Ven saborear a tradición na V Feira do Pan do Porriño!

Amasado, formado, roxado, repousado…Poucas cousas son tan do Porriño como o seu pan. Por iso, a vila do Louro convertirase de novo capital galega do pan este sábado, coa celebración da Feira do Pan do Porriño que volve con xantar, música, obradoiros e, sobre todo, a tradición e os produtos das súas panaderías artesanais.

A quinta edición deste evento gastronómico, organizada pola Asociación de Panadeiros do Porriño e o Concello do Porriño, foi presentada hoxe no salón de plenos da casa consistorial. Asistiron ao acto de presentación o alcalde, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Comercio e Cultura, Antía Carrera e Bienvenido Estévez, o presidente da Asociación de Panadeiros do Porriño, José Manuel Fernández Grova, representantes das oito panaderías participantes (Amaquía, Argibay, Chinchina, Erundina, Los Milagros, O Forno de Mosende, Progreso e Torneiros), representantes de EFA A Cancela, Fátima Estévez (profesora) e María del Carmen Gil (presidenta), así como das entidades e empresas colaboradoras.

Tamén estivo presente o escritor local, Diego Giráldez, que tal e como se anunciou hoxe será o encargado de inaugurar a V Feira do Pan do Porriño coa lectura do pregón no seu barrio natal, San Bieito, que un ano máis acollerá o evento.

A apertura da Feira será ás 10 h cando o son das gaitas anime as rúas para dar paso á inauguración oficial co pregón, ás 11 h.

Ás 11:30 h celebrarase o tradicional Show Cooking con Pan do Porriño a cargo de EFA A Cancela, que este ano chegará con sorpresas cun pequeno guiño contra a guerra, e de seguido a degustación de pinchos a cargo de Segredos Gastro Bar.

Xa pola tarde serán os nenos e nenas os que se poñan coas mans na masa para aprender a facer o seu pan no obradoiro Mini Pan (17:30 h). Ás 19 h charla coloquio sobre historias do Pan do Porriño con Quico Paz Antón e Panadeiros do Porriño, seguida dunha desgustación de embutidos e queixos do país a cargo de Embutidos Distapor e o concerto de Argonat Band.

Unha das novidades deste ano será o fin de festa, cos concertos de KAF (20:45h) e Tony Lomba (21:45h).

Cabe destacar que este ano, en lugar dos postos por panadería, habilitarase un só stand de todos os panadeiros do Porriño onde poderemos adquirir os seus produtos.

Sumámonos ao apagón deste domingo polo Día Mundial do Medio Medio

O Concello do Porriño, a través da concellería de Medio Ambiente que dirixe Antía Carrera, súmase este domingo ao apagón ambiental promovido polo proxecto “People & Planet”.

Baixo o lema “Unha soa Terra” ( #OnlyOnePlanet), o municipio apagará o alumeado da Casa Consistorial e do Templete de San Luis dende as 23h para participar nesta acción reivindicativa xunto a outras 20 localidades galegas que respaldaron a iniciativa.

O proxecto “People & Planet: un destino común” ten como obxectivo concienciar ás mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos municipios na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global.

Noites de cine nas rúas do Porriño

O verán está á volta da esquina e o Porriño quenta motores para vivilo a tope. Esta fin de semana, a Arquitecto Antonio Palacios converterase nunha gran sala de cine ao aire libre cunha carteleira especialmente dirixida aos máis pequenos.

O sábado, ás 22 h, proxectarase Valentina, unha película infantil de animación dirixida por Chelo Loureiro . 

O domingo, tamén ás 22 h, será o turno de Bella y el circo mágico, un filme de animación infantil  de Atle Solberg Blakseth e Frank Mosvold.

Sinopse VALENTINA:

Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa – que lle ensina a xogar ao xadrez e un montón de cancións – anímaa sempre a perseverar: Si os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender; mírame a min, eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día! Pero Valentina non está moi convencida, pensa que un verme é demasiado noxento para converterse en bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a avoa? Cando se dispón a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa foise de viaxe. De viaxe? Sen se despedir?!

Sinopse BELLA Y EL CIRCO MÁGICO:

Ella Bella e Henry son os mellores amigos do mundo. Xuntos decidiron montar un espectáculo de circo na súa pequena cidade, onde Ella Bella asombrará a todos cos seus números de maxia e a axuda de Henry. Pero entón chega Johnny, un neno novo na veciñanza, con xoguetes caros e unha bicicleta espectacular, cegando a Henry.

O Porriño felicita ao Infantil Masculino do PBB pola súa clasificación para o Campionato de España

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo  concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quixo trasladar de maneira pública e institucional a noraboa ao equipo Infantil Masculino do PBB pola súa clasificación para o Campionato de España.

O equipo, corpo técnico e membros da directiva do clube porriñés foron recibidos no Concello, onde recibiron un agasallo en nome do seu pobo polo éxito deportivo.

O alcalde eloxiou a traxectoria deste equipo que se proclamou subcampión de Galicia na súa categorái dous anos seguidos. “O noso recoñecemento ao esforzo e dedicación dos xogadores, corpo técnico e directivo”, apuntou Lorenzo animándoos a seguir na mesma liña, “O tesón, o traballo e o compañeirismo do que faceles gala levaravos a alcanzar as metas que vos propoñades. Entre elas, estou seguro, a de pechar un bo resultado no campionato de España”. “O voso pobo está moi orgulloso de vós”, concluíu.

“Dende a concellería de Deportes estamos moi orgullosos da labor desempeñada polo Porriño Baloncesto Base, que ademais foi moi especial para nós porque organizamos no Porriño a fase que lles deu o subcampionato galego”, manifestou o concelleiro de deportes, “Desexamos que neste nacional o noso equipo chege o máis lonxe posible e, sobre todo, que os xogadores vivan esta experiencia con intensidade”.

Haile, Martiño, Mauro, Alberte, Daniel, Germán, Adrián, Mateo, Marco e Daniel, o equipo  dirixido por Rubén Vigo e Yannés Vigo trasladarase a Marín a disputar o nacional entre o 5 e o 11 de xuño.

As ANPAS xa poden inscribir ás súas comparsas no desfile de Porrigalia 2022

A concellería de Festexos do Concello do Porriño convoca o tradicional desfile de Porrigalia para a súa edición 2022, que este ano vai adicado ás nenas e nenos dos diversos centros educativos da vila. 

O desfile celebrarase o venres 1 de xullo e as ANPAS participantes poderán inscribir as súas comparsas ata o 15 de xuño, incluido. 

Optarán a premios pola súa participación que rexen as seguintes bases: 

BASES DESFILE PORRIGALIA 2022

Adxuntamos a FOLLA DE INSCRICIÓN para participar no desfile e o MODELO DE DECLARACIÓN RESPONSABLE

Rematadas as obras de saneamento que darán servizo a nove vivendas en Cans

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos edís Ramón Porto e José Carlos González, visitaron o lugar de Eidos do Medio, en Cans, para comprobar xunto aos veciños e veciñas da zona o resultado das obras de ampliación da rede de saneamento recentemente executadas. 

O obxectivo principal destes traballos, que contaron cun orzamento de 65.806 euros, foi dotar a nove vivendas de conexión ao saneamento municipal mediante a construción dunha rede de saneamento que recolle as augas residuais xeradas polas mesmas. 

“Dende o Concello, e en especial dende a concellería de Vías e Obras, estamos pendentes da evolución e do resultado final das actuacións que se acometen, e para iso é esencial escoitar tamén as valoracións e opinións dos veciños”, dixo o rexedor, “Traballamos para dar solución ás necesidades da veciñanza e iso require que traballemos da súa man, por e para eles”. 

Con ese obxectivo, o alcalde e os edís recolleron as peticións dos veciños/as analizaron novas vías de actuación na zona. 

A Copa de Galicia de Baloncesto Adaptado disputouse no Porriño

O pavillón municipal do Porriño acolleu onte a Copa Galicia de Baloncesto adaptado para a categoría XOGO da Federación Galega de Deporte Adaptado. Ao longo de toda a mañá disputáronse seis partidos nas instalacións do polideportivo municipal.

Foron catro os equipos que se xogaron o campionato: Aceesca, Aspavi, San Rafael e Juan XXIII. Estes últimos foron os que se fixeron co primeiro posto, seguidos dos locais.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, achegáronse ao pavillón a disfrutar desta mañá de deporte e foron os encargados de entregar os trofeos aos xogadores e xogadoras.

“O meu recoñecemento público a estes deportistas que saen á cancha a dalo todo e á vez, sen pretendelo, a darnos unha lección de superación e empuxe”, afirmou o alcalde, “Son verdadeiros campións e campioas todos eles”.

Cortes de tráfico polas obras de ampliación do centro de saúde

A Policía Local do Porriño procederá mañá ao corte das rúas Enrique Peinador e Tranvía, para poder proceder á execución dos traballos necesarios para a reestructuración da rede de saneamento no marco das obras de Ampliación e Reforma do Centro de Saúde do Porriño.

A tal fin, procederase ao corte de rúas en dúas quendas:

  • As rúas Enrique Peinador e Tranvía para realizar traballos na calzada desta última á altura do cruce coa rúa Dr. Paz Varela, entre os días 2 e 7 de xuño (ambos incluídos).
  • A rúa Dr. Paz Varela, desde o cruce con Fernández Areal ata o cruce con Tranvía, entre os días 8 e 17 de xuño (ambos incluídos).

Cabe destacar que estas obras son necesarias para avanzar nas obras de ampliación, cuxo inicio se viu retrasado unhas semanas ao detectarse tubaxe da rede de saneamento non contemplada na cesión asinada polo Concello no ano 2020. Deste xeito, as obras de ampliación comezarán no prazo contemplado.

