O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

A concelleira Lourdes Moure comprobou o desenvolvemento das obras de mellora de servizos municipais no lugar de Serra da Auga en Carracido

Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras visitou esta mañá o lugar de Serra da Auga, en Carracido, para supervisar o desenvolvemento das obras de mellora dos servizos municipais que se están a executar.

A concelleira, acompañada de Miguel Feijoo, oficial primeiro responsable de Vías, Obras e Servizos do Concello, e pola directora de obras, Rebeca Ferreiro, da firma “Ingenia”, comprobou a apertura de zanxas para a instalación de canalizacións de saneamento nun tramo de case 300 metros para dar servizo a ese núcleo. A obra rematará coa pavimentación do camiño.

Este proxecto execútase ao abeiro do Plan de Mellora da Viarios Públicos, que no seu primeiro ano conta cun orzamento de 729.478 euros de fondos propios.

Trátase de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais que se desenvolven nas parroquias do concello, a proposta da concelleira Lourdes Moure e que a corporación aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 28 de xullo, tras a súa negociación cos grupos municipais, nomeadamente co Partido Popular.

A concelleira de Vías e Obras e a interventora municipal comprobaron o grao de execución de 7 obras

A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, acompañada da interventora municipal, Elena Valcárce, verificaron o grao de execución de sete obras realizadas polo Concello do Porriño.
Estiveron acompañadas polo oficial primeiro responsable de Vías, Obras e Servizos do Concello, Miguel Feijoo, e pola directora de obras, Rebeca Ferreiro, da firma “Ingenia”.
 
A delegación visitou as obras de pavimentación da curva “Smurfit Kappa” no Polígono da Granxa, e o avance do saneamento na Portela do Souto, en Atios.
Tamén comprobaron o remate dos proxectos de saneamento e pavimentación de Madorras-Mosende, Carbón-Atios e Orbenlle-Budiño. Asimesmo os arranxos realizados no firme da en Fernández Areal, fronte ao edificio dos Xulgados e a reforma de beirarrúas en Ramiranes.
 
Dos devanditos proxectos, os executados en Carbón-Atios e as beirrarúas en Ramiranes dispuxeron de achegas da Deputación de Pontevedra a cargo do Plan Concellos.
As restantes xa rematadas ou en execución e as que xa están adxudicadas e comezarán no mes de xaneiro en Parada-Chenlo, A Ribeira-Torneiros e Casal-Budiño, financíanse polo Concello de Porriño con cargo aos 729.478 euros de fondos propios que constitúen a primeira anualidade do Plan de Mellora de Viarios Públicos.
Trátase de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio que a corporación aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 28 de xullo, tras as negociacións que mantivo a concelleira Lourdes Moure cos grupos municipais.

Visita ao cambio de alumeado público en Os Eidos-Atios

 

Santos Héctor, deputado delegado de Cooperación, visitou hoxe, en compañía de Lourdes Moure, concelleira delegada de Vías e Obras, as obras de reforma das instalacións de iluminación exterior dos Eidos-Atios.
Nun prazo de tres meses levouse a cabo a renovación de cincuenta luminarias de alumeado público, ao pé da estrada N-550, mediante sistemas sostibles para eliminar a pegada de carbono. A adxudicataria foi a empresa “Control y Montajes Industriales CYMI S.A. Cun orzamento de 89.447 euros, aportados pola Deputación de Pontevedra coa achega de fondos Feder da Unión Europea e xestionado polo IDAE co obxectivo de conseguir unha economía máis limpa e sostible.

 

 

 

 

 

Obra de cambio da beirarrúa na rúa Ramiranes


A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, comprobou o desenvolvemento das obras de cambio da beirarrúa da rúa Ramiranes, no último tramo da citada vía, ata o límite co concello de Mos.

A obra busca dar continuidade á reforma da beirarrúa que se levou a cabo hai anos na rúa Ramiranes, unificando ancho e materiais, para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade dos peóns, segundo explicou o concelleiro Moure Varela.

Estas obras teñen un orzamento de 25.667 euros que se financian con cargo a unha das partidas remanentes do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Xa están en execución tres das doce actuacións previstas no Plan de Mellora de Viarios Públicos

A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, xunto co enxeñeiro municipal e técnicos das empresas adxudicatarias, inspeccionaron a posta en marcha de tres das obras incluídas no Plan de Mellora de Viarios Públicos. Trátase dunha ducia de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio.

Os primeiros traballos xa se están a realizar en Madorras-Mosende, na Pontenova-Atios e na chamada curva de “Smurfit” en Os Eidos, no polígono industrial.

Ademais das tres mencionadas, esta primeira fase do Plan de mellora de Viarios Públicos inclúe actuacións de saneamento e asfaltado na Serra da Auga-Carracido; en Casal-Budiño; pavimentación en Parada-Chenlo e acondicionamento de acceso desde a estrada PO-331 ata a curva de Lonza, en Torneiros.

Así mesmo, programouse o asfaltado en Portela do Souto-Atios; A Ribeira-Torneiros; A Pereira-Torneiros; Orbenlle-Budiño e na rúa Fernández Areal, no centro de Porriño.

O importe total destas doce actuacións é de 729.478 euros, partida que foi aprobada por unanimidade pola corporación no pleno ordinario do 28 de xullo, despois das negociacións que Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras mantivo cos grupos municipais.

Unha empresa doa un gran motor para instalar nunha rotonda do PPI 5

A empresa “RS Motor Power Solutions”, situada no polígono PPI 5, informou á alcaldesa Eva García de que doarán un gran motor para instalalo na rotonda situada fronte ás instalacións da compañía na Granxa. 

A alcaldesa, acompañada por Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras, e José Antonio Olmedo, xefe de persoal, visitaron o almacén de “RS Motor” onde foron recibidos por Ramón Gómez Rúa e Agustín Alonso, socios propietarios, xunto con Celia Villar, xefe de administración e Analía Martínez, community manager da firma.
A alcaldesa agradeceu no nome do Concello a doazón que fará a empresa. A comitiva comprobou no lugar o punto onde se instalará, na rotonda onde conflúen tres estradas.
O motor, un “Deutz” de 10 toneladas que foi retirado dunha depuradora, será restaurado pola propia empresa para a súa posterior instalación na rotonda, en colaboración cos servizos técnicos municipais.

Completase a limpeza exterior do Concello


Os traballadores da empresa “Naturgalia” retirarán o valado exterior e a maquinaria que rodea o edificio do Concello, unha vez rematada la limpeza das fachadas. Durante os últimos días, realizouse unha hidrolimpeza e aplicouse unha imprimación para evitar novas humidades, co fin de preservar o edificio, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios.


Non obstante, continúan os traballos de reparación do tellado dunha das torres, nas fiestras e continuarán no interior, na zona que ocupa o departamento de Servizos Sociais, para solucionar graves problemas de humidade e filtracións que se producen coas choivas.


Esta actuación, promovida pola concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, está financiada co remanentes do Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra. O importe das obras ascende a 31.000 euros.

 

 

 

Acceso provisional ao Concello a través da rúa Antonio Palacios

Como consecuencia das obras de hidro-limpeza nas fachadas da casa consistorial, dende hoxe e ata o venres 17 permanece pechado o acceso principal ao Concello. Así, o acceso ao Concello faise pola entrada lateral da rúa Antonio Palacios.

Os traballos de limpeza do edificio municipal, a cargo da empresa Naturgalia, encargados polo departamento de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure, retomáronse esta semana.

Segundo a previsión da compañía, a tarefa de limpeza concluirá esta semana e eliminarase o valado de seguridade. Nas semanas seguintes continuarán cos traballos de reparación do tellado do edificio.

A concelleira de Vías e Obras inspecciona a execución de traballos no Polígono da Granxa e no lugar de Carreira, en Cans

 

Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras inspeccionou este mediodía a execución de diversos traballos de arranxo de beirarrúas no Polígono Industrial de A Granxa que está a realizar o departamento que dirixe con medios propios e persoal contratado coa colaboración do Plan Concellos da Deputación.
Os traballos de arranxo desenvólvense en dous tramos da Avenida Principal do Polígono atendendo ao compromiso acadado pola concelleira Moure Varela coa asociación empresarial “Entidade Urbanística de Conservación A Granxa”. Despois de levantar as beirarrúas en mal estado, aplícase unha capa de formigón co resultado que se pode apreciar en algunha das imaxes.

Por outra banda, a concelleira de Vías e Obras tamén comprobou o desenvolvemento dos traballos para levantar un muro de contención de 47 metros de perímetro no lugar de Carreira, en Cans que se está a executar polo seu departamento. “Trátase de resolver o perigo que existía para o acceso ás vivendas pola caída dunha parede, atendendo a unha petición da veciñanza”, manifestou Lourdes Moure.