O Concello do Porriño e a Asociación Galega de Afectados por Silicose asinaron a súa colaboración para avanzar na visibilización e prevención desta enfermidade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o presidente de OSÍLICE, Jose Carlos Giráldez, formalizaron o convenio de colaboración a través do cal, a administración local contribuirá con 2.000 euros a visibilizar esta doenza e difundir os aspectos clínicos, preventivos e psicosociais da silicose por pedra natural entre a veciñanza.

Tal e como defendeu sempre o rexedor, o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, debe recoñecer o labor social que desempeña esta asociación e contribuír no preciso para axudar ao gran número de afectados por silicose que hai no noso termo municipal.

Así, Lorenzo  agradeceu en nome do Concello o “traballo que veñen desenvolvendo dende a súa constitución en 2013, asesorando e defendendo os dereitos dos enfermos de silicose, doenza que afecta a centos de persoas non só no Porriño, senón en toda Galicia”. O rexedor explicou que na liña política do executivo “está destacada dende o principio a promoción deste tipo de accións de protección da saúde, en especial en colectivos de risco que polas características especiais do noso municipio, que desenvolve unha grande actividade no sector mineiro, son máis vulnerables”.

Sobre OSÍLICE

OSÍLICE é a primeira asociación de afectados por silicose de Galicia, e a terceira en España. Aínda que se creou no Porriño, onde ten a sede dende o ano 2013, o seu radio de actuación esténdese a toda a comunidade autónoma de cara a protexer os intereses dos afectados por esta enfermidade, facilitarlles información, orientalos, asesoralos e tamén prestar atención a calquera persoa que requira os seus servizos.

A asociación foi fundada por un grupo de traballadores afectados pola doenza que decidiron poñerse en marcha para atender aos centos de persoas que como eles padecían esta enfermidade. Tan só na comarca hai diagnosticados uns 500 casos de silicose.