Así transmitiullo a alcaldesa, Eva García de la Torre, ao director do certame, Alfonso Pato, e a presidenta da Asociación Cultural Arela, organizadora do mesmo, Keka Iglesias, nunha xuntanza á que tamén asistiron as concelleiras de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, e Educación e Seguridade, Lourdes Moure.
García de la Torre subliñou o compromiso do Goberno local e de todas as veciñas e veciños do Porriño, “que fan un importante esforzo”, co festival e cos veciños de Cans e de aí que no orzamento para 2018, “que está pechado e que se levará a Pleno”, haxa unha partida orzamentaria nominativa para o festival.
O obxectivo, apunta a alcaldesa, é o de garantir un “aporte económico vital para o festival” de xeito que o mesmo poida seguir celebrándose cada ano con maior éxito e “siga a situar a O Porriño no mapa cultural dentro e fora de Galicia”.
Pola súa banda, Alfonso Pato amosouse “moi satisfeito pola nosa relación co Concello” e non só, comentou, polo seu apoio económico, senón polo “enorme esforzo de loxística” que ten que afrontar no caso dun festival que organizativamente é moi complicado e que pola súa “transversalidade”, require a intervención de distintas concellerías: a de Seguridade, Tráfico, Vías e Obras ou Educación, que contribúen a que o festival poida realizarse ano tras ano.