A selección galega absoluta masculina volverá enfrontarse a Arxentina, nesta ocasión no Pavillón Municipal do Porriño, este mércores, día 10 as 8 e media da tarde, con entrada libre.

Hai que lembrar que este luns Galicia empatou contra o combinado arxentino no Rosal (22-22), nun choque no que foi sempre por diante no marcador.

O combinado galego, dirixido por Quique Domínguez, ten moitas novidades con respecto ao equipo que xogou onte, xa que os xogadores do BM Cangas non poden acudir á cita cos galaicos. Desta forma, a selección está formada por un núcleo moi importante de deportistas do Teucro, mesturados con membros do Novás, BM Lalín, Academia Octavio e OAR, para facer así un conxunto de bo nivel.

Enfronte estará un gran equipo dirixido por Manuel Cadenas, que está a comezar a preparación do ciclo olímpico. O conxunto arxentino está de xira por España, onde participou no Memorial Domingo Bárcenas. Neste torneo venceu a Polonia (por vez primeira) e plantou cara a España. O terceiro partido contra Bielorrusia foi o máis frouxo, e rematou na terceira posición do torneo con dous puntos.

O pasado ano, Galicia tamén xogou no mes de xaneiro, nesta oportunidade contra Xapón e logrou ofrecer un magnífico espectáculo, vencendo nun partido aos asiáticos e empatando o segundo.