, en caso de discapacidade sensorial. Todo isto, xunto coa discriminación social que ás veces existe na súa contorna e a falta dunha lexislación adecuada, dificultan a vida das persoas con discapacidade. Amais, as persoas con discapacidade son máis vulnerables á violencia.  As nenas e os nenos, con discapacidade son 4 veces máis propensas a ser vítimas de violencia, do mesmo xeito que as persoas adultas con problemas mentais”, conclúe a declaración institucional.

A alcaldesa valora a David Regades como “gran aliado para afianzar o futuro do Porriño”

 

A alcaldesa, Eva Garcia reuniuse hoxe en Vigo con David Regades, Delegado de Zona Franca para falar do estado de tramitación de distintos proxectos en marcha de interese para Porriño, como a promoción de chan industrial, a apertura dunha gardería infantil no polígono de A Granxa e a necesidade de dotar aos polígonos industriais de servizos que supoñan valor engadido para as empresas.

Tamén “tratamos dos retos da Axenda 2030 no que atinxe a diminución de gases de efecto invernadoiro e de diversas cuestións de indubidable interese non só para O Porriño senón tamén para toda a zona sur da provincia dada a nosa condición de motor económico”, manifestou Garcia de la Torre.

A rexedora porriñesa amosouse “moi satisfeita cos resultados da reunión” e agradeceu a David Regades “a súa sensibilidade cos problemas de O Porriño. Sen dúbida, é un gran aliado para afianzar o noso futuro”, valorou Eva Garcia.

No Porriño, os Reis Magos falarán por vídeo-chamada cos nenos e nenas que o soliciten

 
Na programación deste Nadal 2020 condicionada e limitada pola Covid, a Concellería de Festas ven de habilitar un sistema de vídeo-chamada por “Whatsapp”, a demanda, para que os Reis Magos poidan falar cos nenos e nenas do Porriño que o desexen.
 
A tal fin abriuse un prazo de inscricións ata o 29 de decembro.
 
Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura onde teñen máis información e poden realizar a solicitude.
 

A hostalaría do Porriño poderá abrir tan só terrazas, ao 50% de aforo e ata as 17 horas

 
O presidente da Xunta de Galicia ven de comunicar este mediodía as novas medidas de desescalada acordadas que establecen unha reapertura gradual da hostalaría, a partir deste venres día 4.
Establécense 4 niveis de reapertura. O Porriño atopase no nivel máis restritivo polo que a Xunta de Galicia tan só autoriza a reapertura das terrazas dos establecementos de hostalaría cun aforo do 50% e ata as 17 horas. En cada mesa poderán estar ata 4 persoas sexan conviventes ou non.
 
Neste mesmo nivel de restrición atópanse outros concellos da contorna como Redondela, Tui e Ponteareas.
A medida entrará en vigor pasado mañá venres, ás 0 horas.
 
Por outra banda, a alcaldesa Eva García recibirá mañá xoves a mediodía, máis información detallada do conselleiro de Sanidad coa ocasión da video conferencia semanal que Julio García Comesaña está a manter cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da área de Vigo.
 
Outras restricións como o toque de queda dende as 23 horas e ata as 6 da mañá, e confinamento perimetral, seguen vixentes no caso do Porriño.