O Concello do Porriño anuncia o comezo das visitas guiadas teatralizadas pola obra e vida de Antonio Palacios coa ocasión do 75 aniversario do falecemento do excepcional arquitecto porriñés.
Levaranse a cabo unha serie de 10 visitas guiadas teatralizadas, percorrendo as obras realizadas polo arquitecto Palacios no casco urbano da súa vila natal. As visitas partirán do Templete de San Luis e incluirán a casa do Concello a Fonte do Cristo e a Botica Nova. Terán unha duración de 50 minutos e requiren de inscrición previa porque hai prazas limitadas.
As inscricións deben realizase a través de correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org. A partir do venres 21 e ata o xoves 27. A primeira destas visitas terá lugar o vindeiro sábado 29 de maio.
Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal ante a tumba de Palacios, o Concello do Porriño comezou o pasado 27 de outubro os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento. O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, participado polo Concello do Porriño, entre os catorce municipios que o integran, aposta polo Camiño e a enogastronomía como atractivos turísticos en 2021.
Coa ocasión o Xeodestino lanza unha campaña de promoción en varios formatos, soportes e canles.
Un deles é este vídeo promocional en “Youtube” que lles ofrecemos.
O goberno municipal confía en que a corporación aprobe no próximo pleno municipal que se celebrará na última semana do mes, as bases do plan de axuda económica directa aos sectores máis afectados pola pandemia.
“Temos que comunicar que todos os grupos políticos expresaron o seu acordo con esta convocatoria de axudas á hostalería, empresas, autónomos e outras actividades que estaban pechadas total ou parcialmente”, dixo David Alonso, concelleiro de Promoción Económica en relación ao debate celebrado na reunión de portavoces municipais celebrada na tarde de onte.
“Agardamos as achegas que os grupos municipais poidan facer nos próximos días e confiamos en que este plan de axudas dotado con 140.000 euros sexa aprobado no pleno deste mes que celebraremos en breve”, engadiu Alonso Bargiela.
O concelleiro de Promoción Económica que presentou a proposta na xunta de portavoces, sinalou que entre as liñas de axuda, “Porriño incorpora como novidade o que chamamos” liña 4 “que permitirá destinar a subvención municipal para sufragar os gastos de compra de mercadoría relacionada coa reapertura da actividade económica “, declarou.
As outras tres liñas que aparecen nas bases da convocatoria son para gastos de aluguer e gastos xerais (dende o 1 de xaneiro deste ano); gastos relacionados á implantación do comercio on-line; e para amortizar gastos correntes do cumprimento da normativa sanitaria anti-Covid.
A proposta presentada polo goberno municipal porriñés contempla unha contía destinada a esta liña de subvencións cun importe total de 140.000 euros.
Cóntase coa axuda da Deputación Provincial que autoriza a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros, aportando o Concello dos recursos propios a cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total na presente convocatoria de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.
O límite por beneficiario establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.
Este programa de axudas económicas directas, caso de acadar a súa aprobación no próximo pleno da corporación municipal, publicarase no BOPPO, e de seguido, abriríase o prazo para presentar as solicitudes.
Os establecementos de hostalería do Porriño recibirán unha folla informativa para que coñezan as medidas que deben adoptar e para que teñan a información necesaria para descargar os códigos QR. Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil serán os encargados da distribución.
Así se acordou hoxe nunha reunión celebrada na Alcaldía, presidida por Eva García e coa asistencia de Lourdes Moure, concelleira de seguridade, Daniel Rodríguez, inspector xefe, e Antonio Pereira Nandín, oficial de Policía Local, e José Manuel Fernández Sanjuán, Presidente da Asociación de Hostaleiros de Porriño (AHOSPOR). O obxectivo é evitar problemas de exceso de capacidade e garantir o cumprimento das restricións vixentes tanto no interior como nas terrazas dos establecementos.
Adxuntamos “pdf” coa folla informativa a distribuir
David Alonso, concelleiro delegado de Turismo anunciou que o Concello ofrece asesoramento aos cidadáns do Porriño que queiran solicitar as axudas económicas que a Xunta de Galicia vén de convocar para a mellora paisaxística dos activos que se atopan no Camiño de Santiago. Trátase de axudas para particulares de ata 10.000 euros, ata un máximo do 75% do custo da actuación, segundo establece a Xunta de Galicia. No caso das entidades locais, como de feito solicitará o propio Concello do Porriño, a axuda alcanza os 15.000 euros.
Audio do concelleiro, David Alonso
Poden aproveitar o alcance destas axudas económicas, “todas aquelas actuacións que teñen por obxecto a mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo”, segundo explica a resolución da Axencia Turismo de Galicia que as convoca.
As actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos camiños de Santiago e no campo visual do seu recorrido.
En concreto, poderán ser obxecto de subvención actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches…); actuacións sobre a casa e a eira; mellora nos revestimentos: fachada, cuberta con materiais propios da zona (como son a madeira, pedra ou calquera material que harmonice) ou actuacións de desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso, entre outras.
Deixamos ligazón co “pdf” co anuncio da convocatoria no DOG
Persoal do Concello repartiu esta mañá por establecementos e na Praza de Abastos, carteis da campaña “Agora máis que nunca nos perdamos a proximidade”, en apoio do comercio local.
