As Súas Maxestades de Oriente chegan con antelación a Porriño. Así, ademais da tradicional cabalgata na véspera do día de Reis polas rúas da vila, Melchor, Gaspar e Baltasar farán esta tarde un percorrido por tódalas parroquias, iniciándose ás 16.00 horas en Budiño e rematando ás 20.00 horas en Torneiros.
A xornada máis esperada será mañá venres, 5 de xaneiro. O desfile dará comezo ás 17.30 horas dende a rúa Doantes de Sangue. A comitiva irá encabezada pola Rondalla Santa Eulalia de Atios, á que seguirán un total de seis carrozas nas que irán os Reis Magos, acompañados dun gran séquito formado polos seus paxes e personaxes de animación infantil, tamén estará o tren de Nadal e pechará a Rondalla de Pontellas. O desfile percorrerá as rúa Antonio Palacios, para continuar por Domingo Bueno ata San Sebastián, e dende alí San Bieito, Manuel Rodríguez e Ramón González (zona peonil) para rematar no Parque do Cristo.
A recepción a todos os nenos farase no interior da Casa do Concello. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán na primeira planta, como estivera xa Papá Noel, onde recibirán á cativada para entregarlles caramelos e un pequeno detalle e escoitar os seus desexos para a noite máis máxica do ano.