 

Implántase no Porriño o ciclo de grao medio na modalidade dual

O Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia acolleu hoxe o acto de formalización dun convenio para a colaboración da Xunta de Galicia co Clúster do Granito no impulso das ensinanzas de Formación Profesional.  Ao acto acudiron Javier Blanco, presidente do Clúster, Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación FP e Universidades, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fdez- Tapias e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O primeiro dos froitos deste acordo será a oferta, por primeira vez en Galicia, do ciclo de grao medio de Pedra Natural, na modalidade Dual.

Tal e como explicou o alcalde, trátase dun “acordo moi beneficioso para O Porriño porque supón un novo impulso ás ensinanzas de formación profesional das que se beneficiarán tanto os alumnos e alumnas, como o IES e o tecido empresarial”. Esta modalidade educativa “forma de maneira integral a futuros profesionais e dignifica a súa instrucción ao combinarse co traballo remunerado”.

As ensinanzas comezarán a impartirse no curso 2022/23 no IES Ribeira do Louro, en Torneiros, e supón a implantación en Galicia dunha nova familia profesional, a de Industrias Extractivas, e a incorporación á oferta galega dun ciclo con pouca oferta en España.

Nace para dar resposta ás necesidades de formación de novos profesionais transmitida polo Cluster do Granito, o que vai supoñer unha oportunidade clara de emprego para as persoas que cursen este ciclo, e contará coa participación de empresas integradas nesta entidade. O número de alumnos concretarase a través dun convenio específico.

Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez subliñou a fortaleza que teñen as ensinanzas de FP en Galicia, que sobresaen “polo prestixio como unha alternativa educativa de calidade e con saídas profesionais de futuro” e pola “confianza” que cada vez máis empresas, como é o caso das firmas que integran o Cluster do Granito, depositan neste modelo “ao sumar esforzos para avanzar na innovación e na transferencia de coñecementos ao propio tecido empresarial”.  “A rede de FP -abondou o conselleiro- xera oportunidades para avanzar na cualificación e na especialización técnica, o que contribúe a reforzar e potenciar o desenvolvemento das propias empresas”.

Pola súa banda, o presidente do Clúster, Javier Blanco, destacou que “o capital humano formado, como se di hoxe en día, é unha das palancas chave imprescindibles para garantizar que este sector estratéxico de Galicia continúe crecendo, contribúa a fixar a poboación en zonas rurais, innove nos seus produtos e procesos, e xenere empleo a medio e largo prazo”. Este convenio é “un logro moi importante para as empresas graniteiras e os seus traballadores”, concluíu, “O compromiso do sector demostrase coa participación de 10 empresas neste primeiro programa”.

Colaboración en formación e acreditación

O acordo marco asinado hoxe ten como finalidade principal favorecer a participación das case medio cento de empresas que conforman o cluster nas diferentes ensinanzas de FP, así como dos seus traballadores no proceso de acreditación de competencias.

En concreto, comprométese a colaboración das compañías integrantes do cluster no programa de Formación en Centros de Traballo do alumnado, en proxectos de FP Dual, na capacitación do profesorado e na cesión de equipamento ou instalacións.

No referido á actualización de coñecementos, o Cluster do Granito poderá colaborar na actualización e orientación do profesorado dos ciclos formativos. Pola súa banda, a Consellería fomentará a obtención de titulacións de Formación Profesional e certificados de profesionalidade por parte dos traballadores das empresas dentro do proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias obtidas pola experiencia profesional.

A maiores, o acordo inclúe a colaboración das empresas no desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito dos centros de FP e o apoio mutuo centro-empresas, especialmente entre as pequenas e medianas empresas e os centros educativos que impartan estas ensinanzas.

Esta cooperación enmárcase na Estratexia FP Galicia 2030, que ten entre os seus eixes de actuación manter unha relación permanente cos sectores produtivos para detectar as necesidades e axustar a oferta formativa en cada momento.

Aberta a inscrición para os Campamentos de Verán

Dende hoxe e ata o 13 de xuño permanecerá aberto o prazo de inscripción nos campamentos organizados polo Concello do Porriño para favorecer a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares.

A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, impulsa este Campamento de Verán  dirixido aos rapaces erapazas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos cumpridos como medida non só de conciliación senón tamén de inclusión.

A actividade desenvolverase  dende o 4 de xullo ao 12 de agosto de 9 a 14 h en instalacións municipais.

As persoas interesadas poderán apuntarse cubrindo a folla de inscrición que se atopa no CIM (terceiro andar do Concello do Porriño) e colgada na páxina web. Pode presentarse presencialmente ou rexistrarse por sede electrónica.

Haberá  3 quendas, unha por quincena,  cun número de prazas limitado de 40 cada unha. As prazas cubriranse por orde de inscrición agás no caso de que o número de solicitudes sexa maior que o das prazas ofertadas, en cuxo caso se valorará segundo baremo que se subirá á páxina web do Concello.

LISTADO DE ADMITIDOS E RESERVA NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN