O Concello e veciños convocan unha concentración para demandar o proxecto pendente para a travesía de A Vaquería

 

O goberno municipal de Porriño e a veciñanza de A Vaqueria acordaron convocar unha concentración de protesta para demandar á Xunta de Galicia o proxecto pendente de reforma da travesía da estrada PO-510 ao seu paso por este barrio de Budiño.

O acordo de pasar ás mobilizacións adoptouse polo primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira cos veciños despois dunha reunión mantida hai poucos días e de solicitar por varias veces e sen resultado, unha entrevista ao director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ese departamento comprometeuse hai meses a redactar o proxecto da Variante de A Vaquería. Este proxecto ten unha indubidable importancia tanto para a mellora da seguridade viaria nese tramo como tamén pola súa influencia na trama viaria do Porriño en relación co tráfico cara a outros concellos limítrofes e coa Autovía A-55.

O Concello ven de solicitar autorización á Subdelegación do Goberno para celebrar a concentración que terá lugar o xoves 12, a mediodía.

 

O Concello celebrará esta tarde tres comisións municipais telemáticas


O Concello do Porriño celebrará esta tarde tres comisións municipais informativas como preparación para o próximo pleno ordinario corporativo que terá lugar o mércores 28.
As tres comisións que se desenvolverán a partir das 19:00 horas serán telemáticas, a través da sede electrónica.
A primeira comisión será a de Economía e Facenda, que abordará a modificación do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).
Seguiralle a comisión de Urbanismo e Medio Ambiente que informará sobre a aprobación definitiva da nova ordenanza que regula as terrazas, entre outros asuntos. Tamén tratará da actualización da ordenanza medioambiental reguladora de ruidos.
A última comisión da tarde será a de Servizos Sociais e Igualdade, que tratará a proposta dun manifesto e concentración institucional que se celebrará o 25 de novembro para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

Concello e COGAMI debaten sobre a creación dunha comisión municipal de accesibilidade

Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade valoraron a creación dunha Comisión Municipal de Accesibilidade.  Sería un órgano participado polos grupos políticos da corporación e COGAMI.  Foi un dos asuntos tratados, na reunión celebrada hoxe no Concello, presidida pola alcaldesa Eva García, coa asistencia do concelleiro de Asuntos Sociais, David Alonso, así como de Anxo Queiruga, presidente de COGAMI que asistiu acompañado de Celso Álvarez e Isra Mercader.

COGAMI solicitou ao Concello unha posible subvención nominativa, a cambio da súa participación en cursos de formación e inserción laboral e de contar co asesoramento da Confederación de Persoas con Discapacidade en obras públicas e proxectos de mobilidade co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas.

A subvención a COGAMI a cambio destas consideracións incluiríase no orzamento municipal para 2021, que está actualmente en preparación.

Acordo entre a Concellería de Vías e Obras e a AAVV Costeira-Mosende para mellora do local social

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras chegou a un acordo coa Asociación de Veciños de Costeira-Mosende para axudarlles a realizar unhas obras de mellora no local social desa entidade.
Segundo acordou Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras con Jaime Domínguez, presidente da devandita asociación nunha recente reunión, o Concello non pode realizar de xeito directo esa obra xa que non é titular do local social polo que realizará unha achega á AAVV.
O departamento de Vías e Obras do Concello achegará material de obra valorado en 7.000 € e ademais prestará apoio coa maquinaria que poidan solicitar para a execución.

Xuntanza informativa cos veciños de Liboreira (Covelo-Atios) para acometida do saneamento


A Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure mantivo unha xuntanza informativa con veciños do lugar de Liboreira-Covelo-Atios coa ocasión da acometida á rede de saneamento nun tramo no que hai preto de vinte vivendas.


A concelleira explicoulles a ordenanza municipal aprobada no pasado mes de setembro que establece a obriga de conectarse e que poden afrontar o custe nun pago único ou de xeito aprazado.
Aínda que asistiron a meirande parte dos veciños afectados, os que non acudiron deberán poñerse en contacto coa Concellería de Vías e Obras para cumprimentar unha solicitude aportando a referencia catastral da súa propiedade e indicando a forma de pago que elixen.

