Licitado por primeira vez o mantemento do Paseo do Louro

O plan de recuperación e acondicionamento do paseo do Louro avanza coa licitación dos traballos de mantemento e limpeza da senda fluvial. Por primeira vez, licítanse mantemento deste espazo, servizo que anteriormente se viña prestando sen contrato.

A licitación contempla a retirada de árbores caídas e eliminación de ramas perigosas, a limpeza do paseo e recebado seis días á semana, a roza e limpeza de maleza varias veces ao ano, limpeza de embornais e a eliminación de especies alóctonas para plantar árbores autóctonas. 

O acondicionamento dos terreos colindantes de titularidade municipal tamén están cubertos, xa que neles se desenvolverán múltiples actividades para que a veciñanza disfrute deste tesouro natural.

“En resumo trátase de mellorar e conservar este espazo natural en bo estado botánico e de uso”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para iso é necesario facer as cousas ben, contratando dacordo á legalidade, algo no que este executivo se está a volcar e polo que xa se abriron 23 procedementos de contratación administrativa. Queremos que O Porriño mellore e que o diñeiro da veciñanza se destine a iso, da maneira correcta. Que se gaste con luz e taquígrafos”.

Ademais, no marco deste plan de recuperación, operarios municipais están a levar a cabo a mellora das pontes e elementos de madeira do paseo.

“O paseo do Louro é un tesouro para nós, contorna natural ao carón do casco urbano que temos a obriga de manter en perfecto estado”, concluíu o alcalde.

O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño pon en marcha o seu propio espazo web

O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño, pertencente á Concellería de Educación, conta xa cun espazo web propio (www.normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com) co obxectivo de achegar o noso idioma á cidadanía e co que poderá dar visibilidade ás campañas de dinamización e normalización lingüística, así como a diversos materiais e recursos en lingua galega.

As persoas usuarias poderán, ademais, resolver as súas dúbidas lingüísticas e achegar as súas suxestións a través do formulario de contacto co que conta este espazo web.

A través do espazo dedicado a novas o SNL do Porriño manterá informada a súa cidadanía da actualidade relativa á lingua galega, tanto local coma autonómica.

O blog abre as súas portas co concurso O galego é, co obxectivo de dinamizar a lingua galega na mocidade, e coa presentación da Unidade Didáctica: Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), para achegar a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022 á nenas e nenos de 5º e 6º curso de primaria. 

Nito Pereiro-Oliveira inaugura a súa exposición “Verdades e quimeras”

O Círculo Recreativo Cultural do Porriño acolleu onte a presentación da exposición “Verdades e quimeras”, do porriñés Nito Pereiro-Oliveira.

A mostra foi presentada polo seu discípulo e membro da asociación O Porriño Arte, Carlos Díaz, e polo alcalde, Alejandro Lorenzo.

Díaz indicou que foi da man de Nito Pereiro con quen tivo a oportunidade de recuperar unha afición que tiña aparcada dende hai moitos anos. “Con el, tanto eu como moitos outros pintores porriñeses entusiasmámonos co mundo da pintura”, explicou, “Con Nito aprendín o pouco que sei e a el recurrín sempre ante calquera dificultade e para que puxera algúns toques de realidade en moitos dos meus cadros”. Asegurou que o artista porriñés é para el “un gran maestro da cor. As súas obras están repletas de imaxinación, pasión, compromiso…Nito fálanos a través dos seus cadros”.

Pola súa banda, o alcalde puxo en valor a obra e a figura de Pereiro-Oliveira. “Falar do Porriño é falar de cultura, e falar de cultura é falar de Nito Pereiro-Oliveira”, asegurou, “Hoxe xoga en casa, apoiado por un montón de porriñeses que se sinten, coma min, orgullosos de contar cun artista do seu nivel na vila”.