O lema da campaña que promove a Deputación de Pontevedra, “chama á cidadanía a mercar nas tendas locais e de proximidade, nas praza e no mercado da nosa vila apostando polo consumo de produto de tempada das nosas produtoras e produtores”, manifestou Sergio Casal, concelleiro de Comercio.
O concelleiro apelou a que “mercar no comercio de proximidade é un xeito de amosar a nosa solidariedade cun sector que o está a pasar moi mal e que temos que axudar”.
O sector da hostalaría local tivo unha resposta desigual ante a posibilidade de abrir dende hoxe os seus establecementos segundo o establecido no plan de desescalada promulgado pola Xunta de Galicia. O Porriño está no nivel máis restritivo de xeito que os establecementos tan só poden servir nas terrazas, cun aforo reducido ao 50%, cun máximo de 4 persoas por mesa, sexan ou non conviventes. E deberán pechar ás 17 horas.
Continúa a tendencia á baixa no número de contaxios no Porriño como acreditou hoxe a actualización diaria de datos do SERGAS. Segundo informou o número de novos casos diagnosticados nos últimos catorce días son 47. E a incidencia acumulada no concello é maior de 150 e menor de 250, é outro indicador que reflicte a melloría.
Estes datos así como o tratado onte pola alcaldesa Eva Garcia co conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña na reunión telemática semanal que mantén cos rexedores dos concellos da área de Vigo, serán trasladados e comentados cos representantes de todos os grupos da corporación na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid convocada para o vindeiro luns 7.
Por outra banda, o Concello do Porriño lembra que o vindeiro martes 8, festivo, volverá o mercado ambulante despois de seis semanas de suspensión. Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou esta decisión para aliviar economicamente a moitos dese vendedores que son tamén veciños do concello. A decisión foi trasladada e participada polos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na última reunión da comisión de seguimento.
Este martes tan só instalarán os seus postos a metade dos vendedores autorizados, é dicir, uns 70 . O postos con número impar asignado, montarán o 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia.
O Concello do Porriño solicitou á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, unha mellora das deficiencias estruturais que presenta o inmoble do Albergue de Peregrinos. David Alonso, concelleiro de Turismo entrevistouse hoxe en Santiago con Ildefonso de la Campa, director da S.A. do Plan Xacobeo.
Alonso Bargiela retornou co compromiso de que a Xunta vai acometer ese arranxo das deficiencias, particularmente graves na xunta de dilatación do inmoble, xa que o executivo do Xacobeo manifestoulle que hai disposición orzamentaria.
Por outra banda, o concelleiro de Turismo trasladoulle a Ildefonso de la Campa que a petición de que a S.A. de Xestión do Xacobeo homologue un percorrido alternativo e complementario ao actual pola rúa San Sebastián para que os peregrinos que chegan ao Porriño o fagan tamén pola rúa Manuel Rodríguez e barrio de San Benito.
Como anécdota, o concelleiro agasallou ao directivo do Xacobeo cunha bola de Pan do Porriño como se aprecia nas imaxes.
Eva García, alcaldesa de O Porriño participou este mediodía, xunto con outros alcaldes e alcaldesas de concellos da ruta xacobea, nunha reunión telemática coa presidenta da Deputación. Tratouse dunha reunión da Mesa Provincial do Camiño na que Carmela Silva explicou aos responsables municipais as diferentes iniciativas que a Deputación está a desenvolver para pór en valor este itinerario cultura como un eixe estratéxico da estratexia turística de O Porriño e demais concellos do Camiño.
VOLTA CICLISTA
Por outra banda, David Alonso, concelleiro de Deportes participou noutra reunión telemática de responsables municipais dos concellos pontevedreses polos que transcorrerán etapas da Volta Ciclista a España coa Subdelegada do Goberno e mandos da Garda Civil de Tráfico. Pola súa banda David Alonso estivo acompañado de Julio Bernárdez, xefe de Deportes e Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local.
Na reunión telemática con Maica Larriba repasaron o libro de ruta nas diferentes etapas e as previsións de paso polas localidades. No caso de O Porriño, o vindeiro xoves 5 de novembro, terá lugar a saída lanzada da etapa decimo quinta, a partir das 10:50 horas. A caravana sairá de Mos e chegará ao Porriño pola Avenida de Galicia de xeito neutralizado sendo a saída lanzada dende a rotonda dos Aloques e avenida Antonio Palacios en dirección a Ponteareas. Segundo as previsións da organización será preciso cortar o tráfico por todas estas vías e outras afectadas, como a rúa Domingo Bueno aproximadamente media hora antes do paso da comitiva.
Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal, o Concello do Porriño comezou os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento que se cumpre hoxe o 27 de outubro.
Trátase dunha iniciativa das Concellerías de Cultura e Turismo que dirixen Cami Moreira e David Alonso, respectivamente que hoxe acudiron ao cemiterio a realizar a ofrenda ante a tumba de Palacios.
O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.
Algúns deses actos terían que comezar hoxe pero adiáronse debido ás medidas restritivas anti-Covid. Entre elas, unha serie de visitas guiadas teatralizadas a obras de Antonio Palacios, así como un encontro de arquitectos sobre o significado do seu legado.