Protección Civil do Porriño atendeu os tres accidentes de tráfico con camións ocorridos nas últimas horas

A Agrupación de Protección Civil do Porriño atendeu os tres accidentes de tráfico con catro camións e outros vehículos implicados que ocorreron nas últimas horas en tres puntos do termo municipal. Un deles foi na Autovía A-55 pola saída dun camión que impacto contra a mediana.


Outro sinistro foi a colisión entre dos vehículos pesados no Polígono da Granxa na que tamén resultaron afectados outros vehículos como consecuencia do derrubamento dun poste do alumeado público. Neste suceso tamén acudiron axentes da Policía Local do Porriño para levantar o correspondente atestado por danos.


O terceiro accidente atendido polos efectivos de Protección Civil do Porriño foi o envorco dun camión na estrada de Salceda (PO-510) que transportaba un contedor con restos de madeira.


Suso Gónzalez “Carrola”, responsable de Protección Civil Porriño, informou que, precisamente, onte foi o derradeiro día no que estaban a facer prácticas 6 voluntarios que completaron deste xeito a súa formación no curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, realizaron as prácticas dende o 26 de maio cando recibiron a benvida da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, no nome do Concello do Porriño.

A Policía Local avisa de cortes de tráfico e solicita a retirada de vehículos estacionados nas rúas afectadas polo paso da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo.

A Policía Local do Porriño informa á veciñanza de que esta vindeira fin de semana, haberá cortes de tráfico e restricións para estacionamento de vehículos coa ocasión de celebrarse a “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que discorrerá por Porriño e outras poboacións da contorna.

Engadimos nas dúas imaxes adxuntas, os rutómetros das etapas con horarios de paso previstos e as rúas e estradas polas que circularán os ciclistas.

O sábado 8, data da segunda etapa con saída e chegada en Mos, haberá cortes de tráfico puntuais a partir das cinco da tarde cando a caravana circule en dirección Tui, e posteriormente, a partir das seis e media da tarde, cando regrese por Cans, rúa Antonio Palacios e Avenida de Galicia en dirección ao Pazo de Mos.
O domingo 9, coa ocasión da terceira e última Porriño-Porriño, haberá as maiores restricións.


A Policía Local solicita aos condutores que non estacionen os seus vehículos desde as 8.00 horas na avenida Domingo Bueno, en ambas marxes (entre a intersección con Fernández Areal ata a praza de San Sebastián). Tampouco poderá estacionarse, no mesmo horario, na rúa Parque Infantil que será cortada ao tráfico, de mesmo xeito que a rúa San Sebastián, entre a capela de San Bieito e a praza de San Sebastián.
A Policía Local prega a colaboración dos condutores e advirte que os vehículos que estean estacionados nas devanditas rúas, serán retirados polo guindastre.
A Policía Local sinalizará nas rúas afectadas e colocará follas informativas nos parabrisas dos vehículos para lembrar estas circunstancias aos condutores.



 

Adif comunica que debe retomar os traballos de mantemento que afectarán ao tráfico na área do paso a nivel

 

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) comunicou ao Concello do Porriño que hoxe o luns 22, debe retomar os traballos de mellora na área ferroviaria que motivará a repetir os recortes e desvíos do tráfico de vehículos na contorna.
As restricións serán entre as 23 horas desta noite e as 6 horas da mañá do martes 23.

Para executar esas tarefas manterán as barreiras baixadas para interromper tanto o tráfico ferroviario como o tráfico de vehículos a motor, polo que se habilitarán desvíos, de novo.

A Policía Local informa que serán os mesmos que lembramos:
– A rúa Peña será cortada na Rotonda da Central para os vehículos que proveñen da rúa Estación, que, polo tanto, deben circular pola rúa Ramiranes.
– Os vehículos que circulen pola rúa Cando deben ir á rotonda da Central e continuar obrigatoriamente pola rúa Ramiranes.
– E os vehículos que circulen pola Avenida Bos Aires deben continuar pola rúa Progreso.

Estes desvíos serán sinalizados e controlados pola Policía Local.

As alcaldesas de Salvaterra, Salceda e Porriño despregaron unha pancarta cun lazo negro en condolencia cos familiares das vítimas do accidente no Alto da Brava

 

Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra do Miño xunto coas rexedoras de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e de Porriño, Eva Garcia despregaron hoxe unha pancarta cun lazo negro no viaduto de Parderrubias, na estrada PO-510, preto do Alto Da Brava onde pasou o venres pola noite, o accidente no que morreron unha muller e dous dos seus fillos.


As alcaldesas amosaron deste xeito a súa condolencia e dos concellos que representan cos familiares das vítimas.

Adif comunica traballos de mantemento no ferrocarril que afectarán ao tráfico de vehículos na área do paso a nivel

 

A Policía Local notifica unha serie de cortes e cambios de tráfico rodado para vehículos, debido aos traballos de mantemento que ADIF realizará a partir das 23 horas deste domingo 21 e ata as 6 da mañá do luns 22, na zona do paso a nivel.

