Axentes da Policía Local encargáronse de vixiar o cumprimento da normativa autonómica nas visitas aos cemiterios da vila coa ocasión do Día de Todos os Santos


A mediodía, Lourdes Moure, concelleira de Seguridade comprobou o desenvolvemento do operativo acudindo a varios cemiterios, tanto no municipal como en diferentes parroquias. Segundo indicou a concelleira “o comportamento da veciñanza está sendo moi axeitado, evitando aglomeracións e colaborando cos protocolos”.


Deste xeito deuse cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limitaba a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo instaba aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas.

Paralelamente, outro departamento do goberno municipal, a Concellería de Limpeza que dirixe Sergio Casal despregou hoxe unha brigada de seis persoas que se encargaron de realizar desinfeccións periódicas nos accesos e zonas comúns dos distintos cemiterios ao longo do día.