A cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Máster da Louriña” co apoio da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, presentouse este mediodía nas instalacións do CEIP “Fernández López” co alumnado como espectadores de luxo, o tempo de lecer.

A diferencia de anos anteriores, o club e o concelleiro de Deportes, David Alonso decidiron sacar o acto fora da casa consistorial e á vista da resposta dos rapaces e a súa implicación, “foi todo un acerto” segundo valorou David Alonso.


Xunto con Juanjo Alvarez Cerdeira e David Alonso, protagonizaron a presentación da proba Begoña Toucedo, concelleira de Deportes de Mos e Miguel Bouza, edil de Mocedade de Ponteareas.

A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre o sábado 29 de febreiro e o domingo 1 de marzo. A primeira etapa será unha contra reloxo individual de 8 kilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa será unha etapa en liña de 81 kilómetros, ó longo do concello de Mos. E a terceira e última etapa, “Gran Premio do Porriño” consistirá noutra etapa en liña, de preto de 78 kilómetros.
A Challenge Rias Baixas 2020 terá 192 participantes. Está reservada para corredores Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60, así como para Féminas Máster. Tamén hai unha categoría júnior para a que se reservaron 30 prazas.