A alcaldesa recibiu á ciclista Ana María González Cuña, campioa de España de BTT XCM

A alcaldesa, Eva García recibiu e felicitou a ciclista porriñesa Ana María González Cuña, do Mitto X-Sauce Team, que se proclamou campioa de España BTT XCM da categoría Master 40B feminina o pasado 29 de agosto en Lalín. Anteriormente xa fora subcampioa de España (2018 Logrosán, Estremadura) e bronce dúas veces (2016 en Cataluña e 2015 en Aragón) nas súas respectivas categorías.

Ana María González é unha das deportistas patrocinadas polo Concello do Porriño, no seu caso dende o ano 2016, polos seus méritos deportivos.

No seu palmarés subliñamos outros premios:

-Bronce Master 40 feminino Campioa de España BTT Ultra maratón 2019

-Champion Master 40 feminino Taça de Portugal XCM 2019

-Champion Master 40 feminino Open de España BTT Maratón 2017

-Master de campión galego de maratón en 2019 e 2015

-Campioa galega Master 40 de Ultra maratón 2016

-Champion Galicia Master Maratón Cup en 2018 e 2016

 

Presentación do novo traballo do grupo musical “KAF!”, no Centro Cultural Municipal

Esta tarde celebrouse a presentación do novo disco do grupo KAF!, no Centro Cultural Municipal, coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas do Concello do Porriño. Cami Moreira, concelleira responsable presidiu o acto de presentación deste novo traballo musical deste grupo chamado “Cuando las palabras fallan…”.
No acto participaron os catro compoñentes de KAF!: Kiri Cabaleiro, batería, gaita, frauta traveseira, baixo e voz; Ana Belén Rodríguez, piano, key guitar, batería, baixo e voz; Fran Leboso; guitarra, piano, batería, armónica e voz; e Irene Anta, baixo, guitarra, piano, key guitar e voz.
Tamén estivo Alex Sobrino, amais de ser o fotógrafo e deseñador da caixa de discos e embalaxes, é o escritor, director e actor de Metamorfose, unha obra teatral de ciencia ficción cuxa banda sonora foi producida por KAF!, e incluída neste disco. Neste intre Alex e KAF!, únense nun novo proxecto artístico, a realización dun vídeo-clip dirixido por Alex Sobrino, onde se conxuga o mundo escénico e o musical.
Ana, Fran e Kiri son profesores da Aula de Música Pianagrama de Mos, da que Ana é hoxe a fundadora e directora. E Fran e Kiri levan case dúas décadas tocando xuntos en diferentes bandas.
Estes tres artistas da música, reuníanse para acompañar ás bandas afeccionadas que ían xurdindo no seu colexio, isto vai en aumento e pronto aparecen os contratos.
Para reforzar a tríade, deciden apostar pola calidade de cancións máis elaboradas, e pensan en Irene Anta para unirse á formación, unha das súas estudantes máis salientables, e así é como chega a exclamación !, formando finalmente a configuración actual, nace KAF!
Ata a data, levan máis de 2 anos tocando nun momento difícil, pero agradecidos de non ter parado, grazas a montar concertos en todo tipo de escenarios (sen público para os veciños nos balcóns durante a desescalada, concertos 360o, en liña …).
O vindeiro venres 17 de setembro terá lugar un concerto ao vivo, ás 21:00h na praza de San Sebastián, no Porriño para completar a presentación deste novo traballo do grupo KAF!.

Este xoves comezan as actividades de dinamización da lectura, organizadas pola Biblioteca Municipal

 

A Biblioteca Municipal do Porriño organiza neste mes de setembro dúas actividades para o Club de Lectura, dentro do programa “Ler conta moito”, en colaboración coa Xunta de Galicia.

A primeira actividade será este xoves día 9, a partir das 19 horas, a cargo do artista Avelino González e baixo o título “Contos de contrabando”.

Trátase de actividades de dinamización da lectura que pretenden fortalecer o papel da biblioteca como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.

Con este tipo de propostas a Biblioteca Municipal do Porriño promove o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo da súa comunidade, valorando o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.

Máis información nesta ligazón 

Actividades para setembro

A alcaldesa agarda manter unha reunión oficial coa nova presidenta do ADIF

 

Eva García, alcaldesa do Porriño, envioulle esta mañá unha carta a María Luísa Domínguez, a nova presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), polo seu recente nomeamento, consecuencia da última remodelación ministerial realizada polo presidente do Goberno.

Na misiva, a rexedora porriñesa maniféstalle “unha alegría especial” polo seu nomeamento porque “é contigo e co teu equipo cos que vimos tratando a eliminación do paso a nivel; e polo interese amosado neste asunto”, indica Eva García.

A alcaldesa solicítalle expresamente á nova máxima responsable de Adif “manter unha reunión oficial cando teñas un oco na axenda para aclarar algunhas cuestións, pola posible incidencia dos prazos ou, incluso, a reformulación do proxecto que está a realizar a consultora ‘Priointec'”.

Dáse a circunstancia de que nas últimas reunións que Eva García mantivo con Adif en Madrid para dinamizar o proxecto de supresión do paso a nivel, María Luísa Domínguez, en condición de directora xeral de Planificación Estratéxica e Proxectos do ADIF, foi a interlocutora principal da alcaldesa do Porriño nun clima de excelente cordialidade e colaboración.

 

 

 

A alcaldesa asistiu aos actos de homenaxe a Ian Gibson no Festival de Cans

A alcaldesa Eva Garcia de la Torre, xunto con outras concelleiras e concelleiros porriñeses, acudiron hoxe aos actos de homenaxe a Ian Gibson rendidos polo Festival de Cans. Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra tamén asistiu ao coloquio co historiador de orixe británica, asentado en España dende hai moitos anos. Gibson é o protagonista do film “Donde acaba la memoria”, de Pablo Romero-Fresco que onte á noite estreouse nun pase realizado no Centro Cultural Municipal.


Despois do coloquio celebrado hoxe, Ian Gibson completou a colocación da estrela co seu nome que xa luce no Torreiro de Cans.

A Policía Local realizará cortes de tráfico de mañá e tarde nas rúas afectadas polo paso da Volta Ciclista a España

A Policía Local do Porriño anuncia que este sábado 4 de setembro, coa ocasión do paso da etapa da Volta Ciclista a España, realizará cortes de tráfico, en horarios de mañá e tarde, nas rúas afectadas polo paso da carreira.

Como consecuencia deste evento deportivo tamén haberá restricións de aparcadoiro nas rúas afectadas unha hora antes do paso dos ciclistas.

A folla de ruta desta etapa contempla dous pasos polo Porriño. O primeiro será ao redor das 14 horas. A caravana entrará no Porriño pola avenida de Galicia, seguirá pola rúa Domingo Bueno ata o cruzamento coa estrada de Torneiros e logo continuará pola estrada provincial EP-2402 de Torneiros a Mosende.

O segundo paso por Porriño será arredor das 17 horas. Os ciclistas entrarán no termo municipal, procedentes de Gondomar, a través de Chenlo.

Continuarán cara á Abelenda pola estrada PO-331 ata o Cristo de Belén para seguir cara a Mos.

 

A Escola Municipal de Música abre o prazo para formalizar a matrícula para o curso 2021/22


Dende o martes 14 ata o venres 17 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16 a 21 horas, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.

 

Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición correspondente no mes de xullo poderá matricularse a partir das 17 horas do venres 17 de setembro.

As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito están expostas nas portas do Centro Cultural e da Escola Municipal de Música.
Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 18.30 horas do venres 17 de setembro ou a partir do día 22 de setembro de 16.30 a 18.30 horas, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

Máis información nesta ligazón 

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo para formalizar a matrícula do curso 2021/2022

A alcaldesa desexou “moita sorte e éxitos” ao fútbolista porriñés Gabriel Freiría que vai xogar na Serie B do fútbol sala italiano

A alcaldesa recibiu hoxe no seu despacho a Gabriel Freiría, fútbolista porriñés de 23 anos que se vai incorporar á disciplina do Júnior Domitia, equipo da Serie B do “Calcio a 5” (fútbol sala) con sede en Castel Volturno, na rexión italiana da Campania.

O caso de Gabriel é o primeiro dun xogador local, formado nas categorías inferiores do Porriño Industrial que é fichado por un club italiano de fútbol sala.

Gabriel comezou no fútbol once pero en 2016 o equipo “Talleres ABC” de Coruxo de fútbol sala  ofreceulle fichar con eles e aí arrancou a súa andaina nesa modalidade. Xogou coa selección de Galicia na categoría xuvenil. Nas dúas últimas tempadas, Gabriel Freiría xogou no Leis de Pontevedra.

Eva García desexoulle “moita sorte e éxitos” na súa estrea no país italiano e entregoulle como agasallo un libro sobre o arquitecto porriñés Antonio Palacios “para que te lembres da túa vila”, manifestou a alcaldesa.

O concelleiro de Deportes agarda que “nos vindeiros anos a Xunta tamén aposte por Porriño para unha etapa da Volta Ciclista a España”.

O equipo feminino porriñés “Cocinas LaSal Louriña Cycling Team”, que ten o Concello como principal patrocinador institucional, iniciou hoxe a súa participación na Volta Ciclista a Portugal, proba incluída no calendario internacional da “UCI World Tour”. Uxía Fernández, María Toba, María Coya, Cristina Torres e Marta Barbeito forman o conxunto porriñés que  participará na volta portuguesa ata o domingo 5.

A invitación ao equipo porriñés “constitúe un motivo de ledicia e satisfacción para o Concello e un resultado máis da aposta pola promoción do deporte, nomeadamente do ciclismo, que desenvolveron os sucesivos gobernos municipais nos últimos anos”, declarou David Alonso, concelleiro de Deportes.

O edil engadiu que “a nosa liña é seguir con esa política de apoio e coido que vai sendo hora de que a Xunta de Galicia valore tamén apostar por unha etapa da Volta Ciclista a España no Porriño que merecemos por promoción e inversión no deporte do ciclismo”, manifestou Alonso Bargiela.

Falta texto

A alcaldesa manifesta “a satisfacción do Concello” polos compromisos da Xunta para os arranxos no IES Pino Manso e no CEIP Fernández López

A alcaldesa Eva García manifestou “a satisfacción do Concello polos compromisos adquiridos pola Consellería de Educación” para arranxar centros de ensino do municipio,  que “agardo que sexa un sinal dun cambio de actitude da Xunta de Galicia cara ao Porriño e que esa atención ás nosas necesidades non remate aquí”, declarou hoxe a rexedora.

García de la Torre valorou hoxe como “moi necesaria” a obra de mellora da eficiencia enerxética do Instituto de Ensino Secundario “Pino Manso” que presentou onte o conselleiro Roman Rodríguez cun investimento de máis dun millón e medio de euros.

A alcaldesa subliñou tamén o compromiso acadado con César Pérez Ares, o xefe territorial de Educación que acompañou o conselleiro, para “acometer no Colexio Fernández López a retirada da actual cuberta de uralita que ten amianto e a súa substitución por materiais máis modernos e non nocivos”. Nesta obra o Concello “vai colaborar coa remodelación dos teitos da parte das aulas de educación infantil, de acordo co proxecto que a Consellería realizou e que nos enviará nos vindeiros días para establecer a nosa colaboración orzamentaria”, rematou Eva García.