O Goberno Municipal do Porriño licitou a renovación total do parque móbil do Concello mediante o sistema de “renting” para garantir a seguridade dos vehículos e dos traballadores municipais empregando criterios de eficiencia enerxética e aforro do gasto público. A operación rematou esta semana coa firma dos contratos cunha vixencia de 4 anos.
O parque móbil do Concello ten unha media de 15 anos, pero hai vehículos que superan as dúas décadas de antigüidade. Especialmente o que atinxe os vehículos adscritos ó departamento de Vías e Obras que “teñen unha idade media de 25 anos cun evidente mal estado e obsolescencia”, segundo un dos informes técnicos recabados polo goberno municipal.


A necesidade de renovar o parque móbil era tal que o comité de seguridade e saude do persoal do Concello tiña denunciado que se atopan “nun estado de uso lamentable cun mantemento inexistente, con filtracións de gases e auga no interior dos habitáculos e cunha quilometraxe que nalgúns casos supera o medio millón de quilómetros” segundo denunciou a representación laboral nun comunicado que se adxunta.


Precisamente o goberno municipal cando prantexou a renovación do parque móbil do Concello consultou con todos os xefes de departamentos para consensuar as necesidades de servizo e canto persoal ía utilizar os vehículos.

Deste xeito determinouse un prego de condicións para renovar o parque móbil con 25 vehículos mediante concurso público que se iniciou con data 26 de marzo deste ano.
Na licitación estableceronse cinco lotes. Presentaronse un total de seis empresas, ningunha delas de Porriño. Eran da provincia de Pontevedra, doutras provincias galegas e tamén había firmas doutras comunidades autónomas.
Catro lotes foron gañados por “GrupiVazgle”, de Lugo e o restante pola firma “Rodosa”, de Vigo. A firma lucense é proveedora de vehículos en “renting” para concellos gobernados polo PP en Galicia e Asturias como O Vicedo e Arteixo ou cidades como Oviedo ou concellos gobernados polo PSOE como Lourenzá ou Xixón, ademáis de proveer a outras administracións públicas en Andalucía e Cataluña.
Conforme faculta a vixente Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público as empresas participantes podían realizar melloras. A razón social “GrupiVazgle” ofreceu melloras de calidade nos vehículos, de maior gama, mellor motorización, con quilómetros ilimitados, incluindo seguros, reparacións e vehículo de sustitución e cumprindo coa normativa “Euro 6” de eficiencia enerxética. Todos eses aspectos baremados decantaron no seu favor a decisión da mesa de contratación.