O Concello reparará por vía de urxencia e de xeito coordinado co Ministerio, o valado e sinalización da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras

 

O Concello do Porriño acometerá o arranxo do valado e mellora da sinalización horizontal e vertical no cruce da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras onde sucederon varios accidentes de tráfico con vehículos que caeron sobre a vía ferroviaria.

Os concelleiros Pedro Pereira e Sergio Casal reuníronse sobre o térreno con técnicos da Demarcación de Estradas do Ministerio de Transportes para solucionar o problema de seguridade viaria que se produce nese punto.

O firme está moi deteriorado así como a sinalización. Os traballos se levarán a cabo de xeito coordinado coa Demarcación de Estradas do Estado que ten as competencias sobre a Autovía A-55 que linda con esa ponte.

O Concello encargará unha asistencia técnica para elaborar o proxecto de mellora que se tramitará por procedemento de urxencia.

Inclúese unha comunidade de augas máis no reparto de subvencións do Concello

Finalmente son dez as comunidades de augas de consumo que acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

Sumouse a comunidade de Chan-Casal-Orbenlle ás nove comunidades de augas beneficiadas das que informamos a finais de xullo e que son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

A comunidade de Chan-Casal-Orbenlle quedou fora por un erro burocrático e atendeuse a reclamación que formulou. Concédenselle 7.813 € de subvención para financiar o 80% do proxecto presentado.

Deste xeito, finalmente, suman un total 59.976 euros as achegas municipais que se repartirán entre as dez comunidades solicitantes, conforme resolución final e definitiva da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

As achegas maiores corresponden a Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros. 

As restantes recibirán: Chan-Casal-Orbenlle, 7.813 €; Atios, 7.647; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Executada a mellora de camiños rurais municipais en tres lugares da parroquia de Chenlo

Remataron as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas nos lugares de Ladeira, As Cales e Vilar, na parroquia de Chenlo, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.

Estas obras consistiron na mellora do firme e da drenaxe. Realizáronse cunetas novas para a recollida de augas pluviais e os camiños pavimentáronse con aglomerado quente de 5 cms de espesura.

Pereira manifestou que “estes camiños atopábanse en moi mal estado e a súa reparación propúxose pola concellería de Infraestruturas para acollerse a estas subvencións da AGADER”.

A actuación tiña un orzamento de 49.000 € e o Concello do Porriño recibiu unha subvención da AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), outorgada e confirmada o pasado mes de agosto.

Fomento amosa disposición favorable a ceder ao Concello o tramo da N-120 entre Cans e O Confurco


O Concello do Porriño trasladou hoxe ao Goberno Central a petición de que o tramo da estrada Nacional 120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.


Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.


Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.

O luns 7 comezan as obras de pavimentación de diversos viais en Torneiros

 

O vindeiro luns 7 comezarán as obras de pavimentación de diversos viais no polígono residencial de Torneiros, proxecto que acomete o Concello do Porriño para a mellora das comunicacións nesta parroquia.

O orzamento da obra é aproximadamente de 90.000 e a súa execución licitouse en data recente pola administración municipal. Os viais que serán pavimentados son da fase II, da fase IV, V e o vial principal da fase III, segundo recolle o proxecto.

Desde a Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, solicitase á veciñanza súa colaboración. Tendo en conta que as obras arrincarán o luns de mañá, fai se un chamamento aos usuarios destes viais, tanto residentes como tráfico de paso, para que non aparquen nas zonas valadas para así facilitar a execución das obras. A previsión é que os traballos de pavimentación sigan tamén o martes 8.

Segundo explicou Pedro Pereira “a motivación de realizar estas obras é os viais de accesos ao polígono están moi deteriorados”. O concelleiro de Infraestruturas citou, a título de exemplo, “o estado no que se atopa o vial da fase II, no acceso ao colexio Antonio Palacios”. Pereira Fernández apuntou que “aproveitaremos, unha vez rematado o asfaltado, para reordenar os aparcamentos nas inmediacións do colexio”.