A corporación local de Porriño decidirá sobre a cesión dunha parcela ao Centro Tecnolóxico do Automobil de Galicia para habilitar un aparcadoiro e servizos conforme a petición trasladada polo CTAG ao Concello. A proposta que vai a pleno é para ceder unha parcela de titularidade municipal de 5.377 metros cadrados no Polígono Industrial de A Granxa, conforme valorou a Comisión Municipal de Urbanismo nunha sesión celebrada na tarde do luns.

O pleno ordinario de febreiro vaise celebrar hoxe xoves, a partir das 18 horas, segundo acordou a Xunta de Voceiros Municipais, para evitar a coincidencia da sesión cos actos de remate do Entroido no Mércores de Cinza.

A orde do día contempla 17 asuntos. Entre eles tamén incluese para o seu debate, a solicitude á Consellería de Educación para que desafecte as cinco casas dos mestres no CEIP Antonio Palacios de Torneiros para a súa posterior conversión en vivendas sociais.

Por iniciativa da concelleira delegada Cami Moreira, levase ao pleno o Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Porriño para o cuatrienio 2020/2024.

No capítulo de mocións haberá ata tres relativas ao 8 de marzo e unha específica de EU Son sobre os traballos de desbroce e adecentamento que se realizan na parcela cedida polo Concello a “Aceesca” para o seu futuro centro de formación dual, no Polígono das Gándaras.