“Hai 47 anos saín do Porriño cun único obxectivo: estudiar e formarme o máximo posible para convertirme nun bo pintor. Pero nunca perdín o contacto co Porriño. Aquí nacín, aquí viviu sempre a miña familia e aquí está moita xente que me importa”, confesou Nito Pereiro,  “Hoxe síntome emocionado de estar aquí con esta mostra que presenta unha obra que creei durante a pandemia e reflexa o que me afectou e o que quixen compartir”

A exposición estará aberta ao público ata o 2 de xuño no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

Longa e prolífica traxectoria

Nito Pereiro-Oliveira é un dos máis prolíficos artistas plásticos do Porriño. É membro de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Galegos) e da Asociación Española de Pintores e Escultores. Durante estes anos de pandemia desenvolveu unha incesante e recoñecida labor. Participou, por citar algunhas, na Exposición colectiva 40+1 na Casa de Cantabria en Madrid, Exposición en Galería Souto de Vigo, “REENCUENTRO” na Galería Santana Art de Madrid, “VERANO” na galería OCCO-ART de Madrid, “CINCO MIRADAS” na Galería ALEMI de León, “PRIMAVERA na galería OCCO-ART de Madrid. Destaca tamén a súa recoñecida obra, “Intento Mirarte” que obtivo o premio BALUARTE na 85º Edición do Salón de Otoño, que estivo exposta na prestixiosa Sala Baluarte do Centro Cultural Adolfo Suárez de Madrid, e que hoxe pode disfrutarse na mostra do Porriño.

O autobús de “Coidados porta a porta” chega ao Porriño para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernándo González Abeijón, e os concelleiros Abel Estévez, Rosario Costas e Carolina González, vistou hoxe o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade xeito gratuíto.

Segundo informaron, as citas están completas os catro días que a unidade móbil permanecerá no Porriño, no aparcamento da Piscina Municipal.

“É unha iniciativa pioneira que aplaudimos chegue ao Porriño e que está a ter moita demanda”, explicou o alcalde, “Desde o Concello volcámonos especialmente na atención aos nosos maiores e en poñer á súa disposición todas as ferramentas que estén ao noso alcance para mellorar a súa calidade de vida”.

Neste sentido, cabe destacar que o novo executivo puxo en marcha a tal fin a concellería de Terceira Idade, un departamento específico que traballa de maneira transversal co resto das áreas para dar resposta ás necesidades das persoas maiores e garantizar que a localidade ofreza a calidade de vida que estes merecen. 

Comeza o reparto de composteiros coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe

Coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe, o Concello do Porriño, a través da concellería de Medio Ambiente, inicia a entrega dos composteiros individuais que se entregarán a aquelas persoas que o tiveran solicitado.

Polo de agora foron 25 os composteiros requeridos pero todo aquel que queira facerse con un, de maneira gratuíta, pode solicitalo no Rexistro do Concello. 

A entrega realizarase no Punto Limpo, no seu horario de apertura habitual (de luns a venres de 10 a 14 h e ademais os luns pola tarde de 16 a 20 h).

A Semana Internacional da Compostaxe (ICAW – International Compost Awareness Week) celébrase a primeira semana de maio de cada ano en diferentes países do mundo para informar e promover o uso da compostaxe, explicar de onde provén o compost, como utilizalo e cales son os seus beneficios.

“Dende o Concello queremos destacar a importancia de incorporar o proceso da compostaxe como un hábito de vida e dar todas as facilidades a aqueles que decidan facelo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O compost é un recurso chave na xestión dos residuos orgánicos. Trátase de reproducir o ciclo natural da materia orgánica e así contribuír na loita contra o cambio climático”.

A porriñesa Ana Belén Gómez imponse na Maratón de Brooklyn

O pasado 24 de abril máis de 20.000 runners déronse cita na 10ª Maratón de Brooklyn e, entre eles, a porriñesa Ana Belén Gómez Sousa que se impuxo na súa categoría.

Nun tempo de 3 hora, 28 minutos e 42 segundos, completou os 42 km que unen o vangardista North Brooklyn con Prospect Park; conseguindo o primeiro posto nesta icónica carreira (cunha vantaxe de case 7 min á segunda no podio).

Ana Belén, funcionaria municipal, foi recibida entre aplausos no Concello e recibiu, de mans do alcalde Alejandro Lorenzo, un agasallo para recoñecer o seu logro en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras e do seu pobo.

Ana comezou no mundo do atletismo de maneira casual, hai case 8 anos, cando unha amiga a animou a participar nunha carreira benéfica contra o cancro. Eses 5 km despertaron nela a inquedanza que a levou a ir máis a alá e correr a súa primeira maratón, a de Berlín. A día de hoxe, e con 8 no seu haber, a porriñesa conta cun palmarés envidiable no que destaca ser a primeira española en entrar en meta na Maratón de Chicago (2019) e ser primeira na súa categoría e terceira na xeral na Maratón de Tromso (Noruega).

A súa próxima parada: a Maratón de de Nueva York, que preparará da man da súa adestradora, Amaya Sanfabio.

“Ana destaca polo seu sentido da responsabilidade,  compañeirismo e polo seu rigor; algo que todos os que traballamos con ela recoñecemos e valoramos”, afirmou o alcalde, “Iso unido ao seu afán de superación é garantía de éxito. Non podemos sentirnos máis orgullosos como compañeiros/as e como veciños/as”.

 

A “Challenge Rías Baixas” reúne a 200 participantes na súa sexta edición

A sexta edición da “Challenge Rías Baixas” reunirá esta fin de semana a 200 ciclistas para disputar as súas tres etapas.

A proba, organizada polo club ciclista “Master da Louriña”, presentouse esta mañá na praza Arquitecto Antonio Palacios, nun acto no que participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e os seus homólogos de Ponteareas e Mos, Miguel Bouzó e José Ares. Á presentación tamén asistiu o presidente do club organizador, Juan José Álvarez Cerdeira, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o director deportivo da Federación, Jacobo Ucha e Rafael Pérez, de LASAL, empresa patrocinadora do evento.

Juan José Álvarez, presidente do club apuntou que a carreira será “un espectáculo asegurado” e adiantou algunhas novidades desta edición entre as que destaca a “volta dos xuvenís, que unha vez aliviadas as restricións poden competir. Ademais inclúese a categoría feminina e as tres etapas disputaranse con chip”. Álvarez reivindicou que hai dous anos o gañador da Challenge fora Jaime Romero “quen pouco despois fichou como profesional no Caja Rural”.

O concelleiro de Deportes de Ponteareas salientou que “a proba non é só deporte, é moito máis” e destacou que é “un reto organizativo para eles, pero tamén unha seguridade de afluencia e visualización da contorna para os nosos concellos”.

Pola súa banda, o edil mosense apuntou que se trata dunha proba “máis que consolidada” que é “froito dun traballo meticuloso, polo que ten que sair ben si ou si”. Ares destacou que no seu municipio a carreira terá saída en meta nun emblemático lugar, o Pazo de Mos.  

O concelleiro de Deportes do Porriño, Abel Estévez agradeceu enormemente “o traballo do Máster da Louriña”, un club “que demostra que cando as cousas se fan con mimo e detalle son un éxito asegurado e por iso o o selo Máster da Louriña é selo de excelencia”. Estévez reiterou o apoio do Concello ao club, mostra do cal é o primeiro convenio que vén de asinarse entre ambas entidades.  

Tamén falou o presidente da Federación que insistiu en que se trata dun “evento importantísimo a todos os niveis” e que, ademais, falar do “Porriño, Ponteareas e Mos é falar de ciclismo, un triángulo que asegura unha festa neste deporte”.

Rafael Pérez, amosou o seu “orgullo de poder como patrocinado devolver a este deporte que leva o nome do Porriño máis aló das nosas fronteiras todas esas alegrías que nos da” e enfatizou que “sen os soñadores de banda ancha como Juan,  sería moi difícil que proxectos desta magnitude chegaran a bo porto”.

Rematou o acto de presentación o alcalde, Alejandro Lorenzo, que animou a todo o mundo a “vir coñecer e disfrutar deste evento que é ademais unha oportunidade excelente de coñecer a nosa riqueza paisaxística e cultural”. O rexedor quixo felicitar ao club organizador “o seu inmenso traballo a favor do ciclismo e do deporte porriñés” e reiterou o “apoio incondicional do Concello”.

O alumnado porriñés aprende ao ritmo da eco percusión

323 alumnos/as de de 5º e 6º de primaria do Porriño amplían a súa formación cun obradoiro de eco-percusión no que aprenden nocións básicas sobre como tocar a caixa, o tambor e a batería.

A actividade, organizada pola concellería de Educación a través da OMIX, comezou hoxe no CEIP Cruz Budiño, e contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.

O rexedor animouse a tocar un tema cos nenos e nenas, desenfundou as baquetas e, como se foran unha banda ben consolidada, ofreceron xuntos unha batucada de luxo.

“É marabilloso ver como en apenas unha hora os pequenos e pequenas son capaces de facer soar uns bidóns de plástico…”, explicou o rexedor, que adiantou que “Cando rematen os obradoiros todos os colexios formarán unha gran banda de percusión con material reciclado, e ofrecerán un concerto na praza do Concello para amosar o aprendido: as técnicas de agarre, golpeo, lateralidade, coordinación e uso da percusión vocal e corporal”.

Cabe destacar que, como apuntou o alcalde, nos obradoiro só interveñen instrumentos procedentes de materiais reciclados. Estes materiais anteriormente referidos, tamén cotidiáfonos, poden ser botes de pintura, latas, tubaxes, bidóns…. A metodoloxía empregada é a propia e xenuína do Proxecto Ecopercussión, mesturando elementos de percusión vocal con exercicios de coordinación e patróns polirítmicos afrolatinos.  

“A actividade desenvolverase durante todo o mes de maio nos centro de educación primaria e Aceesca”, apuntou a concelleira, “Consta de dúas partes, os obradoiros en cada centro  e o concerto final que se celebrará na Praza Arquitecto Antonio Palacios para o disfrute do público en xeral”.

 

1.400 atletas disputan este domingo “O PORRIÑO 10K”

O Porriño segue a ser a capital do running e así o demostrará este domingo coa volta dunha das clásicas tanto do circuíto galego como do nacional, “O Porriño 10K”.

A proba, organizada polo Concello do Porriño e o Atletismo Porriño, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a presidenta do club Atletismo Porriño, Patricia Estévez, e o tesoureiro e coordinador da proba, Pablo Soto.

A 10K porriñesa é unha experiencia que todos os amantes do running deben probar e, nesta edición, ademais vén cargada de solidariedade e responsabilidade ambiental. E é que, tal e como explicou a presidenta do club “queriamos innovar un pouco e contribuír a un mundo máis sostible e por iso acordamos non facer a publicidade en papel e utilizar no seu lugar as redes sociais. Canto menos papel impreso mellor”.

Estévez, quixo agradecer a súa contribución “a todos os participantes, colaboradores e patrocinadores, aos pais e nais que traen aos seus nenos e, especialmente, aos voluntarios e voluntarias do Atletismo Porriño que se volcaron na organización da proba”.

Pola súa banda, o coordinador da 10K, Pablo Soto, extendeu o agradecemento “ao concello do Porriño por todas as facilidades que deu na organización da carreira dende o primeiro momento, en especial a Abel, concelleiro de Deportes, e Alejandro, e tamén a Outlet Sport, onde o sábado será a entrega de dorsais , e ao resto de patrocinadores “.

Soto, concluíu animando a todos os participantes a contribuír cos que máis o necesitan “entregando alimentos non perecedoiros ao recoller o dorsal”. Unha axuda que a organización poñerá a disposición do banco municipal de alimentos, SOS Porriño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer ao Atletismo a “ilusión e ganas que poñen na organización da proba” e “que permitirá que de novo disfrutemos este domingo dun evento tan especial como a 10K, que demostrará unha vez máis que somos o Concello do Deporte. E o somos, sen dúbida, grazas aos nosos clubs deportivos”.

1.400 inscritos

A partir das 10 horas comezan as carreiras das categorías de menores, comezando polos Benxamíns, seguidos dos Alevíns ás 10:10 h e os Infantís e Cadetes ás 10:20 h.  . A carreira na súa modalidade absoluta –de 5 e 10 kilómetros- ten programada a súa saída ás 11 h. Esta é a proba de maior atractivo para os corredores e o elevado número de inscritos así o pon de manifesto. Serán 1.400 atletas chegados de toda a xeografía galega os que probarán a mellorar a súa marca persoal no circuíto porriñés.

Chupetes e Pitufos

O broche final de ouro á proba o poñerán os runners máis pequenos. Ás 12:15 h darase a saída para a categoría Chupetes (nados a partir do 2018) e ás 12:20 o farán os pitufos (nados dende 2015 a 2017). “Cabe destacar que estas categorías non precisan de inscrición previa pero, por suposto, como cada ano terán a oportunidade de disputar a súa OP 10K”, concluíu a presidenta do Atletismo Porriño.