Unha campaña de promoción do produto local escolle a José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e o Pan do Porriño, como reclamo de calidade

 

A campaña “Parte de ti”, promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural do que forma parte o Concello do Porriño, pon en valor o produto local, baseado nas historias persoais de alguén, como José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende”, que elabora o noso pan porriñés de xeito tradicional.

A historia deste emprendedor é unha das que se relatan nos vídeos que sustentan esta campaña de valorización do produto local e rural que presentouse nun acto celebrado no Mercado de Tomiño, coa asistencia de David Alonso, concelleiro de Turismo e Emprego, en representación do Porriño, e do propio José Manuel Fernández.

Sandra Gónzalez, alcaldesa de Tomiño e anfitriona da presentación subliñou que “a campaña ‘Parte de ti’ é froito do traballo e implicación de moitas desas persoas anónimas que temos no rural”.

Deixamos ligazón coa páxina web da campaña para visionar o vídeo adicado ao Pan do Porriño e José Manuel Fernández

https://partedeti.eurural.org/historias/jose-manuel-fernandez/

 

O Concello reparará por vía de urxencia e de xeito coordinado co Ministerio, o valado e sinalización da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras

 

O Concello do Porriño acometerá o arranxo do valado e mellora da sinalización horizontal e vertical no cruce da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras onde sucederon varios accidentes de tráfico con vehículos que caeron sobre a vía ferroviaria.

Os concelleiros Pedro Pereira e Sergio Casal reuníronse sobre o térreno con técnicos da Demarcación de Estradas do Ministerio de Transportes para solucionar o problema de seguridade viaria que se produce nese punto.

O firme está moi deteriorado así como a sinalización. Os traballos se levarán a cabo de xeito coordinado coa Demarcación de Estradas do Estado que ten as competencias sobre a Autovía A-55 que linda con esa ponte.

O Concello encargará unha asistencia técnica para elaborar o proxecto de mellora que se tramitará por procedemento de urxencia.

Inclúese unha comunidade de augas máis no reparto de subvencións do Concello

Finalmente son dez as comunidades de augas de consumo que acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

Sumouse a comunidade de Chan-Casal-Orbenlle ás nove comunidades de augas beneficiadas das que informamos a finais de xullo e que son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

A comunidade de Chan-Casal-Orbenlle quedou fora por un erro burocrático e atendeuse a reclamación que formulou. Concédenselle 7.813 € de subvención para financiar o 80% do proxecto presentado.

Deste xeito, finalmente, suman un total 59.976 euros as achegas municipais que se repartirán entre as dez comunidades solicitantes, conforme resolución final e definitiva da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

As achegas maiores corresponden a Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros. 

As restantes recibirán: Chan-Casal-Orbenlle, 7.813 €; Atios, 7.647; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Executada a mellora de camiños rurais municipais en tres lugares da parroquia de Chenlo

Remataron as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas nos lugares de Ladeira, As Cales e Vilar, na parroquia de Chenlo, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.

Estas obras consistiron na mellora do firme e da drenaxe. Realizáronse cunetas novas para a recollida de augas pluviais e os camiños pavimentáronse con aglomerado quente de 5 cms de espesura.

Pereira manifestou que “estes camiños atopábanse en moi mal estado e a súa reparación propúxose pola concellería de Infraestruturas para acollerse a estas subvencións da AGADER”.

A actuación tiña un orzamento de 49.000 € e o Concello do Porriño recibiu unha subvención da AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), outorgada e confirmada o pasado mes de agosto.

Fomento amosa disposición favorable a ceder ao Concello o tramo da N-120 entre Cans e O Confurco


O Concello do Porriño trasladou hoxe ao Goberno Central a petición de que o tramo da estrada Nacional 120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.


Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.


Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.

Presentada a XXIII edición de “Merca na rúa”

Sergio Casal, conselleiro de Comercio e Juana Pérez, presidenta da asociación de comerciantes “Acipor” presentaron a XXIII edición da feira de oportunidades “Merca na rúa” que terá o vindeiro fin de semana.
26 stands (seis deles dobres) reunirán na rúa peonil, a diversa oferta de productos que propón esta nova edición de “Merca na rúa” que “será diferente coa ocasión dos protocolos anti-Covid que debemos observar”, manifestou a presidenta da asociación organizadora.
“Este ano os postos de venda esarçan máis distanciados entre sí para observar os protocolos de seguridade e garantir a de todos os que desexen asistir”, manifestou o concelleiro Casal.

Nos viais de Torneiros que se pavimentaran PROHIBICIÓN DE ESTACIONAR E CIRCULAR DENDE AS CERO HORAS DO LUNS 7 E TODO O MARTES 8


A Policía Local sinalizou e vixiará o cumprimento da prohibición de estacionar e circular polos viais do polígono de vivendas de Torneiros que van ser pavimentados.
A prohibición entra en vigor desde as cero horas do luns 7 e estará vixente tamén todo o martes 8.

Estas restriccións producense co obxecto do asfaltado dos viais de acceso aos polígonos de vivendas números II, IV e V asi como no vial principal de acceso ao Multiusos de Torneiros.

O Concello do Porriño acomete estes traballos para a mellora das comunicacións nesta parroquia, cun orzamento de aproximadamente 90.000 €.

Dende a Concellería de Infraestructuras que dirixe Pedro Pereira solicitase á veciñanza a súa colaboración.

O luns 7 comezan as obras de pavimentación de diversos viais en Torneiros

 

O vindeiro luns 7 comezarán as obras de pavimentación de diversos viais no polígono residencial de Torneiros, proxecto que acomete o Concello do Porriño para a mellora das comunicacións nesta parroquia.

O orzamento da obra é aproximadamente de 90.000 e a súa execución licitouse en data recente pola administración municipal. Os viais que serán pavimentados son da fase II, da fase IV, V e o vial principal da fase III, segundo recolle o proxecto.

Desde a Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, solicitase á veciñanza súa colaboración. Tendo en conta que as obras arrincarán o luns de mañá, fai se un chamamento aos usuarios destes viais, tanto residentes como tráfico de paso, para que non aparquen nas zonas valadas para así facilitar a execución das obras. A previsión é que os traballos de pavimentación sigan tamén o martes 8.

Segundo explicou Pedro Pereira “a motivación de realizar estas obras é os viais de accesos ao polígono están moi deteriorados”. O concelleiro de Infraestruturas citou, a título de exemplo, “o estado no que se atopa o vial da fase II, no acceso ao colexio Antonio Palacios”. Pereira Fernández apuntou que “aproveitaremos, unha vez rematado o asfaltado, para reordenar os aparcamentos nas inmediacións do colexio”.

O goberno municipal acada respaldo do pleno para iniciar a contratación do servizo de recollida do lixo e xestión do Punto Limpo


O goberno municipal do Porriño acadou o respaldo da maioría da corporación para iniciar o expediente de contratación do servizo de recollida e transporte do lixo. O novo contrato que comeza a prepararse contempla tamén que o futuro adxudicatario se faga cargo doutros residuos domésticos e asimilables así como da xestión do ”Punto Limpo” do concello.

O acordo acadouse con cinco votos a favor (os catro concelleiros do PSOE, e Manuel Carrera da UDDL), o voto en contra de Blanca Francés, de EU SON e as abstencións do BNG e do PP. Previamente desestimouse unha enmenda do PP que pretendía deixar o asunto enriba da mesa.

No transcurso deste pleno ordinario de agosto, acordouse por unanimidade respaldar unha moción de EU SON en apoio do comercio de proximidade mediante unha campaña de cheques regalo e outras iniciativas para dinamizar o pequeno comercio. Tamén por unanimidade toda a corporación porriñesa acordou aprobar definitivamente a ordenanza reguladora do uso da lingua galega desestimando as alegacións presentadas ao anterior acordo.

Concello e Deputación comprobaron as obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue

A alcaldesa, Eva García e o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira comprobaron hoxe, xunto cos deputados provinciais, Carlos López Font e Santos Héctor o desarrollo das obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue. A actuación tradúcese nunha ampliación de beirarrúas, mellora da seguridade vial mediante resaltos para o calmado do tráfico e pasos peonís nos accesos tanto aos centros docentes alí existentes como tamén ás instalacións do Polideportivo Municipal e outros edificios oficiais e privados.

Para o orzamento da obra, que chega ao medio millón de euros, a Deputación Provincial aportou a través do Plan “Depo-Remse” o 85% do mesmo e o Concello o 15% restante. As obras que están a executarse pola empresa “COVSA”.  

“Esta actuación no Porriño é exemplar para que as persoas recuperen e ocupen os espazos públicos que antes utilizaban os vehículos”, manifestou Carlos López Font. “Neste caso concreto estamos nun entorno que definiría coma paradigmático pois temos un instituto, un colexio, polideportivo municipal, edificios oficiais como a Tesoreria da Seguridade Social, Centro de Saúde o so Xulgados, que moven xente de todas as idades que se beneficiarán deste cambio radical por unha mobilidade tranformadora e segura”, engadiu o deputado responsable de Infraestructuras.

Pola súa banda, Eva García ponderou “o traballo realizado” polo concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira “pola súa capacidade para buscar e axeitar solucións constructivas conforme avanzaba a obra”, manifestou a alcaldesa.   

Para Eva García “esta obra é un primeiro paso para evidenciar que o concepto de cidade que compartimos neste goberno de coalición vaise facendo realidade para transformar O Porriño e agardo que sexa coa plena colaboración da Deputación Provincial coma acontece dende hai 5 anos”.