Para executar esas tarefas manterán as barreiras baixadas para interromper tanto o tráfico ferroviario como o tráfico de vehículos a motor, polo que se habilitarán desvíos.

A Policía Local informa que serán os seguintes:
– A rúa Peña será cortada na Rotonda da Central para os vehículos que proveñen da rúa Estación, que, polo tanto, deben circular pola rúa Ramiranes.
– Os vehículos que circulen pola rúa Cando deben ir á rotonda da Central e continuar obrigatoriamente pola rúa Ramiranes.
– E os vehículos que circulen pola Avenida Bos Aires deben continuar pola rúa Progreso.

Estos desvíos serán sinalizados e controlados pola Policía Local. Serán válidos ata que os traballos de mantemento que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) vai realizar.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza coa campaña de vacinación anti-Covid

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

A Policía Local colaborará para evitar aglomeracións no Centro de Saúde coa ocasión do inicio da vacinación aos maiores de 80 anos

A Policía Local colaborará a partir do vindeiro luns 22 para evitar aglomeracións no Centro de Saúde onde comezará a vacinación contra a Covd de persoas maiores de 80 anos dos concellos de Porriño, Mos e Salceda.

O SERGAS ten previsto que cada día se vacinen no centro de saúde do Porriño a 100 persoas que previamente están convocadas para este fin.  O calendario de vacinación está programado entre as 8.30 e as 14.30 horas.  Cada persoa vacinada debe esperar 15 minutos despois da inoculación para evitar calquera tipo de reacción.

Con estas premisas, a Policía Local habilitará a marxe dereita da rúa doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que trasladen e agarden polas persoas chamadas a vacinar.  Unha patrulla de axentes municipais colaborará para manter os protocolos de seguridade e a distancia entre as persoas, tal e como planificaron hoxe Lourdes Moure, concelleira de Seguridade Cidadá e Jesús González, xefe accidental da Policía Local.

Diversas intervencións de Protección Civil por inundacións

 
O Grupo de Voluntarios de Protección Civil do Porriño realizou ao longo da madrugada e durante a madrugada varias intervencións a petición do 112 e da Policía Local, por balsas de auga e inundacións polas fortes choivas.
 
Segundo os rexistros da estación meteorolóxica de Atios, caeron máis de 62 litros de choiva por metro cadrado.
 
En Torneiros os voluntarios de Protección Civil do Porriño responderon a tres avisos. Levantaron coviñas para aliviar as concentracións de auga e colocaron sinais de perigo para alertar aos condutores.
 
Tamén interviñeron noutras inundacións en Eidos (Atios); na curva do campo de fútbol de Lourambal; na recta principal do polígono das Gándaras, ata “Nueva Pescanova”; no PPI 7 e no parque industrial da Granxa, onde tamén tiveron que axudar e remolcar dous vehículos atrapados.
 
 
Ningún destes incidentes tivo consecuencias importantes.
 
Por outra banda, Protección Civil colabora na vixilancia do río Louro que presenta unha notable enchente en diversos puntos ao seu paso polo municipio.

O CTAG desenvolve un sistema intelixente para detección de semáforos que está a proba no Porriño

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, establecido no polígono da Granxa do Porriño, desenvolveu un sistema intelixente de axuda á condución que recibe información en tempo real dos semáforos para a mellora de seguridade viaria.

Os responsables do CTAG, encabezados polo director xeral, Luis Moreno explicaron o sistema que aínda está en fase de proba á alcaldesa de Porriño, Eva García, e aos concelleiros de Tráfico, Sergio Casal e Novas Tecnoloxías, David Alonso. Foi durante unha viaxe de demostración en varios vehículos equipados con esta tecnoloxía.

 A proba tivo lugar na avenida Domingo Bueno e na avenida Antonio Palacios.  Nas dúas rúas hai un total de sete semáforos equipados con dispositivos “V2X” que envían o sinal a través de ITS, G5 ou a teléfonos móbiles.  Informan sobre a fase na que se atopa o semáforo (verde, ámbar ou vermello) e sobre o tempo restante para que o semáforo cambie de fase.

 

Ao remate da viaxe a alcaldesa Eva García manifestou “o orgullo que sentimos no Porriño pola contribución que centros de investigación como o CTAG realizan para a mellora da seguridade, que supón un pulo para o desenvolvemento tecnolóxico”. “Como falaba con Luis Moreno, teño a satisfacción de ser a alcaldesa dunha cidade laboratorio”. O director xeral do CTAG engadiu que “nos imos perder o tempo investigando o xenoma da miñoca, senón que temos como norte desenvolver tecnoloxía útil”.

 

Pedro Pereira declara que o Concello “está parcialmente satisfeito” co compromiso da Xunta sobre A Vaquería

 

O primeiro tenente de alcalde de O Porriño, Pedro Pereira trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.

A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño, “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado”, valorou Pereira Fernández.

O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da varíante. O vial terá un 1 quilómetro 400 metros e suporá unir a Autovía A-55 coa estrada PO-510 o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.

Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 euros que será o custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.

Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.

O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore.