A mellora do valado e peche perimetral e a ampliación da sinalización de perigo xa remataron conforme o acordo acadado polo Concello de Porriño e titulares das explotacións de Atios para bloquear o acceso de bañistas e curiosos ás canteiras.


Como pode comprobarse nas imaxes que adxuntamos, tamén adiantouse o portalón de acceso á zona.
Todas estas medidas foron acordadas o pasado 27 de xullo durante a reunión presidida pola alcaldesa Eva García á que asistiron representantes das firmas concesionarias en representación de “Pocasa” (“Porriñesa de Canteiras”) e do empresario Manuel Carrera Lorenzo, titular da canteira “Arcace nº 21” que era a canteira onde acudían máis bañistas e curiosos.

Todo este paquete de medidas “son para protexer a seguridade de todos” segundo valorou a alcaldesa que engadiu que “acceder ás canteiras e bañarse nelas supón un acto de manifesta irresponsabilidade que pon en perigo a integridade física de quen o fai e dos que lles acompañan”, rematou Eva García.